A realidade dos centros fronte á propaganda da Consellaría
No día que o conselleiro comparece no Consello Escolar de Galiza para recargar a súa campaña de manipulación sobre a situación do comezo de curso, a CIG-Ensino anuncia que exixirá xustificación sobre os recortes en centos de centros educativos
A mentira ten as pernas curtas. Iso é algo que debería ter aprendido ben o conselleiro de Educación, logo de levar faltando á verdade desde comezos de curso, ao cualificar este como o de “maior modernización do sistema educativo galego” cando nunca tantas protestas se deron como neste mes de setembro, nun curso que se por algo se caracteriza é xustamente por ser un exemplo de manipulación informativa e, sobre todo, de recortes e falta de iniciativa na mellora do ensino público, especialmente no que atinxe á atención á diversidade e nas condicións de traballo do profesorado.
Cunha chea de concentracións e mobilizacións en diferentes centros educativos ao longo e largo do país, con moitas máis incidencias que nos cursos anteriores, a CIG-Ensino para alén de apoiar e participar nelas, vai presentar nas primeiras reunións das permanentes das Xuntas de Persoal coas xefaturas provinciais de Inspección e coa dirección territorial da Consellaría unha listaxe con 120 centros de Infantil e Primaria que trasladaron, ben a través da dirección ou de profesorado do centro, incidencias no comezo de curso. A relación de centros representa un número inédito até agora.
A relación de centros será con seguridade superior e desde a CIG-Ensino animamos a todo o profesorado a trasladarllas ao sindicato e facelas públicas para romper o muro de desinformación promovido pola administración e seguido por quen agora, despois de asinar un acordo vergoñento, ve “luces e sombras”. Tamén animamos a aquelas direccións que recibiron “avisos” de cargos da Consellaría ou de responsábeis da Inspección para que fagan caso omiso da censura que pretenden impoñer e proporcionen toda a información da que dispoñan para denunciar a situación na que se atopan os centros.
Dentro da relación de centros que pode consultarse nesta ligazón, figuran algúns IES por casuísticas concretas que agravan un deterioro que con carácter xeral se estende por un total de 375 centros que imparten ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas artísticas e de idiomas. Nestes centros non se aplicou ningunha das cuestión comprometidas no acordo, como o cómputo de alumnado repetidor ou con discapacidade ou dependencia e, desde logo, non se produciu ningunha redución do sobrecargado horario lectivo do profesorado, que neste curso empeora pola redución de docentes que aplicou a Consellaría. Polo tanto, e a falta de recibir información de moitos centros de infantil e primaria, os centros afectados, dun ou outro xeito, polos efectos do acordo que chaman de melloras e consideramos de renuncias chega a un mínimo de 495 centros, o que representa un 46,13% do total de centros dependentes da Consellaría. Este é o mellor exemplo do “novo camiño” do que se atreveu a falar o conselleiro de Educación.