A plataforma unitaria convocará concentracións simultáneas para o vindeiro 17 de maio ao mediodía “para que o clamor social en defensa do galego chegue a todos os recantos do país”.
Queremos Galego! denuncia que ningunha das medidas tomadas por Feixoo foron a prol do idioma senón na súa contra
Acompañado de diversos representantes das organizacións que conforman a comisión xestora e de persoas representantivas do ámbito da cultura como a académica e catedrática universitaria Margarita Ledo e a escritora Teresa Moure, o presidente da Mesa e portavoz nacional de Queremos Galego, Carlos Callón, sinalou que após dous anos de mandato de Núñez Feijóo “hoxe en Galiza resulta máis difícil vivir en galego con normalidade”, en referencia á política lingüística do actual goberno galego, fortemente criticada pola plataforma unitaria impulsada no seu día desde A Mesa, socialmente contestada durante o último ano e medio con multitudinarias manifestacións na rúa e todo tipo de actos cívicos ao longo do país e mesmo cuestionada publicamente por institucións culturais de prestixio, como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega.
O calendario reivindicativo anunciado por Queremos Galego comezará cun grande acto nacional de carácter lúdico-reivindicativo en Santiago de Compostela o sábado 30 de abril. Con este encontro, que previsibelmente terá como escenario o Palacio de Exposicións e Congresos, quérese reinvidicar “a forza da lingua”, frente a unha xestión nestas materias “completamente nefasta”, segundo valorou Carlos Callón. Neste grande acto, aberto a toda a cidadanía, a plataforma procurará a participación de persoas representativas de diferentes ámbitos sociais e culturais, que lerán textos en favor do galego vinculados a diferentes ámbitos da sociedade. Así mesmo, agárdase a participación de diferentes artistas e grupos que se encargarán da parte musical da iniciativa, logo da “extraordinaria resposta” deste sector no gran concerto contra o “decretazo” no ensino que a plataforma celebrou en Pontevedra o 17 de abril do pasado ano.
A actividade reivindicativa da plataforma cidadá terá a súa continuidade o 17 de maio, cunha mobilización “expansiva” que tentará chegar ao máximo número posíbel de localidades galegas. En cada unha destas concentracións, unidas por un mesmo lema e un manifesto común, promoveranse lecturas colectivas de textos literarios nos que se reivindique a lingua propia de Galiza, cun protagonismo senlleiro para a figura de Daniel Castelao, nos 125 anos do seu nacemento.
Consciente
da próximidade da data do 17 de maio á data das eleccións municipais, a
Plataforma Queremos Galego quere que as concentracións dese día sirvan a un
tempo para denunciar socialmente “os nefastos primeiros dous anos do goberno de
Núñez Feijóo” en materia lingüística, mais tamén para reivindicar “a forza que
os concellos poden ter como instrumentos activos no proceso normalizador” da
lingua galega. Neste sentido, Carlos
Callón fixo un especial chamado “aos cargos públicos,
militantes, simpatizantes e votantes do Partido Popular que non partillan da
política de ataques á lingua do goberno da Xunta para que “saian do armario” e
se atrevan a “expresar en público aquilo que pensan e mesmo transmiten en
privado”. Para o portavoz da plataforma e presidente da Mesa “manter silencio
fronte aos peores ataques que está a padecer a nosa cultura en toda a etapa
autonómica é tanto como non contribuír a pórlles fin”.