A reincorporación de profesorado ás aulas a partir do luns significa tirar pola borda a adaptación á teledocencia e implicará un caos organizativo que a Consellaría aínda está a tempo de evitar

No Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral púxose de manifesto que a Xunta non quere dar marcha atrás na reapertura das clases presenciais e nin sequera aceptou dar unha marxe de tempo dunha semana para os propios centros se organizaren

A idea de suplir o profesorado que estea dispensado de acudir tirando de afíns ou de compañeiros/as que imparten noutros niveis” non garante a correcta atención do alumnado nos últimos días de curso e poñerá en xaque a teledocencia que está a realizar este persoal con bos resultados tras o sobreesforzo feito até agora. Desde o sindicato insistimos en que se dea marcha atrás na reapertura e se manteña a teleformación ou, cando menos como mal menor, se contrate todo o profesorado substituto necesario para dar resposta ás demandas dos centros a partir da vindeira semana

A Consellaría de Educación continuou hoxe a súa fuxida cara diante na busca dunha falsa normalidade educativa coa intención de manter a reapertura das clases presenciais para o vindeiro luns, 25 de maio, para os cursos de 2º de Bacharelato e de Ciclos Formativos de forma voluntaria para o alumnado. Esta fórmula, como denunciou a CIG-Ensino na pasada Mesa Sectorial do mércores e volveu hoxe criticar no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral, vai provocar o caos organizativo e na práctica suporá que boa parte do alumnado non sexa atendido por quen até o momento foi responsábel da súa docencia presencial e teleformación desde o inicio do estado de alarma. Aínda que o sindicato se felicitou polos avances conseguidos na Mesa ao respecto do persoal docente que pode estar dispensado de acudir aos centros (basicamente grupos de risco, maiores de 60 anos con patoloxías, embarazadas e quen teña menores de até 12 anos e ou maiores dependentes a cargo), volveu insistir en que non son suficientes” e apelou ao sentido común para que a Consellaría dea marcha atrás e manteña a teledocencia até finais de curso, como demanda a práctica totalidade do profesorado. Do contrario, avanzou, isto vai significar o caos organizativo en canto a ordenación educativa e en canto á aplicación das medidas de prevención e protección que os centros van ser incapaces de implementar durante a primeira semana de reapertura”. Neste sentido aludiu a que aínda hoxe non chegou a moitos centros o material que estaba previsto e que vai ser de uso obrigatorio para profesorado e alumnado e insistiu en que se está descargando nos equipos directivos toda a responsabilidade sobre a protección e a prevención de contaxios.

Así mesmo, advertiu na reunión que as solucións que propón a administración no caso de que haxa profesorado ou alumnado que non se reincorpore son un despropósito” aludindo á intención de suplir o docente por outro que imparta materias afíns nos cursos afectados ou mesmo doutros niveis educativos, como se pode deducir do apartado 2.1.3 e 2.2.4 do Plan de reincorporación. Ese profesorado non coñece ao alumnado e por algo máis de dez días lectivos que quedan até a avaliación de segundo de Bacharelato, por exemplo, non ten ningún sentido que se encargue da docencia presencial. Tamén cualificou de ocorrencia” a recomendación de gravar as clases presenciais para o alumnado que non poida ou non queira asistir presencialmente.  Por iso desde o sindicato, aínda recoñecendo que esta non era a solución, se insistiu na contratación de todo o persoal substituto que sexa necesario para dar resposta a esta situación tan excepcional.

NOVIDADES DA REUNIÓN DE HOXE NO COMITÉ INTERCENTROS

Dous pequenos e insuficientes avances

Todo o persoal que nestes momentos teña concedida unha comisión de saúde pola situación dun familiar será dispensado, se o solicita, de acudir aos centros. No caso de non ter concedida esta comisión o criterio será que a persoa a cargo teña unha discapacidade igual ou superior ao 65%.

Todo o persoal que teña crianzas menores a 13 anos tamén queda eximido de acudir aos centros educativos.

 Con respecto aos motivos para a dispensa de acudir aos centros, a CIG-Ensino fixo varias matizacións ao documento presentado pola administración. Criticou que non se considere que agora existe un risco extra por mor da pandemia para persoas que tiñan patoloxías ou condicións previas que antes non eran incompatibles con acudir ao traballo e puxo como exemplo as mulleres xestantes. Así mesmo, solicitou que se incorpore unha referencia expresa á discapacidade de fillos/as maiores de 12 anos, que se aumente aos 12 anos e non se limite aos menores de 12 (a CIG pedía até os 14 inclusive) e que se tomen como referencia as comisións de saúde para a aceptación da exención a retornar á actividade presencial, é dicir, que cando haxa discapacidade e non dependencia tamén se debe aceptar. Finalmente a Consellaría accedeu a modificar a redacción para poñer menores de 13 anos e tamén a que todo o persoal que nestes momentos teña concedida unha comisión de saúde pola situación dun familiar será dispensado de acudir aos centros. No caso de non ter concedida esta comisión o criterio será que a persoa a cargo teña unha discapacidade igual ou superior ao 65%.

