A Secretaría da Muller da CIG conmemora o 8 de marzo baixo o lema “As políticas do PP prexudican seriamente os nosos dereitos”

Denuncia que a crise e as políticas laborais do PP obrigan a emigrar de Galiza a máis de 58.000 mulleres de entre 15 e 34 anos

A taxa de paro feminino medrou só no último ano 1,5 puntos e duplica a de 2008. As mozas galegas emigran porque non atopan traballo en Galiza e xa desapareceron do padrón de habitantes máis de 58.000 de entre 15 e 34 anos, desde que comezou a crise. Este é o desolador panorama que retrataron a secretaria da Muller da CIG, Margarida Corral, e a responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López, na rolda de prensa de presentación do Informe “A muller no mercado laboral en Galiza en 2013” e da campaña que a central sindical está a desenvolver arredor do 8 de marzo. Anunciaron ademais o apoio da CIG á manifestación convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, o día 9 de marzo, con saída ás 12:00 horas da Estación do Tren de Compostela e chamou a participar nela porque como se recolle no lema deste ano “As políticas do PP prexudican seriamente os nosos dereitos! Quérennos na casa! Respondamos na rúa!”.

Ademais, denunciaron, que as mulleres que quedan ven como se deterioran as súas condicións laborais e salariais, como se reducen as axudas públicas ás persoas dependentes e como a responsabilidade do seu coidado volve recaer sobre elas. Canto ás maiores, máis de 30.000 perciben unha pensión non contributiva -366 euros ao mes- e as que cobran unha pensión contributiva ingresan unha media de 574 €, o 53,7% do que ingresan os homes.

Con esta campaña que,  “As políticas do PP prexudican seriamente os nosos dereitos”, a CIG responsabiliza  directamente ao Partido Popular de provocar un retroceso sen precedentes nas condicións laborais, salariais e de vida das mulleres galegas..En concreto Margarida Corral sinalou de entre esas políticas a reforma laboral, os recortes sociais, a privatización dos servizos públicos, o incremento das taxas en ensino e servizos sociais, copagamentos varios ou á eliminación da universalidade no acceso aos servizos públicos de saúde. Recortes aos que engadiu a redución dos salarios, o abaratamento do despedimento, a reforma das pensións, as altas cifras de desemprego, e “un marco lexislativo que nos retrotrae a tempos do franquismo”.

Así salientou a reforma do Código Penal, o anteproxecto de Lei para a protección da seguridade cidadá, a reforma das mutuas, ou o “ultraconservador” proxecto de Lei orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada. Reformas que considerou que “obedecen a unha estratexia da dereita de devolver ás mulleres ao rol reprodutivo e de coidado, ou ben para explotarnos dobremente, pagándonos menos salario e garantindo que contribuamos ao sistema facéndonos cargo das tarefas de coidado, ao tempo que desempeñamos o noso labor no campo reprodutivo”.

Denunciou as consecuencias da reforma das pensións e da reforma laboral que, alén de facilitar o despedimento e a redución de salarios, “precarizou e desregulou as condicións de traballo” permitindo que sexan as empresas e non as mulleres as que estabelezan os criterios para a concreción da redución de xornada por coidado. Políticas que están a provocar que sexan as mulleres quen “substituímos os recortes no gasto público mediante o noso traballo invisíbel e non remunerado no ámbito do fogar”.

Control dos corpos, da sexualidade e da vida das mulleres

A secretaria da Muller da CIG denunciou tamén que o PP pretende “tomar o control dos nosos corpos, da nosa sexualidade e así garantir a explotación e o control da vida das mulleres”. Sinalou que isto estase a facer desde a consellaría de Sanidade en Galiza opoñéndose á dispensación da pílula postcoital sen receitas nas farmacias, delegando a responsabilidade de asesorar a mulleres embarazadas a centros privados, relixiosos e antiabortistas, e no Estado eliminando pílulas anticonceptivas, mesmo obstaculizando o acceso na rede pública a tratamentos de fecundidade asistida a mulleres soas e agora negando a posibilidade de interromper o embarazo. Iniciativas que considerou que “supoñen un negocio moi rendíbel para o sector privado” e que pretenden “manter ligada a sexualidade á reprodución, vinculando a maternidade como o único camiño para a realización das mulleres, sometendo os nosos corpos aos seus ditados”.

Ante isto, asegurou que “as mulleres da CIG “non podemos consentir esta tutelaxe, esta domesticación, non imos someternos á imposición” e fixo un chamamento a saír á rúa para “facérmonos escoitar” e crear consciencia na sociedade a prol da igualdade, participando na recollida de sinaturas para a ILP promovida pola central sindical, mais tamén achegando propostas desde a perspectiva de xénero nas mesas de negociación dos convenios colectivos; a través da negociación de plans de igualdade de oportunidades nas empresas e de protocolos de prevención e actuación de acoso laboral, sexual e por razón de sexo; reivindicando a corresponsabilidade nas tarefas de coidado; pulando polo emprego dunha linguaxe non sexista; combatendo e denunciando a desigualdade salarial, a temporalidade e a precariedade laboral; por unha política real que garanta a compatibilidade entre o traballo e as responsabilidades familiares sen que sexa a custa de reducir salarios ou protección social; esixindo políticas de prevención e actuación fronte á violencia machista; loitando por un sistema de pensións público, socialmente xusto, que nos afaste da liña da pobreza.

