A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concéntrase diante da consellaría para manifestar o seu rotundo rexeitamento ás reválidas
Máis do 40% do alumnado auséntase para non realizar as probas de reválida
Fronte a iso defendeu a avaliación continua, fundamentada no coñecemento do profesorado, non só do rendemento escolar do alumno/a, senón tamén dos contextos socioeconómicos en que se dá esa aprendizaxe. “Hai que avalialo todo, ninguén mellor que o propio equipo docente que imparte as clases”, afirmou.
Denunciou ademais que se vulnera a liberdade de cátedra e supón unha “desautorización” do profesorado, que verá condicionado o seu traballo docente, na medida en que se vai ver obrigado a conseguir unicamente que o seu alumnado supere a reválida porque do contrario será un fracasado/a do punto de vista académico e do punto de vista laboral”.
Para a Plataforma Galega en defensa do Ensino Público estas reválidas supoñen tamén introducir no ensino unha visión profundamente neoliberal e competitiva á marxe doutros aspectos que Anxo Louzao considerou importantísimos, “como a visión centralista, na medida en que estas avaliacións e reválidas van estar fixadas en Madrid, sen considerar todo aquilo que nos conforma como pobo galego”.
A este respecto denunciou a uniformización do sistema educativo que pretenden “xa que son probas que se basean en estándares que veñen fixados desde fóra” e alertou ademais de que os resultados van provocar unha clasificación dos centros como de primeira, de segunda e de terceira o que logo condicionará, á súa vez, os recursos e os medios con que conten.
Louzao valorou esta concentración como “unha loita máis que desde a PGDEP estamos levando en contra da LOMCE” e subliñou que a plataforma exixe, non só que non se realicen as reválidas, senón que a LOMCE non se leve a cabo. “Hai que derrogala porque é unha lei que nace morta”.
A este respecto manifestou a súa preocupación pola “vasalaxe” da consellaría de Educación, “a Xénova e ao PP”, no canto de velar polos intereses do ensino galego e de defender o ensino público, sen facer uso das cativas competencias que ten”.
Entrega no rexistro
Ao remate da concentración unha representación da PGDEP fixo entrega no rexistro da Xunta dun escrito dirixido ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que sintetiza a valoración que a plataforma fai destas probas.