A supresión de 42 aulas implica a eliminación de 62 postos de traballo en infantil e primaria
Os postos de traballo que se suprimen coa publicación dos cadros de persoal son un 7% máis que o curso anterior e inciden nunha perda paulatina de persoal do corpo de mestres
“Reorganización”. Con esta denominación adoita presentar a Consellaría de Educación os recortes en unidades e postos de traballo nos centros de educación especial, infantil e primaria. A este eufemismo o equipo da conselleira une este ano o anuncio de que están a construír novos colexios: debeulle parecer que o recorte era por si só pouco presentábel e decidiron acompañalo de “expectativas de futuro”.
As cifras, porén, non deixan lugar a dúbidas: ano tras ano a Xunta pecha aulas, tanto en centros completos como unitarias no medio rural. O curso 2019/20 comezará co peche de 67 aulas, entre as que se atopan 7 unitarias. O peche de aulas non se ve compensado pola creación oficial de unidades que, todas elas, xa viñan funcionando: só abren 25. A incidencia das aulas habilitadas, aquelas que non se poden dotar con profesorado definitivo á espera da consolidación da matrícula prevista, ten este curso unha incidencia irrelevante e só serve para edulcorar os fríos datos de eliminación de recursos públicos.
Por provincias, é novamente Pontevedra a que sofre os principais efectos dos recortes de unidades, ao se repetiren cifras case idénticas ás do curso pasado: un 60% das aulas pechadas son desta provincia.
PROVINCIA |
Supresións |
Creacións |
Totais |
Habilitacións |
A Coruña |
-20 |
12 |
-8 |
5 |
Lugo |
-2 |
8 |
6 |
-3 |
Ourense |
-5 |
2 |
-3 |
4 |
Pontevedra |
-40 |
3 |
-37 |
2 |
TOTAL |
-67 |
25 |
-42 |
8 |
A Educación como gasto: menos aulas, menos profesorado
Ao tempo que a sangría se estende co peche de aulas, a política de corte neoliberal que practica o goberno do PP, cunha concepción mercantilista da educación, tamén alcanza os postos de traballo: serán 62 mestras e mestres menos os que comecen o curso 2019/20. Os datos confirman as denuncias efectuadas pola CIG-Ensino na avaliación feita polo sindicato maioritario en canto se coñeceron os orzamentos de 2019, nos que xa se anunciaba unha redución do capítulo I (persoal).
A redución de postos de traballo, superior nun 7% á do curso anterior, levará consigo o despedimento de persoal interino e o desprazamento de profesorado definitivo a outros colexios e terá unha especial incidencia na especialidade de Educación Primaria, na que se concentra máis da metade das prazas suprimidas.
CATÁLOGO MESTRES XULLO 2019 |
EI |
EP |
FI |
FF |
EM |
EF |
PT |
AL |
DO |
OC |
ALC |
PTC |
Total |
Creadas |
24 |
12 |
2 |
2 |
1 |
3 |
1 |
2 |
3 |
7 |
8 |
1 |
66 |
Suprimidas |
34 |
44 |
6 |
4 |
4 |
12 |
8 |
7 |
6 |
3 |
0 |
0 |
128 |
Resultado |
-10 |
-32 |
-4 |
-2 |
-3 |
-9 |
-7 |
-5 |
-3 |
4 |
8 |
1 |
-62 |
A hipocrisía do goberno galego co medio rural
O peche de aulas no medio rural é unha constante nas últimas décadas e viuse agudizada coa chegada ao poder de Feijóo. Falamos de unitarias mais non só: tamén pechan aulas en centros rurais de tamaño medio que van ficando reducidos á mínima expresión e convertendo o seu peche nunha morte anunciada. A hipocrisía do goberno galego acada no trato que dispensa ao medio rural unha das súas máis altas cotas: ao tempo que elimina servizos públicos nas aldeas e pequenas vilas do país (escolas, centros de saúde, servizos sociais..) entoa ladaíñas e dáse golpes no peito a falar da desertización no rural e na necesidade de frear a sangría de poboación. Ningunha credibilidade poden ofrecer as bagoas de quen executa políticas que, sen contemplacións, inciden na fenda de dereitos entre quen nace e quere vivir no rural e o resto da cidadanía.
San Caetano como un búnker
Familias afectadas polo peche de aulas no rural ou organizacións sindicais como a CIG-Ensino vimos demandando deste goberno que abra o búnker no que converteu San Caetano e as súas extensións provinciais para negociar o futuro das aulas en perigo pola queda da natalidade. O actual equipo da consellaría mantén o hermetismo total e a negativa a sentarse nunha mesa de negociación: non acepta negociar os criterios de peche de unidades e de supresión de postos de traballo na Mesa Sectorial, na que sabe que vai ter unha oposición frontal ao desmantelamento do ensino público e engana ás familias e concellos cando pecha unha escola facéndolles crer que esa situación se pode reverter. Instalada na soberbia da maioría absoluta e na protección habitual dos medios de comunicación propios ou afíns, a Xunta manter un illamento total ao respecto da comunidade educativa, indigno dun goberno democrático.