A retirada das subvencións que percibía da Xunta provocará a desaparición de Preescolar na Casa e encamiña ao despedimento os seus 42 profesionais

O pasado xoves, día 3 de novembro, o Partido Popular deixou claro no Parlamento a súa intención de “liquidar” o programa Preescolar na Casa

O pasado xoves, día 3 de novembro, debatíase no Parlamento de Galiza unha Proposición Non de Lei presentada polo BNG onde se solicitaba á Xunta que dotara dos medios necesarios a Preescolar na Casa para o seu funcionamento e mantemento do servizo público e gratuíto que ata o memento estaba a ofrecer en todo o país. No debate correspondente e por se quedaba algunha dúbida, o Partido Popular deixou clara a súa intención de pechar o programa Preescolar na Casa, deixando a máis de 4.000 familias sen este servizo e abocando ao despedimento aos seus 42 traballadores e traballadoras. Resulta cando menos curiosa esta postura cando tan só dous anos antes, e nesta mesma institución, eloxiaba o seu traballo, destacando a importancia da función que estaba a cumprir este programa. Resulta que esta postura é unha clara decisión política da Consellería de Traballo, pois case ao mesmo tempo a propia conselleira dicía o mesmo nunha entrevista nun medio de comunicación.

Agora,para eles, a situación mudou e á Conselleira de Traballo parécelle máis importante darlles os cartos que ían destinados a Preescolar a outras organizacións relacionadas coa ortodoxia relixiosa ou a entidades cun carácter fortemente reaccionario.

DATOS DOS RECORTES

Departamento de Benestar

(Consellería de Traballo)

Normalización Lingüística

Consellería de Educación

Antes

500.000 €

90.000 €

70.000 €

Agora

0 €

45.000 €

 0 €

Diferenza

- 500.000 €

- 45.000 €

- 70.000 €

TOTAL:

- 615.000 €

Nota: O departamento de Benestar xa retirara 100.000 euros no ano 2010. Os  70.000 euros que aportaba a Consellería de Educación eran para os gastos dos 13 funcionarios/as

As consecuencias laborais

No mes de xuño pasado, e ante a inquietude que existía no seo do persoal, o Comité de Empresa, con maioría da CIG, ponse en contacto coa dirección da Fundación para coñecer a situación na que se atopaban as subvencións que financiaban o programa e en función disto, cal ía ser a resposta da Fundación. Nesta reunión, a Fundación informa dos recortes e xa anuncia a súa intención solicitar un ERE que contempla o despedimento de 13 persoas, así como distintas suspensións e reducións de xornada.

Despois das asembleas correspondentes, o conxunto de traballadoras e traballadores , por proposta da CIG-Ensino, acordaron rexeitar este ERE que contemplaba despedimentos. Así mesmo, asumindo as dificultades de financiamento, tamén acordaron solicitar á empresa a reconversión deste ERE noutro onde non se produciran despedimentos e que contemplase unha serie de suspensións e reducións de contratos ata facer cadrar os números coas subvencións percibidas. Así mesmo, tamén se acordou nestas asembleas aproveitar a duración deste ERE para levar adiante unha serie de mobilizacións encamiñadas a facer que a Consellería de Traballo reconsiderara a súa decisión política e volvera a subministrar os fondos necesarios para poder levar adiante o programa.

Despois de varias reunións coa dirección da Fundación fomos capaces de convencela de que esta era a mellor opción, aprobándose finalmente un ERE cunha duración de 6 meses (dende o 1 de setembro ata o 29 de febreiro) que contemplaba 20 suspensións de contratos e 18 reducións a media xornada. Tamén se conseguiu incluír no ERE a tres eventuais que non ían ser renovadas.

Consecuencias para o programa

Evidentemente, con esta redución do programa o servizo que se está dar non pode ser o mesmo. Deste xeito, neste curso 2011-12 estanse a atender xa 2.000 familias menos que no curso pasado, así como non se ofrece este servizo en moitos dos concellos que o viñan tendo dende hai anos.

