A plataforma cidadá Queremos Galego sairá ás rúas mañá 17 de maio ás 12h, para reivindicar a vida en galego, aquí e agora

Nun momento de emerxencia lingüística coa perda de falantes e de falla de relexo xeracional e de práctica aniquilación da presenza do galego no ensino é preciso mobilizarse para garantir o futuro da nosa lingua

Após 40 anos da Lei de normalización lingüística lonxe de garantirse a presenza e a dispoñibilidade do galego en todos os espazos da vida pública asistimos a retrocesos galopantes en canto ao número de falantes e á falta de relevo xeracional no seu uso. Os avances para a lingua conseguidos pola acción de movementos sociais encóntranse coa pasividade, cando non coa oposición, das institucións, nomeadamente daquelas que teñen obriga de promovela e defendela. É o caso da Consellaría de Educación que se nega a negociar un auténtico plan de normalización do galego na aulas e mantén desde 2010 relegado o noso idioma de determinadas etapas educativas, nomeadamente Infantil, Primaria, FP e ensinanzas de réxime especial e de poder impartir as materias científicas nel. Os datos, non por repetidos, non deixan de ser alarmantes, respecto da perda de falantes das crianzas desde que entran no sistema educativo; da escasa presenza do galego como lingua vehicular no ensino nos centros educativos sobre todo das cidades e das vilas; a desproporción entre os materiais de Edixgal que garante que o 40,62% das horas lectivas se impartan en castelán fronte ao 22,65% en galego e o 12,5% noutras linguas, e o feito de que o 24% do alumnado que remata a educación obrigatoria manifesta que non é capaz de falar galego. 

A actual situación de emerxencia lingüística require pois dunha contestación contundente a prol da defensa do noso idioma.  Por iso, desde a CIG animámoste a participar nas mobilizacións de mañá, así como a asinar o manifesto que a Plataforma Queremos Galego, composta por 500 organizacións, impulsa con motivo do día que commemora as nosas Letras. 


 Lugares das mobilizacións, mércores 17 de maio ás 12h:

•Santiago de Compostela (Alameda)

•A Coruña (Obelísco)

•Lugo (Praza Maior)

•Ourense (Praza do Correxidor)

•Pontevedra (Praza da Peregrina)

•Vigo (Cruce Vía Norte)

•Ferrol (Praza do Inferniño)

•Monforte de Lemos (Praza de España)

•Foz (Casa do Concello)

Volver