A Universidade de Vigo deberá pagar e desgravar na docencia polo sexenio de transferencia

Unha sentenza vén de recoñecer estes dereitos a un docente da Universidade de Vigo logo dunha demanda presentada e dirixida polos servizos xurídicos da CIG

Un profesor titular da UVigo que obtivo un sexenio de transferencia na primeira quenda de resolucións, de decembro de 2019, vén de gañar un recurso contencioso-administrativo que obriga á Universidade a pagarlle o correspondente sexenio de transferencia con efectos de 1 de xaneiro de 2019, así como a que se lle teña en conta na asignación de carga lectiva para o curso 2020/21 e seguintes. A sentenza reflicte a inexistencia de diferenzas entre os sexenios de transferencia e os demais sexenios de investigación.

Agora ben, a sentenza non é firme, pois inda é recorríbel. E non é automaticamente transferíbel ao resto do PDI que se atope na mesma situación, pois o fallo se limita unha situación xurídica individualizada”.

Desde a CIG PDI solicitamos ao goberno da Universidade de Vigo que non recorra a referida e sentenza e proceda a recoñecer o dereito non só ao profesor que vén de gañala senón a todo o profesorado da UVigo que conseguiu o sexenio de transferencia para poder cobrar o correspondente complemento salarial e a telo en conta na asignación de carga lectiva.

Discriminación do PDI da UVigo.

Resultaría incomprensíbel a Universidade de Vigo manteña unha actitude que nega o evidente, cando outras universidades están a pagalos e a recoñecelos na docencia, mesmo a quen o conseguiron nas quendas de 2020. Este é o caso da USC que xa está a pagar o sexenio de transferencia. No caso da UDC aínda non se efectuou o pago mais existe un compromiso por parte do vicerreitorado de profesorado de facelo inmediatamente sen necesidade de reclamar xudicialmente.

Demorar o recoñecemento na UVigo só pode rematar nunha morea de recursos contencioso-administrativos, xerando dano ao profesorado da universidade, a desafección do persoal coa propia institución e o descrédito da universidade. De aí que desde a CIG apelemos a unha rectificación por parte da UVigo e a extensión dos efectos desta sentenza a todo o PDI con sexenio de transferencia.

A CIG PDI dará apoio á reclamación a todos aqueles afiliados e afiliadas que conseguiron o sexenio de transferencia.

 

Volver