A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público insta ao conselleiro de Educación a que o Goberno galego exixa a retirada da LOMCE
Representantes da Plataforma rexistraron o escrito dirixido ao conselleiro este xoves 30 de maio
Ante a gravidade do que suporía a aprobación desta lei para o ensino público galego, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público advírtelle ao conselleiro que só caben dúas alternativas, “ou vostede se pon á fronte do clamor popular en contra da LOMCE, exixindo a súa retirada, tal e como lle corresponde, ou ben debe abandonar o seu cargo por actuar en nome do PP e non ao servizo do ensino público galego”.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público lembra que a grande maioría da comunidade escolar vén manifestando o seu total rexeitamento a esta lei e solicitando a súa retirada. A proba máis irrefutábel foi o maioritario seguimento da folga do día 9 de maio de 2013, na que preto do 90% do profesorado e do alumnado galego secundou a xornada de folga en Galiza e decenas de miles de persoas se manifestaron polas rúas de diferentes localidades para amosar a desaprobación a unha contrarreforma educativa, baseada nun proxecto de lei reacccionario, españolizador, clasista e confesional que nos traslada á época franquista.
Despois de rexistrar o escrito, Anxo Louzao, en representación da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, lembrou que o conselleiro, máximo responsábel de Educación de Galiza, actúa exclusivamente como militante do PP, no canto de erixirse en canalizador das demandas da sociedade galega que reclama a paralización desta lei nociva e perniciosa para o ensino público galego. O seu “sometemento e subordinación aos mandatos do goberno central”, dixo, lévano á referendar un proxecto de lei “recentralizadora e españolizadora que lle facilita ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma”.
A LOMCE, lembra a Plataforma Galego en Defensa do Ensino Público, procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza, mediante as reválidas, e marxina aínda máis a nosa lingua. Impón un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos, coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.
Fernando Lacaci, presidente da Federación de ANPAS de Compostela, que atendeu tamén aos medios de comunicación en representación da Plataforma, manifestou que para a LOMCE non hai emenda posíbel, porque é unha “lei de parte, dun só partido que non vale. A sociedade o que demanda é que os cambios en educación sexan máis duradeiros no tempo e moi consensuados previamente. Hai que retirala”, dixo.
“Vostede –recolle o escrito dirixíndose ao conselleiro- está referendando unha lei que liquida a igualdade de oportunidades, ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría do alumnado acceda á consecución da titulación. Unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4 de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo mediante itinerarios que condenan, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando de maneira temperá o seu futuro académico e laboral”.
A Plataforma Galego en Defensa do Ensino Público lémbralle ao Goberno galego que a LOMCE reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. Desautoriza e desconfía do profesorado. É un proxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo, facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e integral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.