A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca a toda a comunidade educativa a responder aos recortes da Xunta

Promove unha resposta descentralizada nos centros educativos na véspera do comezo das clases, o día 7 de setembro, ademais dun acto central diante da Consellaría.

Desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP), da que forma parte a CIG-Ensino, avalían este comezo de curso “como un dos máis negros desde a chegada do PP ao goberno da Xunta en canto a redución de persoal, falta de diálogo e de transparencia e actitude soberbia e autoritarismo por parte da cúpula da Consellaría de Educación”

Despois de dous cursos que marcaron e marcarán a toda a sociedade e á comunidade educativa en particular polos efectos da pandemia no día a día dos centros educativos, e diante do cinismo amosado polo conselleiro de Educación, anunciando “a volta á normalidade” e o comezo dun “curso pospandémico con máis profesorado e menos alumnado”, as organizacións que conforman a PGDEP, na liña das reiteradas denuncias que xa veñen expresando durante os últimos meses, chaman de novo a profesorado, alumnado e familias a dar resposta publicamente aos recortes educativos confirmados xa neste arranque do curso escolar. 

A Plataforma propón a celebración de actos de protesta en todos os centros ás 11:30 da mañá do mércores 7 de setembro, un día antes do comezo das actividades lectivas. En paralelo convoca unha concentración diante da sede da Consellaría de Educación promovida pola propia Plataforma. Será tamén ás 11:30 horas e farase para condenar a política de desgaste do ensino público promovida polo actual equipo da Consellaría de Educación que volve á normalidade dos recortes de antes da pandemia pero dunha forma moito máis agresiva.  

Menos profesorado, maiores ratios. Menos dereitos, máis gasto para centros e familias.

O curso comeza cun novo capítulo de redución de profesorado, que no caso do que ten destino provisional implica máis de 700 docentes con respecto á adxudicación definitiva realizada o curso pasado, a falta de computar outros recortes dos que a Consellaría oculta intencionadamente información, como é o caso de amortizacións de prazas de xubilacións e de profesorado con reserva de posto de traballo.  Estes recortes súmanse aos xa denunciados o curso pasado e que, malia as palabras do conselleiro, están a ser percibidos na práctica totalidade dos centros do país.   

O peche de 50 unidades de infantil e primaria, coa conseguinte perda de 100 postos de traballo, xunto coa negativa a reducir ratios e a permitir desdobres en aulas masificadas, evidencia tamén a perda dunha oportunidade para afrontar a situación educativa actual, cunha redución da matrícula de  alumnado nalgunhas zonas do país para, dunha vez por todas, afrontar a principal demanda de todos os sectores vinculados co sistema educativo: a redución de número de alumnado por aula. 

Por outro lado, o conselleiro de Educación mantén a súa negativa a devolver ao profesorado o dereito a unha menor carga lectiva,  que lle permitiría un mellor aproveitamento do seu traballo e na coordinación pedagóxica, impedindo a volta ás 18 e 21 horas lectivas que na práctica totalidade do resto de Comunidades Autónomas xa se pactou. Esta demanda implicaría, xunto co aumento de aulas, recuperar a contratación de centos de docentes interinos que este curso perderon o seu traballo e sobre todo mellorar claramente a calidade do ensino e da atención á diversidade nas aulas. 

Outro tema de especial relevancia desde a perspectiva económica e social, nun momento marcado por unha forte inflación que non se acompaña de medidas como incrementos salariais ou de impacto real nos petos da cidadanía, é a situación que afrontarán as familias neste curso, cuns prezos de libros e material escolar totalmente disparatados e sen que a Consellaría de Educación rectifique e recupere a gratuidade total anulada polo Partido Popular coa chegada de Feijóo ao poder. 

Esa preocupación das familias esténdese tamén ás direccións dos centros e ao conxunto do profesorado que non contan neste momento con ningunha información por parte da Consellaría ao respecto do gasto en calefacción para este inverno ou para afrontar os sobreprezos nos alimentos para os comedores escolares, entre outras problemáticas nas que a comunidade educativa quedará abandonada á súa sorte como durante boa parte da xestión da pandemia por parte da administración educativa galega. 

POR UN ENSINO PÚBLICO SEN RECORTES:

MÁIS DOCENTES,

MENOS RATIO.

Son moitas as razóns que moven á Plataforma a reaccionar contra unha Consellaría que segue sen sentarse a negociar ningunha mellora, nin no plano laboral ou organizativo coa representación do profesorado nin no plano administrativo coas familias, ao contrario das reunións que si mantivo coa patronal do ensino concertado que, pola contra, non viu reducido o número de aulas con respecto ao curso pasado. Por estes motivos e pola actitude soberbia, autoritaria e mesmo persecutoria contra quen está protestando contra os recortes fai un chamamento a unir as demandas de todos os centros e de toda a comunidade educativa.

Material para as concentracións

Clica nas imaxes para ter acceso aos PDF e podelos imprimir

Volver