Manifestación o 9 de marzo en Compostela e o 8 de marzo en Vigo

Anunciou ademais o apoio da CIG á manifestación convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, o día 9 de marzo, con saída ás 12:00 horas da Estación do Tren de Compostela e chamou a participar nela porque como se recolle no lema deste ano “As políticas do PP prexudican seriamente os nosos dereitos! Quérennos na casa! Respondamos na rúa!”.

A isto engadiu que a Secretaría da Muller de Vigo convida tamén a participar nos diferentes actos que se celebrarán na cidade o propio 8 de marzo, nomeadamente na manifestación convocada pola Marcha Mundial das Mulleres, que sairá ás 20:00 horas desde a Praza de Portugal e que rematará coa actuación de Sés na Praza da Constitución, organizada polo Consello Municipal da Muller.

As mozas galegas emigran

Segundo explicou a responsábel do gabinete de Economía da CIG, Natividade López, desde o ano 2008 máis de 58.000 galegas de entre 15 e 34 anos déronse de baixa no Padrón municipal de habitantes o que, ao seu entender, evidencia a “terríbel situación que está atravesando Galiza, coa enorme perda de poboación da xente máis nova e mellor formada”.

Isto implica que en torno ao 17% da poboación que tiña no ano 2008 entre 15 e 34 anos está neste momento fóra. As porcentaxes son idénticas en homes e mulleres e “as consecuencias a medio e longo prazo desta sangría van ser demoledoras para o noso futuro”, advertiu López Gromaz.

Esta emigración masiva está provocada polo desemprego que afecta ao 21,9% das mulleres e que medrou só no último ano en 1,5 puntos. “Se a estas engadimos as miles que emigraron, a taxa de paro incrementaríase até acadar o 29% da poboación activa feminina”, advertiu a economista da CIG.

Mais tamén contribúe a tomar a decisión de abandonar o país o feito de que en torno a un 50% das desempregadas leven máis dun ano no paro, o que implica, na maioría dos casos quedar fóra das prestacións. De feito, desde o ano 2010 a taxa de cobertura do desemprego baixou dun 66% a un 56%, 10 puntos. “Isto é igual a pobreza”, denunciou.

Redución salarial

No ano 2012 medrou a fenda salarial entre homes e mulleres en 2 puntos e a redución media dos ingresos das traballadoras galegas foi do 2,9%, fronte o 2,6% dos homes. A meirande parte dos ingresos das mulleres proveñen do sector servizos, onde destaca especialmente sanidade e educación, de onde obteñen os ingresos o 30,7% das mulleres. Se a este engadimos comercio e hostalería, alcanza ao 50% das mulleres. “O grave é que en Sanidade e Educación foi onde máis emprego se destruíu no ano 2013”, sinalou López Gromaz, quen matizou que, ademais, estes sectores levan anos afectados polos recortes salariais, sexa no sector público ou no privado.

Na baixada xeneralizada de ingresos inflúen factores como descolgues de convenios, rebaixas na masa salarial, mais tamén como está evolucionando a ocupación. E é que de media descendeu a ocupación en 18.300 mulleres, pero medrou entre as traballadoras con xornada parcial en 7.300 e descendeu entre as de xornada completa en 25.600.

Porén, os motivos deste incremento de mulleres a xornada parcial non é “en ningún caso de forma voluntaria, como opción persoal”, senón porque non atopan traballo a xornada completa ou vense obrigadas polo coidado de dependentes.

A este respecto e a falta de información que indique o número de mulleres que abandonan, definitiva ou temporalmente, o mercado de traballo por coidado de dependentes, os datos si evidencian que “sempre son as mulleres as que se acollen a excedencia por coidado de fillas/os. O caso dos homes é anecdótico e de feito só representaron en 2012 un 5,78% do total, mentres que o resto, o 94,22%, foron mulleres”, explicou.

Sustentadoras do fogar

E con esta precaria situación económica e laboral, a maior perda de emprego dos homes que das mulleres provocou que cada vez un maior número de traballadoras se convertesen en sustentadoras principais do fogar. De feito, un 36,04% dos fogares galegos teñen como principal fonte de ingresos os provenientes dunha muller, 2 puntos máis que no ano 2009.

Pensións presentes e futuras

“Coidado de fillas/os en exclusiva, coidado de proxenitores, elevadas taxas de paro, xornadas parciais, baixos salarios... implican, co tempo, cando a muller se converte en inactiva, ou non ter dereito a unha pensión contributiva ou, no caso de ter dereito a ela, que esta sexa moi baixa”.

No ano 2012 preto do 69% das persoas perceptoras de pensións non contributivas eran mulleres, isto é máis de 30.000 que percibiron uns ingresos, no mellor dos casos, de 366 euros ao mes. Para as que cotizaron os anos suficientes para ter dereito a unha pensión contributiva, a media de ingresos é de 574€, un 53,7 do que alcanza a pensión media dos galegos.

“Estamos falando de persoas que se xubilaron antes de se aplicar a reforma das pensións e que levan, na maioría dos casos, moitos anos no mercado de traballo”, sinalou López Gromaz quen concluíu preguntándose “que futuro como xubiladas nos espera ás mulleres que agora estamos en activo, cando cada día se tarda máis en ingresar no mercado de traballo, están a aumentar as xornadas parciais, a rotación no emprego é maior e empeoraron as condicións para acceder a unha pensión e para mellorar a súa contía?”.

Díptico do 8 de marzo

Volver