A suba nas nóminas do 0,5% non cobre a perda do 2,7% de poder adquisitivo do persoal docente nos dous últimos anos

A CIG lamenta que o pacto de CCOO e UGT co goberno central para a administración pública non chegue nin ao 4% que se está aplicando como media en Galiza na empresa privada e que esas mesmas centrais propoñen xunto coa patronal española

Sen contar todos os recortes que levamos sufrido desde a anterior crise de 2010, a CIG critica que o pacto “de perdas” dos sindicatos estatais consolide que os salarios do profesorado suban por debaixo da carestía da vida.

Na nómina do mes de novembro o profesorado pode ver como a súa nómina se incrementa nun 0,5%, incorporando os atrasos desde xaneiro de 2023. Con esta suba, o incremento salarial no sector público queda neste ano no 3%.

A suba, que forma parte do “pacto de perdas” plurianual asinado por CCOO e UGT co Goberno español, consolida novamente a perda de poder adquisitivo dos empregados e empregadas públicas ao formar parte dun “compromiso á baixa” destes sindicatos que asumiron que para que se puidese dar esta suba o IPC harmonizado de 2022 e 2023 tería que superar o 6%, ou o que é o mesmo, pactaron subir por debaixo do que se incrementou o custe da vida.

Cos último datos do IPC interanual oficiais coñecidos (mes de outubro), a suba do IPC destes dous anos sitúase no 9,2% (5,7% do ano 2022 e 3,5% provisional do ano 2023), o que implica unha perda do 2,7% no noso poder de compra.

Unha mestra con 12 anos de servizo vai cobrar na nómina de novembro polos atrasos de 2023 un total de 145,73€. Se se aplicase a CLÁUSULA DE REVISIÓN SALARIAL que propuxo a CIG (isto é, subir nunha paga adicional o diferencial entre o cobrado e a suba do IPC) esta mesma mestra tería que cobrar 801,88€. Isto é, o pacto salarial faille perder a esta mestra 656,15€.

Un PES con 30 anos de servizo tería que cobrar 1.076 euros, é dicir, 879,82 euros máis do que vén de percibir.

Os salarios no sector público galego medran por debaixo da suba no sector privado este ano tanto a nivel estatal como galego, situado no 4%

A suba, imposta a nivel do Estado, está por baixo da suba salarial media que existe en Galiza neste 2023, que se sitúa nos diferentes convenios colectivos nunha media do 4%, o que se debe en boa parte á presión exercida pola CIG como sindicato maioritario no país, sendo a maior suba porcentual en todo o Estado. Isto implica que os e as empregadas públicas galegas temos unha suba inferior á media da empresa privada.

Tamén chama a atención que os mesmos sindicatos que aceptaron que os nosos salarios quedasen por debaixo do IPC asinaron, tamén a nivel estatal, un acordo confederal coa patronal, para subir os soldos no 2023 un 4%. É dicir, coa patronal española asinaron “recomendar” na negociación colectiva un incremento maior que o que asinaron na administración pública.

A alternativa da CIG foi clara e rotunda na negociación. Propuxemos unha suba do 5% anual en 2022, 2023 e 2024 coa incorporación dunha cláusula de revisión salarial. Isto é, se o IPC non chegaba a eses díxitos garantíase esa suba para recuperar unha parte do que nos recortaron desde 2010 e, se o IPC subía por riba do pactado, aplicaríase esa revisión salarial cunha paga a finais de ano que, igualando o IPC interanual, permitiría que os nosos salarios non se depreciasen.

Volver