A proposta da Xunta para o ensino dentro do “Pacto polo galego” é un insulto en toda regra á comunidade educativa

O documento non só non recolle a derrogación do Decreto de Plurilingüismo senón que as escasas medidas que propón limítanse a aproveitar recursos xa existentes e que nin sequera foron promovidos pola Consellaría

A CIG-Ensino, como sindicato maioritario no ensino público galego, esixe formar parte do grupo de traballo que se vai constituír nos próximos días malia considerar que se trata dunha pantomima na que a Xunta quere gañar tempo mentres a extinción do galego se consuma de forma acelerada.

Insulto, burla, ofensa, aldraxe... Os cualificativos que desde a CIG-Ensino se lle poñen á proposta por parte da Xunta para mellorar a situación do galego no ámbito educativo e que se coñeceu estes días polos medios de comunicación quédanse curtos. A redacción dese texto fala por si soa:

Para o sindicato maioritario no ensino público tanto universitario como non universitario este documento “é o mesmo que non propoñer nada” porque ademais de que non hai nin unha soa referencia real ao emprego do galego como lingua vehicular no ensino as escasas medidas que se anuncian teñen que ver co “folclorismo na versión 2.0” ou simplemente se refiren a iniciativas postas en marcha polos propios equipos de dinamización da lingua galega dos centros. É dicir, que a Xunta non só non achega ningunha idea que signifique un cambio radical para que a escola e o ámbito educativo deixe de ser un dos principais elementos desgaleguizadores da sociedade senón que mesmo se aproveita das propostas levadas a cabo estes últimos anos polo profesorado máis implicado na verdadeira normalización do noso idioma. 

Nin unha soa referencia ao Decreto da vergoña 

As diferentes declaracións, por veces contraditorias, tanto do presidente Rueda como do conselleiro de Cultura, xunto co incomprensíbel silencio do de Educación, tanto serven para trazas liñas vermellas como para negar que as vaia haber a respecto da “modificación” do Decreto de Plurilingüismo. O certo é que no documento que se presenta “non hai ningunha soa mención á que foi a norma máis lesiva para o noso idioma desde o franquismo”. Para a CIG-Ensino, que entende que a única forma de reverter a medio prazo as nefastas consecuencias da súa aplicación é a súa completa derrogación, está claro que a intención da Xunta con este documento “é gañar tempo para que a situación do galego siga esmorecendo mentres se dilata a súa vixencia”. Neste sentido, o prazo de 15 meses para que os grupos de traballo que se van constituír proximamente é excesivo e xoga claramente en contra das opcións existentes para saír da emerxencia lingüística na que se atopa a nosa lingua. O sindicato esixe, como non podía ser doutro xeito, formar parte do grupo de traballo que vai avaliar as medidas para o ámbito educativo, como sindicato máis representativo do profesorado. 

Medidas que son unha burla 

A mención no documento ao Plan Mega, un invento da Consellaría de Educación para envolver propagandisticamente os programas financiados por fondos europeos e polo Ministerio para mellorar competencias matemáticas, de comprensión lectora, de inclusión do alumnado con diversidade... e que se están a usar de forma fraudulenta para contratar profesorado que ocupa titorías, apoios ou reforzos, é unha auténtica burla. Tal e como se recollían nas bases para un novo Plan de normalización no ensino presentadas en 2020 presentadas pola CIG-Ensino xunto con outras organizacións sindicais, ANPAS e movementos de renovación pedagóxica, é necesario programar distintas solucións para cada etapa educativa, contexto social e tipoloxía de centro. En calquera caso, o primeiro que hai que facer, se realmente se queren introducir cambios, é incrementar o uso por parte do profesorado e o número de materiais e recursos didácticos na etapa de infantil, permitir que as materias científicas se poidan impartir en galego en primaria, ESO e Bacharelato e darlle un pulo moi importante á súa presenza na FP e nas ensinanzas de réxime especial onde o seu uso é practicamente residual.   

“Reducir o fomento do galego nos centros de infantil e primaria aos recreos vinculado coa difusión da plataforma aGalega.gal que, aínda a día de hoxe ten unha escasa programación infantil, non é unha medida educativa, senón en calquera caso para fóra das aulas. Substituír os contidos didácticos por charlas ou actividades extraescolares nas que participen influencers e persoas do mundo da cultura referentes para a mocidade tampouco é unha medida educativa. Estas propostas son, en calquera caso, do ámbito extraacadémico que poden ter algún encaixe puntual nos centros de ensino pero que non deixan de ser propostas “folclóricas adaptadas aos tempos virtuais e dixitais actuais”. 

Sobre o resto de cuestións que se presentan hai moito tempo que nos centros lle levan a dianteira e a iniciativa á Consellaría, como pasou coa celebración do Día de Rosalía, e a administración debera ter algo máis de vergoña e non limitarse a dicir que apoiará iniciativas que xurdiron do voluntarismo do propio colectivo docente. 

Tamén sorprende que non se faga ningunha referencia ao ámbito de educación infantil 0-3 anos, que nestes momentos está sustentado economicamente na súa totalidade pola Xunta de Galiza, nin ao universitario, no que a presenza do galego tamén se reduciu de forma drástica nos últimos anos e no que hai plans de estudos que están completamente desgaleguizados. 

A CIG-Ensino non pode máis que rexeitar este documento e pedir que se analicen a fondo todos os eidos que son susceptíbeis para a normalización do noso idioma no ensino, empezando por recuperar o requisito de que para exercer a docencia en Galiza é preciso acreditar que se ten competencia real no noso idioma, tanto nas oposicións como nos concursos de traslados desde outras comunidades autónomas e continuando por favorecer a igualdade do galego en canto a materiais de Edixgal, mentres exista este modelo que tamén está a ser moi cuestionado por toda a comunidade educativa, científicos, tecnolóxicos, formación profesional a distancia, aulas virtuais, recursos dixitais, libros de texto e manuais...

Volver