A decisión de Benestar de non entregar os 200.000 € que estaban comprometido cambia a situación

Neste mesmo mes de outubro chega a confirmación de que a Consellería de Traballo tampouco vai ingresar os 200.000€ que tiñan comprometidos para esta ano 2011, co cal a situación varía substancialmente, correndo perigo incluso a continuidade fa Fundación ata a data de remate do ERE aprobado.

A dirección da Fundación cita a unha reunión ao Comité de Empresa e nela comunícalle a súa intención de dar por rematado este ERE e por outro en marcha o próximo 1 de decembro onde se propón o despedimento de 27 persoas, que representan dous terzos do total de persoal.

As traballadoras e traballadores de Preescolar na Casa reunidas en asemblea decidiron por unanimidade rexeitar esta posibilidade, pois despedindo a 27 persoas resulta imposíbel a continuidade do Programa, polo menos tal e como o coñecemos ata o de agora.

Oposición da CIG á eliminación do programa Preescolar

Dende a CIG-Ensino queremos deixar moi claro o noso rexeitamento á postura da Consellería de Traballo, que coa retirada deste financiamento está a decidir realmente dar un golpe mortal a un programa pioneiro e que está a ser copiado tanto no Estado Español como noutros países de Europa.

A Xunta de Galicia demostra con esta actitude que segue a practicar a demagoxia e a dobre moral, pois non ten ningún pudor en presumir deste programa noutras comunicades ou, incluso, levar a representantes do programa  a impartir conferencias a outros países de Europa e, ao mesmo tempo, con todo o descaro, toma a decisión política de retirar os fondos necesarios para o seu funcionamento, a sabendas de que con elo está a provocar a eliminación do servizo que se estaba a prestar, asestándolle un golpe mortal ao programa que camiña cara á súa desaparición en breve tempo.

Rexeitamento frontal da CIG ás propostas de despedimentos por parte da dirección da Fundación

Así mesmo, tamén dende a CIG-Ensino queremos deixar claro e de forma contundente o noso total rexeitamento á forma como a dirección da Fundación Preescolar na Casa está a afrontar esta crise provocada pola Consellería. Non se pode tolerar que ante as dificultades se tome a saída máis fácil, como se dunha vulgar empresa se tratara. Non podemos tolerar que unha fundación co prestixio gañado co seu traballo e boa labor ao longo dos últimos 34 anos tire todo pola borda e ante esta complicación actúe poñendo enriba da mesa un montón de despedimentos, sen antes esgotar todas as posibilidade e recursos que se poden utilizar.

O mellor capital que ten a fundación son as súas traballadoras e traballadores, magníficos profesionais que co seu traballo e dedicación, moito máis aló do que a súa relación laboral esixía, edificaron o que hoxe é o programa Preescolar na Casa. Esta xente merece que se esgoten todas as posibilidades, que se exploren todos os camiños, aínda que as probabilidades de éxito sexan pequenas.

Mobilizacións convocadas pola CIG-Ensino e Comité de Empresa

Dende o primeiro momento, tanto a CIG-Ensino como o comité de empresa estiveron a convocar mobilizacións. Deste xeito, producíronse xa dúas concentracións de traballadoras e traballadores, así como das familias afectadas, diante do edificio da Xunta en Lugo os pasados 30 de xuño e 14 de xullo, unha concentración diante da Consellería de Traballo en Compostela o 30 de setembro e catro concentracións simultáneas diante dos edificios da Xunta nas catro capitais galegas o pasado 21 de outubro.

Dada a situación nova xurdida, estas mobilización non só teñen que continuar, senón que deben incrementarse ata conseguir o obxectivo de que non se produzan despedimentos e que o programa Preescolar na Casa non desapareza.

Tramitación dunha Iniciativa Lexislativa Popular

Tamén dende os servizos xurídicos da CIG-Ensino elaborouse unha ILP para ser levada adiante polo conxunto do persoal de Preescolar e que se está a tramitar ante o Parlamento de Galiza. Nesta ILP solicítase que se garanta a continuidade do programa  do servizo que ofrece, sendo este absorbido pola Xunta de Galiza xunto cos seus profesionais.

Volver