A sociedade galega, convocada mañá na defensa da Universidade pública

Ás 11 da mañá realizaranse concentracións simultáneas en todos os campus galegos

Pola defensa da equidade social nos estudos superiores e contra a privatización da universidade. A Plataforma galega en defensa da universidade pública  convoca mañá a toda a cidadanía a amosar o seu rexeitamento contra o proxecto de lei que permitirá a creación da primeira entidade privada deste tipo en Galiza promovida por Abanca e que conta co respaldo da Xunta de Feijóo.

A Plataforma galega en defensa da universidade pública, composta inicialmente polas tres organizacións sindicais con representación nas tres universidades galegas (CIG, CCOO e UGT), así como polas organizacións estudantís Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes levará a cabo mañá a primeira mobilización contra a privatización da universidade da man da entidade financeira Abanca. Recentemente tamén se adheriron á Plataforma as seguintes organizacións e entidades: Traballadores Galegos da Universidade (TGU), A Trabe Colectivo Nacionalista do PAS da USC, Asemblea de Investigadoras da USC, Asemblea Aberta de Estudantes de Ourense, Fronte de Estudantes, En defensa das humanidades, CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Grupo Común da Esquerda, Partido Comunista de Galicia, Anova, Compostela Aberta, Galiza Nova e BRIGA. 

Ás 11 horas terán lugar concentracións diante de edificios significativos dos sete campus galegos. 

Santiago

Reitoría da USC

Lugo

Biblioteca Intercentros

A Coruña

Facultade de Informática

Ferrol

Vicerreitoría Ferrol

Vigo

Reitoría da UVigo

Pontevedra

Facultade de Ciencias Sociais

Ourense

Facultades de CC. Educación e de Historia

Nas concentracións de mañá pedirase a paralización do proxecto lexislativo que vai permitir a creación da Universidade Intercontinental da Empresa sen apenas coñecerse cales van ser as intencións dos seus promotores en canto a oferta formativa. Segundo a normativa existente debería ofertar cando menos 8 títulos entre graos e posgraos e parece que queren concentrar esta oferta nos eidos xurídico-social e enxeñaría-arquitectura. “Mentres se lle nega a autorización de novas titulacións ás universidades galegas e se ten conxelada a taxa de reposición dos seus efectivos, semella que se lle vai dar carta branca tanto para a contratación do profesorado como para a oferta académica, sen garantías de que se van cumprir os requisitos de calidade e excelencia que si se aplican nas institucións privadas. 

Ademais da asistencia ás concentracións de mañá segue activa a posibilidade de adherirse tanto a nivel individual como colectivo á Plataforma no blogue blogue da Plataforma.

Volver