A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca unha Marcha a Santiago contra a LOMCE para o 28 de setembro

O mércores 11 de setembro, coincidindo co inicio de curso no Ensino Infantil e Primaria, farase unha concentración diante da Consellaría ás 11:30 horas

Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciaron este luns 9 de setembro en rolda de prensa a convocatoria dunha marcha a Santiago o 28 de setembro que terá como reivindicación fundamental a exixencia de que o Goberno central retire a LOMCE. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denunciou a política de desmantelamento do ensino público do PP e anunciou tamén unha concentración para este mércores ás 11:30 horas, diante da Consellaría de Educación, que coincidirá co inicio do curso en Educación Infantil e Primaria. A Plataforma tamén adiantou que estuda a presentación dun recurso contra o decreto de comedores ao limitar a gratuidade a 14.000 de 200.000 alumnos e alumnas.

Para a Marcha do 28 a Plataforma ofrecerá autobuses desde diferentes comarcas. Os autobuses chegarán en Santiago a Ponte da Rocha, inmediacións do CEIP Lamas de Abade, Polígono do Tambre e Monte do Gozo, lugares desde os que sairán a pé, ás 10:30 horas, os/as participantes en dirección á Praza de Praterías, na que se fará,  ás 12.00 horas, un acto reivindicativo final. O representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público lembraron que existe un rexeitamento social maioritario á LOMCE porque se trata dunha lei españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional que  liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos. 

Na rolda de prensa estiveron presentes Carme Vilariño da AS-PG, Anxo Louzao, da CIG-Ensino,  Mónica Martínez, dos Comités,  Elvira Lombao da Federación Provincial de ANPAS de Lugo (FAPACEL), Luisa González, da Federación de ANPAS de Compostela, Goreti Sanmartin, do BNG e Alberte Mera, de Galiza Nova. A Plataforma está integrada tamén pola Federación de ANPAS da Costa da Morte, a Federación de ANPAS de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes e Liga Estudantil Galega.

Desmantelamento do ensino público e incremento do gasto escolar

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denunciou que a Consellaría de Educación mantén “unha política educativa baseada no desmantelamento do ensino público”.  Anxo Louzao lembrou que este inicio de curso esta marcado por un incremento do gasto escolar que moitas familias non van poder afrontar”. Neste sentido recordou decisións como a limitación da gratuidade nos libros de texto, o novo decreto de comedores, a suba das taxas na universidade, a redución das bolsas ou a suba das matrículas nos conservatorios. O curso, explicou, empeza con prazas insuficientes en educación Infantil, 15 centros menos e 64 unidades de Infantil e Primaria suprimidas.


“Nunha aposta descarada e indecente polo ensino privado  -dixo Louzao- a Consellaría non ten reparo en concertar 40 unidades novas e 18 ciclos formativos, incluso con centros que segregan alumnado por razón de xénero”. Recordou que por vez primeira a Xunta introducirá empresas privadas na formación do alumnado en horario escolar e tamén fixo referencia á insubmisión da Consellaría a diferentes sentenzas (revisións médicas para o profesorado, concertos con centros que segregan alumnado por xénero e decreto do plurilingüismo) e o abandono do galego. Coas decisións de manter os concertos con centros que segregan, introducir empresas privadas na formación en inglés e deixar en mans dos directores a adxudicación do servizo de cafetaría, o conselleiro de Educación convertese en alumno avantaxado no adianto da aplicación da LOMCE, engadiu.

Elvira Lombao, que deu conta das mobilizacións prevista, animou á sociedade galega a participar nestas convocatorias “porque loitamos pola educación e o  benestar dos nosos fillos e fillas”. Lombao avanzou que a Plataforma está estudando a presentación dun recurso contra o decreto de comedores que limita a gratuidade a 14.000 de 200.000 alumnos e alumnas. En relación á política de recortes Carme Vilariño da AS-PG subliñou que para o PP o ensino público é un gran negocio e considerou unha “gran vergoña” que pretendan aprobar a LOMCE coa maioría da comunidade educativa en contra.

Volver