A reunión do Consello Galego de Convivencia cúmprese como un trámite sen avances nin novidades de importancia

Na reunión anunciouse unha nova enquisa de diagnose para este ano 2021

A Consellaría de Educación anunciou na reunión do Consello Galego de Convivencia que tivo lugar o 24 de marzo a posta en marcha da Enquisa de diagnose da convivencia 2021, que sería a terceira, despois das do 2015 e 2019. Será unha enquisa censual dirixida a toda a comunidade educativa dos centros sostidos con fondos públicos. As direccións dos centros serán as responsábeis de desenvolver o proceso e será a base para a nova estratexia de actuación.

Unha vez mais a reunión deste organismo convérteuse nun mero “paripé” que só serviu para que o o conselleiro de Educación lanzara unha compilación propagandística do que están a facer no seu departamento, agradecendo de paso o “enorme esforzo feito dende os centros educativos”.

A presentación do inquérito e das novas liñas de actuación tiveron lugar na propia reunión por parte do secretario xeral de Educación sen ter opción, por tanto, de facer achegas ou correccións.

No que ten a ver coas novas liñas de actuación falouse de impulsar as accións preventivas, de elaborar novos protocolos, de reforzar a colaboración entre entidades, de enriquecer a formación….. mais nada se dixo da dotación ou incremento de medios e recursos, limitándose a anunciar a creación dun “premio de boas prácticas”.  Non habería mellor premio nin mellor exemplo de boa práctica por parte da Consellaría de Educación que mudar a súa política restritiva en recursos humanos e económicos para o mellor funcionamento dos centros públicos.

Anunciou tamén o conselleiro, sen maior concreción, a creación nas Xefaturas Territoriais de Equipos que resolvan problemas graves de convivencia. Unha vez mais fálase de recursos escasos e afastados do lugar onde son necesarios: os centros educativos.

Dentro das liñas de actuación ás que fixeron referencia como prioritarias, esqueceron, unha vez mais, todo o que ten a ver coa igualdade e a violencia de xénero; nin se nomea. Dende a CIG-Ensino demandamos que se introduza tanto na enquisa como nas estratexias de actuación.

Volver