A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público pídelle ao Conselleiro de Educación que non aplique a LOMCE
A PGDEP tamén lle amosa a súa preocupación pola repercusión que vai ter a nova Lei de reforma das administracións locais na oferta de actividades extraescolares por parte dos Concellos
Nesta carta a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público reclámalle que non se implanten novos libros de texto en Galiza polo incremento do gasto que vai supor para as familias, moitas con serias limitacións económicas , e porque os novos currículos non teñen en conta a nosa realidade ou deturpan a nosa historia. A PGDEP pide que se restitúa a total gratuidade dos libros de texto para todo o alumnado de educación infantil, primaria e ESO.
A PGDEP tamén lle esixe ao conselleiro que garanta que se a imparta Educación Artística en todos os centros pola importancia que ten na formación académica de nenos e nenas, necesaria para que poida realizar no futuro a elección máis atinada no ensino post-obrigatoria. A PGDEG subliña como excesiva a implantación da materia de Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial e por iso solicita que non se incorpore ao currículo. Do mesmo modo pídelle ao conselleiro que se comprometa a que a Relixión tampouco forme parte do currículo escolar potenciando a materia de Valores Sociais e Cívicos.
A Plataforma trasládalle neste escrito a súapreocupación pola falta de democracia na xestións dos centros educativos coa implantación da LOMCE e solicita que se manteñan as competencias que ten actualmente o Consello Escolar, no que está representada toda a comunidade educativa, e nomeadamente a elección de director.
Finalmente, a Plataforma tamén traslada a súapreocupación pola entrada en vigor da Lei de reforma da administración local e as repercusións que esta pode ter na oferta de servizos no ensino. Consideramos que os servizos complementarios e as actividades extraescolares deberían ser ofertadas gratuitamente en todos os centros pola propia Consellaría, mediante xestión directa e persoal específico. Nese sentido, solicitaremos que se faga cargo de todos eles. Mais, mentres esta petición non se efectiviza, solicitamos que non se vexa minguada a actual oferta de servizos e actividades, que nalgúns casos están sustentadas polos concellos.
No acto de hoxe participaron Anxo Louzao, da CIG-Ensino, Carlos García dos Comités, Alba Chantada da Liga Estudantil Galega, Luisa González da Federación de ANPA de Compostela, Antía Insua de Galiza Nova, Carme Romero da AS-PG e Saleta Chao do BNG. Ademais integran a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, a Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO), Agir, Sindicato de Estudantes e Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público.
Escritos enviados ao conselleiro de Educación.Ligazón
CIG INFORMA LIGAZÓN