Solicitouse ademais que a dirección non debe sobrecargarse con máis tarefas e o seu cometido ten que limitarse a remitir a documentación á Xefatura Territorial. O sindicato foi moi claro ao lembrarlle á administración que no caso de que se produza calquera problema grave de saúde por obrigar a reincorporarse a algún dos colectivos de risco toda a responsabilidade, incluída a xudicial, acabará recaendo na Xunta como entidade empregadora.

OS DEBERES PENDENTES DA CONSELLARÍA EN MATERIA DE PROTECCIÓN DE RISCOS LABORAIS

Desde a CIG Ensino instamos á Consellaría a comezar traballar xa na planificación curso que vén.

 A CIG-Ensino tiña solicitada a convocatoria urxente do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a elaboración das adecuadas medidas preventivas así como as Avaliacións de Riscos Biolóxicos da COVID 19 nos centros de traballo. Este órgano só se reúne cunha frecuencia anual ou mesmo superior. Por isto instamos unha vez máis a que se poñan en marcha as medidas pertinentes para dar cumprimento á Lei de Prevencións de Riscos no relativo á participación efectiva das e dos traballadores en materia de seguridade e saúde laboral. Neste sentido, lembramos que no comité de centros educativos, cunha composición paritaria, deben estar presentes as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial, é dicir, CIG, CCOO, ANPE e UGT e que este órgano está sen renovar desde o ano 2010 a pesar de que xa se ten reclamado.

No que ten a ver coas medidas de prevención para a CIG o procedemento a seguir para podermos contar con criterios claros de actuación sería a Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais e o Regulamento dos Servizos de Prevención recollido no Real Decreto 39/1997 que debería incluír o seguinte:
PLAN DE ACTUACIÓN NOS CENTROS EDUCATIVOS 

AVALIACIÓN DE CENTROS GUÍA

Estabelecer as diferentes tipoloxías de centro para fixar avaliacións de riscos, con especial atención a traballadoras e traballadores especialmente sensíbeis. Así, por exemplo:

- Centros de Infantil e Primaria así como CPI e IES de entorno rural.

- CPI, IES, EOI, EPAPU e centros de réxime especial

- CIFP e IES nos que se impartan ciclos formativos

- Centros de Educación Especial

PLANIFICACIÓN DA ACTIVIDADE PREVENTIVA

Estabelecer medidas preventivas en función dos centros guía anteriores, definindo:

- Medidas correctoras

- Orzamento

- Prazos de execución

- Responsabilidade do cumprimento

PROTOCOLO DE ACTUACIÓN

- Información das medidas preventivas e formación para implementar esas medidas a todo o persoal dos centros dirixida polos servizos de prevención coa colaboración de delegados de prevención ou de persoal coa suficiente cualificación en materia de prevención de riscos laborais.

- Detección de traballadoras e traballadores sensíbeis e estabelecemento de criterios de actuación en caso de detección de positivos, sospeitosos de selo ou por teren estado e contacto estreito con contaxiados ou posíbeis contaxiados.

- Aprobación dun Catálogo de medidas preventivas:

Desinfección

▪ Xeral. Inicial e semanal por empresas especializadas en función dos centros guía

▪ Parcial: reforzar o servizo de limpeza con desinfección constante das superficies de máis uso, definindo tipo de produtos e procedementos.

De carácter colectivo:

▪ Anteparos, mobiliario de separación

▪ Quendas ou gradación de horarios

▪ Utilización restrinxida de espazos comúns (sala de profesorado, departamentos,..)

▪ Aforo de aulas e salas de usos múltiples

▪ Evitar o contacto con superficies: portas sempre abertas, etc..

De carácter individual:

▪ Solución hidroalcólica para cada traballador/a e colocación de dispensadores para o alumnado.

▪ Material de protección específico en función da avaliación de cada posto de traballo cando sexan precisos: EPI, FFP2, pantalla facial ou máscara segundo corresponda.

PLAN DE CONTINXENCIA EN CADA CENTRO EDUCATIVO

Partindo do Protocolo xeral, cada centro educativo deberá aprobar un plan de continxencia no que se se adapte e se leve ao concreto o protocolo no propio centro e para o seu persoal, identificando a persoa ou persoas responsábeis e remitíndoo ao Comité de Seguridade e Saúde Laboral e ao Servizo de Prevención para coñecemento e control.

Porén, nas medidas que se adoptan na proposta de Protocolo, desde o punto de vista sanitario non cumpre coa Lei de Prevención de Riscos Laborais ao tratar a todos os centros por igual e sen partir dunha análise pormenorizada de riscos en función dos diferentes centros, cando menos por tipoloxía, alegando a imposibilidade de facer esa avaliación neste final de curso, cando hai que lembrar que levamos nesta situación desde hai máis de 2 meses e nada se fixo ao respecto.

A propia Xunta determinou para a incorporación do persoal da administración xeral que se fixese un informe previo durante unha semana para programar a incorporación aos postos de traballo, as adaptacións deses postos cando fose posíbel e o mantemento do teletraballo cando fose necesario.


Resolución da Consellaría de Educación pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019-2020, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centro de ensino non universitarios dependentes da Consellaría. Ligazón 

Nesta resolución atópanse os modelos para a solicitude.

Volver