A situación provocada polo coronavirus non pode pasar por riba dos dereitos de profesorado e alumnado das universidades galegas

Comunicado da CIG-Ensino sobre a problemática actual no SUG

Case un mes despois de que se decretase o estado de alarma por parte do goberno central, prorrogado na actualidade, e de que as universidades galegas acordasen a suspensión das actividades presenciais, que afecta dunha maneira especial á actividade docente, dende CIG-Ensino consideramos oportuno facer balance da situación que afecta ao conxunto da comunidade universitaria, pero tamén dunha forma especialmente gravosa ao profesorado

En primeiro lugar, queremos poñer en valor e recoñecer o inmenso esforzo e traballo que todo o profesorado e o resto de persoal das tres universidades vén realizando dende o primeiro momento, por conciliar o teletraballo derivado das súas obrigas docentes, investigadoras e burocráticas co coidado de nenos ou nenas e persoas maiores. Un traballo que require dunhas condicións de concentración que na situación actual parte do profesorado non pode acadar (PDI afectado pola Covid-19, coidado de familiares e doentes, restricións no espazo de traballo, nos recursos tecnolóxicos ou de conectividade, etc.). Debemos subliñar o esforzo por parte do persoal das tres universidades que fai posíbel que o servizo público que prestamos á sociedade manteña a súa calidade e permite que a universidade galega amose unha forte resistencia ante unha grande adversidade como supón esta crise da COVID-19.

Todo isto é unha mostra clara da fortaleza e resiliencia das universidades ante unha situación inesperada, pese aos recortes e situacións adversas que ten sufrido ao longo da última década, que ten afectado gravemente á reposición de efectivos.

Dende CIG-Ensino lamentamos que nas declaracións oficiais e regulacións que se veñen producindo por parte do Ministerio, Xunta e as propias universidades, non se recoñeza de xeito explícito este labor e esforzo que vén desenvolvendo o profesorado. De feito, as referencias habituais que se fan ao PDI son unicamente para o estabelecemento de obrigas, requisitos burocráticos, seguimento e avaliación da súa actividade e demais aspectos de adaptación á nova situación. Porén, non se atopa nin unha mínima mención, proposta nin medida dirixida a salvagardar os seus dereitos ou mitigar as difíciles situacións nas que poidan estar desenvolvendo o seu traballo, tanto docente como investigador.

Dende CIG-Ensino aplaudimos a preocupación por manter unha docencia activa e de calidade, apoiando calquera medida conducente a ese obxectivo, tal como veu demostrando de forma proactiva o profesorado e a comunidade universitaria no seu conxunto dende o inicio da crise. Mais, como organización sindical maioritaria en Galiza, tamén esiximos que a crise sanitaria non prexudique os dereitos do profesorado.

A situación non é idéntica nas tres universidades galegas e non se reproducen coa mesma intensidade os problemas que desde a CIG-Ensino entendemos que deben centrar a atención  das diferentes administracións (Ministerio, Xunta, Universidades do SUG). Aínda así, salientamos algunhas das situacións que afectan a estes dereitos e nas que a CIG está reivindicando unha solución nos diferentes ámbitos nos que corresponde:

  • A situación do PDI e contratados predoutorais e posdoutorais que rematan contrato neste período.
  • Retraso na celebración dos concursos de prazas de PDI e na sinatura dos contratos nos procesos finalizados.
  • Retraso na incorporación de novo profesorado de substitución cando xa estaban os procesos en marcha, orixinando unha sobrecarga de traballo para parte do profesorado.
  • Indefinición con respecto aos procesos de avaliación para a acreditación do profesorado.

Por parte do Ministerio de Universidades, o único que recibimos uns días antes de semana santa foi un borrador dun documento de traballo, que entendemos como un desiderátum que chega tarde, case un mes despois de que se teña suspendido a actividade presencial, cando a práctica totalidade das universidades xa veñen amosando dende o primeiro momento unha actitude proactiva, véndose materializado na práctica, grazas á corresponsabilidade de toda a comunidade universitaria e poñendo en valor todos os seus medios humanos e materiais.

CIG-Ensino é crítica coa introdución de cada vez máis requirimentos burocráticos nun contexto no que as universidades están a realizar inxentes esforzos, tanto organizativos como laborais, para que esta situación afecte ao normal desenvolvemento das materias e do curso académico no seu conxunto. Os resultados son máis que satisfactorios, polo que introducir novas esixencias administrativas e trámites burocráticos o único que conseguen é sobrecargar aínda máis ao persoal das universidades, cando neste momento o que realmente se necesita é flexibilidade e confianza nas universidades, respectando ao máximo a autonomía universitaria.

Neste contexto, CIG-Ensino reclama que se reduzan os procedementos burocráticos derivados desta situación e unha maior coordinación entre as distintas instancias da Universidade (Departamentos, Facultades, Vicerreitorías..) que reduzan o volume de información e de requirimentos de seguimento e control do traballo docente.

Ao tempo, tamén poñemos o acento na escasa marxe que se dá nalgúns casos para acomodar as instrucións á práctica docente, como acontece no caso das avaliacións, con prazos moi axustados que non fai máis que incrementar a tensión entre o persoal docente e investigador.

A non presencialidade esixe unhas condicións (acceso a un ordenador, acceso a un software moitas veces suxeito a licenza, acceso a internet de banda ancha) que non estaban marcadas no inicio da materia ou que, estándoas, o alumnado tiña garantidos todos eses elementos nos recursos comúns da universidade. Neste sentido, a fenda dixital pode ser o maior problema que leve a que unha parte do alumnado quede fóra da reprogramación do curso académico. CIG-Ensino insiste na necesidade de que as Universidades e a Administración poñan en marcha solucións efectivas para garantir o acceso universal á teledocencia do alumnado e o profesorado, poñendo á súa disposición os medios necesarios para solventalas.

Preocupa tamén a indefinición e mesmo confusión no relativo á avaliación do alumnado, aínda sen contar a día de hoxe cunha posición clara por parte das universidades nin no que se refire ao momento no que esta deberá ter lugar nin ao modo de avaliación. Neste punto reivindicamos que se abra un proceso de reflexión e negociación colectiva cos representantes do profesorado. A día de hoxe, seguimos a esperar unha resposta. A mellor solución a estas incógnitas só pode acadarse con unidade, reflexión colectiva e defensa da autonomía universitaria. O profesorado debería ter un papel central á hora de decidirse esta adaptación. No caso do SUG debería nacer dunha posta en común das 3 universidades.

Dende a CIG entendemos que a adaptación do sistema de avaliación debe ter unha consideración cara ás persoas (alumnado e profesorado) que non teñen acceso a internet nos seus lugares de residencia ou que o teñen dun xeito restrinxido, e ás que carecen dos recursos tecnolóxicos necesarios. Estas situacións, das que temos constancia que existen, imposibilitan calquera intento de implantación dun sistema de avaliación por medios telemáticos, que agravaría aínda máis as dificultades existentes, aumentando a desigualdade de oportunidades.

Por todo isto, CIG-Ensino reclama a apertura urxente dun proceso de diálogo e negociación colectiva cos representantes do PDI para a toma de decisións sobre as condicións de traballo, así como sobre os procedementos e tempos relativos á avaliación. Isto faise máis necesario, se cabe, nun contexto de crise como o actual, con especiais situacións de coidado e de saúde, e de claro aumento da carga de traballo.

Volver