A Plataforma cidadá “Queremos Galego” presenta no Parlamento 30.000 sinaturas de galegos e galegas en defensa da nosa lingua

A Plataforma cidadá “Queremos Galego” presenta no Parlamento 30.000 sinaturas de galegos e galegas en defensa da nosa lingua

Na comparecencia posterior á entrega das sinaturas o portavoz da plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, explicou que se trata dunha iniciativa en defensa do noso idioma e a prol da aplicación dos consensos existentes até o de agora en materia lingüística, como o Lei de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade en 1983 ou o Plan xeral de Normalización Lingüística, aprobado tamen por unanimidade en 2004. Consensos que veñen de ser vulnerados pola política de ataque á nosa lingua imposta polo PP desde a súa chegada ao goberno da Xunta de Galiza.

Callón lembrou que o artigo 5 do estatuto de Autonomía di que “...” e que nese sentido, esta iniciativa pretende garantir que “quen queira vivir en galego poida facelo” e insistiu na obriga da administración pública de promover o noso idioma no ensino, nos medios de comunicación e na propia administración. O portavoz da plataforma cidadá acusou ao goberno do PP de adoptar unha política de sistemática “vulneración de dereitos lingüísticos” e salientou que esta ILP recolle todos os textos aprobados co consenso de todos os grupos parlamentarios “para que teñan rango legal pleno”. A plataforma cidadá, segundo explicou Carlos Callón, escolleu a data do 18 de outubro para facer entrega da primeira quenda de sinaturas, en conmemoración da histórica manifestación celebrada ese mesmo día en Compostela, na que milleiros de persoas saíron á rúa “para lembrarlle a Feijoo que son moitos os miles de galegos e galegas que aman a súa lingua”. Desde a plataforma cidadá insistiuse tamén en que con esta ILP non se pretende que se lle retiren os dereitos a ninguén, senón que se garantan o dereitos lingüísticos de todas e todos os galegos porque “todo dereito non garantido deixa de ser un dereito e vémolo na política de Núñez Feijoo e no sistema educativo. O decreto do mal chamado plurilingüismo está a ser incumprido de forma masiva e nin sequera o 25% das aulas están a impartirse no noso idioma. Por iso pedimos responsabilidade fronte o cinismo”. A preguntas dos xornalistas, respecto do incumprimento do uso do galego no ensino, o portavoz de Queremos Galego explicou que desde a plataforma estase a facer unha prospección e xa se ten constancia de que nas cidades, arredor dun 40% de familias cubriron o sobre de matrícula indicando que querían o ensino en galego. Porén, “só un 10% das aulas se están a impartir en galego”. A este respecto, Callón preguntou “onde está o cumprimento dos tratados internacionais de dereitos lingüísticos; onde está a convivencia?” e explicou que no ensino de 3 a 6 anos unha grande maioría dos rapaces “non vai ter contacto co galego e logo cando cheguen a Primaria atoparanse por vez primeira co idioma”. Respecto do uso do topónimo La Coruña, fronte A Coruña, por parte do PP, Callón afirmou que a plataforma defende o uso dos nomes de lugar en galego e que optar por non facelo, como o PP da Coruña “é o mesmo que dicir que o galego non é a lingua propia do país”. O portavoz da plataforma cidadá lembrou que “o Estatuto obriga aos poderes públicos a promover o noso idioma” e que ese e o sentido da ILP, que lembrou foi rexeitada na Mesa do Parlamento sen que houbera, por vez primeira un voto unánime. Neste sentido, explicou que agora a tramitación parlamentaria será a través dunha proposición non de lei que presentará o BNG co texto íntegro da ILP e que o PSOE xa anunciou o seu voto favorábel.

Volver