A proposta de Feijóo dunha ABAU común para as 11 CCAA gobernadas polo PP é inviábel técnica e loxisticamente e atenta contra a autonomía de Galiza
A CIG-Ensino considera estas declaracións como “un mero brinde ao sol que só reflicte a política reaccionaria que está practicando o líder da oposición no Estado español”.
O sindicato aféalle a Feijóo o seu descoñecemento sobre como funcionan as probas de acceso á universidade, que nin poden ter contidos comúns porque hai unha parte dos currículos de Bacharelato que os definen as CCAA, nin criterios de corrección comúns porque loxisticamente este labor xa involucra a máis de 12.000 estudantes e 2.000 docentes en Galiza e sería inviábel coordinarse con outros 11 territorios, nin datas comúns porque pode haber festividades autonómicas nos días de celebración dos exames.
A última ocorrencia para facer oposición política volve demostrar que “todo vale” na demagoxia e no populismo que practica o presidente do PP español. Para a CIG-Ensino, Núñez Feijóo non só se erixe nun novo cargo creado por el mesmo de “presidente das CCAA gobernadas por un partido político”, senón que atenta contra o Estado das Autonomías e neste caso contra Galiza, que presidiu durante 14 anos. Nesta ocasión a súa proposta vai en contra totalmente das competencias que teñen transferidas as Consellarías de Educación e en contra da normativa vixente que estabelece que “son as administracións educativas, en colaboración coas universidades, as que organizarán a realización material das probas que configuran a avaliación de Bacharelato para o acceso á universidade”. Este texto, de forma literal, recóllese tamén no artigo 11 do proxecto de Orde ministerial que regula estas probas para este ano 2024, ao que igual que na orde de anos anteriores.
Desmontando a proposta por inviábel
Así pois, a CIG-Ensino rexeita as declaracións do ex presidente da Xunta “tanto porque vulnera a autonomía de Galiza e das súas universidades, como polo fondo da proposta”. En concreto, o sindicato maioritario no ensino público matiza os tres puntos aos que se referiu Feijóo, “que serían probas con contidos e criterios de corrección comúns e simultáneas”. Con respecto ao dos contidos comúns, “para levalo á práctica é preciso cargarse parte dos currículos das materias de Bacharelato que lle corresponde deseñalos ás administracións autonómicas”. “Nestes intres hai necesidades máis imperiosas nas que teñen que traballar as Consellarías de Educación, e en concreto a galega, que poñerse a revisar os contidos desta etapa educativa para facelos coincidentes cos das autonomías que actualmente goberna o PP. En todo caso, se se procede a esta revisión, a CIG-Ensino sempre demandará que se adecúen á realidade da sociedade galega e non que se censuren contidos cunha intencionalidade claramente ideolóxica como aconteceu en varias ocasións”, apuntan desde a central sindical.
Mais no que demostra un maior descoñecemento Núñez Feijóo sobre como se realizan estas probas é cando fala de datas simultáneas e criterios de corrección comúns. Polo que respecta ao primeiro punto hai comunidades que teñen festividades autonómicas durante os días de celebración das mesmas e sobre o segundo, a proposta do líder da oposición do Estado español “é totalmente inviábel”. Neste sentido cómpre lembrar a complexidade que supón a elaboración, custodia e corrección destas probas. Por se o presidente do PP descoñece o procedemento, para cada materia existe un grupo de traballo, e desde a súa dirección elabóranse 6 propostas de exame. Isto repítese para cada unha das máis de 40 materias das que se pode examinar o alumnado. Posteriormente celébrase un sorteo no que sae escollido un exame para cada unha delas e realízanse as fotocopias aproximadas que haberá que distribuír tan só en Galiza en 36 comisións delegadas distribuídas por todo o país, para que fagan os exames máis de 12.000 estudantes na convocatoria de xuño. O proceso de vixilancia e corrección das probas é altamente complexo e participan máis de 2.000 persoas. En concreto, só na súa corrección están involucradas máis de 1.000 docentes quen, pola loxística necesaria e os axustados prazos para poder matricularse posteriormente, teñen que corrixir nun brevísimo espazo de tempo os preto de 80.000 exames na convocatoria de xuño. Isto implica que se as probas rematan un xoves, o venres teñen que estar distribuídos os exames, despois dunha reunión de cada materia para fixar os criterios de corrección, para poderen publicar as cualificacións nun prazo que permita solicitar praza universitaria e matricularse antes de que comece o seguinte curso académico. Coordinar isto a nivel do Estado ou con outras 11 CCAA non sería posíbel loxística nin tecnicamente, e así o puxeron de manifesto tamén os representantes da CRUE, a conferencia de reitores das universidades do Estado español.
A demagoxia da igualdade das probas
Alén de que as probas de ABAU teñen unha repercusión social enorme e non se pode xogar co alumnado mudándolle as regras de xogo “ao albor de ocorrencias oportunistas”, para a CIG-Ensino se existe algún debate arredor da igualdade destes exames no Estado español este é “artificioso e demagóxico”. En primeiro lugar hai que ter en conta que a nota de acceso á Universidade segue ponderándose con un 60% a media do Bacharelato e con un 40% a acadada na ABAU. É dicir, “o que pretende regular ou igualar o señor Feijóo, aínda que sen soporte normativo e só mediante un acordo de colaboración entre comunidades, é o que pondera menos na nota de acceso”. Con todo, “este contubernio político, imaxinamos que dirixido por el, non pretenderá deixar fóra as universidades que tamén teñen un papel relevante e que son moitas e moi diversas nas distintas autonomías”, insisten desde a CIG-Ensino, á vez que chaman a reflexionar sobre a principal desigualdade que segue existindo neste sistema de acceso, a diferenza entre as notas medias de Bacharelato entre os centros públicos e os concertado/privados, “unha cuestión que nin sequera menciona o líder do PP, malia que está cuantificado ano tras ano o importante desfase existente entre as cualificacións obtidas polo alumnado de uns e outros centros”. En concreto, segundo un estudo do Observatorio do Sistema Universitario de 2023 a nivel estatal, o alumnado de centros concertado/privados con notas entre 9 e 10 no Bacharelato é un 53% maior que o de centros públicos. “Parece que esta problemática, que tamén ten un marcado compoñente ideolóxico, non semella interesarlle ao líder do PP que se aborde para tratar a equidade no sistema de acceso á Universidade”, conclúen desde a CIG-Ensino.