A sentenza de Verducido: un novo golpe á actuación arbitraria e contra a escola rural da Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra

A xustiza dá a razón ás familias do alumnado de Primaria da Escola de Verducido e obriga a que en dez días se incorpore unha mestra a esta aula

Na CIG-Ensino parabenizámonos deste auto no que se ditamina que o peche da aula de Primaria se fixo de maneira irregular por parte da administración, poñendo o acento nas formas e non no fondo da decisión en si.

O xulgado do Contencioso Administrativo Nº1 de Pontevedra acaba de dar a razón á denuncia presentada polos pais da Escola de Verducido contra o peche da unidade de Educación Primaria de dita escola. O xefe territorial de Pontevedra, César Pérez Ares, continúa coa súa xestión caótica do ensino público e asinando ordes que van en contra do que debería ser unha administración que defende a escola rural, que vemos como acaban sendo anuladas pola xustiza.

Ataque á escola rural 

Na CIG Ensino xa denunciamos públicamente os intentos reiterados desde hai anos da Xefatura Territorial de Educación de tratar de pechar a aula de primaria, que é un referente como modelo de integración na súa contorna. Este curso materializaron por fin as súas intencións saltándose todas as garantías procesais, sen informar as partes, permitindo o proceso de matrícula do alumnado no centro… Ao igual que aconteceu coas Escolas de Brión e da Laracha, o plan da Xunta é deixar o rural sen servizos educativos, malia que existan familias interesadas en manter a escolarización das súas fillas nestes centros. 

A Consellaría actúa fuxindo da obriga da administración de protexer, coidar e fomentar as escolas rurais como un xeito de estruturar o país, obriga que debería ter moi presente especialmente este curso escolar coa situación de emerxencia sanitaria pola Covid-19, na que este tipo de centros deberían tomar un maior protagonismo pola proximidade, polo seu apego ao entorno, pola maior capacidade de garantir as distancias entre o alumnado… 

Irregularidade nas formas

A setenza, que pode ser recorrida, dá dez días de prazo para que se incorpore unha mestra á unidade de Primaria e incide na actuación irregular da administración sobre as formas empregadas, non así no fondo da decisión, para levar a cabo o peche, o que demostra tamén a sensación de impunidade coa que opera o xefe territorial de Pontevedra na súa xestión. Por iso, desde a CIG-Ensino consideramos que esta persoa non pode seguir ao fronte dunha administración que ten que velar polo ensino público e non atacalo como vén sendo habitual no seu cargo.

Volver