
A Xefatura Territorial da Coruña retirará todas as adxudicacións de destinos nos IES do Concello de Culleredo
Unha nova mostra da incapacidade, a desidia e a arbitrariedade do Xefe Territorial e do Xefe de Inspección na Coruña.
A CIG-Ensino xa denunciara nos meses previos á creación do novo IES Culleredo que o proceder tanto do Xefe Territorial como do Xefe de Inspección era improcedente pola falta de planificación. Naquela altura, o sindicato nacionalista indicou que era preciso ter ben claro como ía quedar o reparto da oferta educativa entres os tres institutos; é dicir, onde se impartiría a ESO, o Bacharelato e a Formación Profesional para, en función deses criterios, promover unha adscrición do profesorado dos centros afectados. Ao tempo, o deseño dunha oferta educativa vai máis alá dos propios intereses laborais do profesorado, afectando directamente o alumnado e as familias de todo o concello.
A Xefatura Territorial fixo ouvidos xordos a todas as alertas que desde a CIG-Ensino se lle fixeron chegar previas á adscrición para o novo IES. No actual concurso de traslados adxudicou provisionalmente 17 postos de traballo nos tres institutos. Agora a Consellaría dá marcha atrás e retira todas esas vacantes, introducindo unha serie de cambios moi importantes na adxudicación final, xa que esta retirada afecta, ao tempo, a outros posíbeis destinos froito das resultas que xa non se producirán, afectando a un número elevado de docentes.
De ter feito o traballo como a CIG-Ensino propuxo no seu momento, agora estarían claras as necesidades reais de profesorado de secundaria no concello de Culleredo, podendo ofertarse as vacantes que realmente se precisasen. A desidia, a incapacidade e a arbitrariedade á que nos teñen tan acostumados tanto o xefe de Inspección como o Xefe Territorial volve provocar de novo medidas que afectan negativamente o profesorado.