A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fai un chamamento á comunidade educativa galega para que apoie a folga do 14 de novembro

Recorda os constantes recortes que se aplican no ensino público mentres se desvían 250 millóns de euros cada ano ao privado

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público acordou facer público o seu apoio á Folga Xeral convocada para este 14 de novembro e facer un chamamento ao conxunto da comunidade educativa: alumnado, pais e nais e profesorado, para que apoie esta convocatoria, e denunciar así os constantes recortes que no Ensino Público se veñen aplicando con base na escusa da crise económica, mentres se desvían 250 millóns de euros cada ano ao ensino privado, mesmamente a centros que segregan alumnado por razón de xénero.

O ataque permanente ao ensino público galego que sufriu unha redución orzamentaria de 425 millóns de euros nos últimos anos, as supresión de centos de unidades, a redución de 2500 profesores e profesoras e, polo tanto, do profesorado dos centros, a redución do profesorado de atención ás necesidades educativas específicas, o incremento das ratios, a non cobertura das baixas do profesorado, a redución da oferta de Bacharelato e da implantación da FP, a redución desproporcionada das bolsas de estudos, así como o endurecemento dos criterios de acceso ás mesmas, ou o incremento das taxas universitarias que dificultan o acceso e a continuación dos estudos universitarios, son motivos máis que suficientes para apoiar esta folga reclamando un cambio de políticas no ensino, un cambio que necesariamente ten que pasar polo incremento dos orzamentos para o ensino público.

A Plataforma Galega valora ademais que, neste momento, o anteproxecto da LOMCE é un motivo máis para apoiar esta folga, pois estamos ante un proxecto de lei recentralizador, antidemocrático, segregador e elitista, que ataca a igualdade de oportunidades, impide o acceso de todas e todos a unha educación de calidade e pretende, non só favorecer o ensino privado concertado, senón mesmo trasladar o modelo de funcionamento dos centros privados aos públicos, mediante un sistema que soamente servirá para que o ensino perpetúe as desigualdades sociais, cando debería de combatelas. A LOMCE pon en cuestión o dereito universal á educación, vai impedir o acceso á educación ás clases populares, invade competencias das comunidades autónomas, crea centros de elite e liquida a xestión democrática dos centros. Estamos ante un novo ataque ás institucións e competencias galegas e un novo intento de centralización e españolización.

Por todos estes motivos, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público pide o apoio á folga e a participación nas mobilizacións que se realizarán nas distintas cidades galegas.

Volver