A transformación do ensino comeza co profesorado

5 de outubro. Día mundial do profesorado

Para celebrar verdadeiramente o Día Mundial do Profesorado, debemos ir máis alá do simple agradecemento e das palabras que habitualmente se pronuncian en efemérides como esta; en moitas ocasións por parte das administracións públicas e empresas privadas que protagonizan o deterioro da nosa profesión.

Necesitamos reforzar o investimento público en sistemas de educación pública de calidade e gobernos de diferentes cores políticas non deron os pasos adiante para camiñar nesa dirección. Vímolo coa ausencia de partidas orzamentarias propias vinculadas á posta en marcha da reforma da LOMLOE por parte do goberno estatal e vémolo, padecémolo, día a día cunha política de abandono e desprezo cara o profesorado por parte da Consellaría de Educación. 

Os gobernos deben investir na profesión docente, garantir os dereitos laborais e as boas condicións de traballo. En Galiza estamos moi lonxe desta realidade. Sen ir máis lonxe, somos das escasas comunidades autónomas nas que non recuperamos o horario lectivo que tiñamos: 18 horas en Secundaria e 21 en Primaria. Nunha década pasamos de ser o profesorado coas mellores condicións laborais, canto menos no que ao horario lectivo se refire, a estar no furgón de cola. 

A nivel internacional, a Internacional da Educación, da que a CIG-Ensino forma parte, proclámase nunha data como a do 5 de outubro, que os gobernos deben involucrar o profesorado na toma de decisións e confiar na súa experiencia pedagóxica. Tamén novamente nada máis lonxe da realidade no noso país. Como se afirma desde a IE, a transformación comeza co profesorado

Desde a CIG-Ensino non só queremos facerlle ver esa realidade transformadora aos gobernos, senón que nós mesmos, nós mesmas, tomemos conciencia deste papel transformador que, malia todas as pexas e trabas que nos poñas, sexamos protagonistas da transformación do noso sistema educativo e da nosa sociedade.
No día Mundial do Profesorado esiximos:

Incremento do investimento público para a educación.

Garantía dos dereitos do profesorado.

Mellora das nosas condicións de traballo.

Participación do persoal docente das decisións políticas en materia educativa.

Volver