A Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra obriga a impartir aulas en condicións insalubres e perigosas no CMUS Manuel Quiroga

Desde a CIG-Ensino advertimos que se non se toman medidas sanitarias o conservatorio pontevedrés pode converterse nun foco de transmisión de coronavirus

O CMUS Manuel Quiroga agrupa a alumnado de toda a comarca polo que as medidas de protección sanitaria deberían ser aínda máis exhaustivas. 

Xa hai mais de oito anos que desde a CIG Ensino se denunciaran os problemas de ventilación do CMUS Manuel Quiroga. Problemas que trouxeran mesmo mareos, con temperaturas que superaban con moito as condicións aconselladas para poder traballar en condicións dignas. Desde aquela e tras moitas presións conseguiuse a promesa do cambio de xanelas do centro que desde entón só se acometeu nunha aula. 

Agora están a padecerse as consecuencias de non ter feito as modificacións no seu momento. O centro continúa cun problema da ventilación inadecuada e con xanelas que apenas teñen marxe de apertura. Isto provoca unha escasa ventilación e polo tanto que se alcancen temperaturas excesivamente altas no interior das aulas. Unha ventilación adecuada é esencial nun centro de ensinanza da música e máis na situación epidemiolóxica na que nos atopamos. A práctica de canto e da execución con instrumentos de vento está asociada a unha emisión de aerosois significativa que require espazos abertos e ventilación suficiente.

Desde a CIG-Ensino consideramos urxente que o servizo de prevención de riscos laborais avalíe as condicións de traballo no conservatorio. É preciso que se dote ao persoal docente e non docente de EPis axeitados para o posto de traballo que ocupan. A solución das mamparas non serve para o conservatorio pois non son máis que barreiras plásticas que non impiden o espallamento de aerosois e incrementan a súa concentración en espazos pechados interrompendo o fluxo de aire e ralentizando así a taxa de intercambio de aire por hora.

Desde a CIG-Ensino preguntámonos a que espera a Consellaría de Educación e esixímoslle que tomen xa as medidas oportunas que garantan un ensino público de calidade e con garantías sanitarias tamén no Conservatorio de música. 

Volver