A patronal do sector das escolas infantís de 0 a 3 anos desatende as reivindicacións das traballadoras que protagonizaron folgas e mobilizacións

A CIG-Ensino volve rexeitar a proposta da patronal na mesa negociadora por insuficiente, inxusta e inxustificable, e fai un chamamento ás demais OO.SS. a manter o pulso nas rúas para dignificar o convenio e os salarios.

Na 12ª mesa “negociadora” do XIII convenio estatal de centros de asistencia e educación infantil, celebrada o 24/11/2023, logo das cinco folgas levadas a cabo polas traballadoras en Galiza, as patronais do sector fixeron unha nova proposta miserenta, con mínimos avances que non atenden as reivindicacións e a ampla mobilización nas rúas por un CONVENIO DIGNO E SALARIOS XUSTOS.

NOVA PROPOSTA SALARIAL DA PATRONAL O 24 NOVEMBRO DE 2023:

  1. Proposta táboas salariais xestión indirecta
  2. Proposta táboas salariais xestión directa

Ligado a estas táboas salariais, privadas e públicas, irían as seguintes propostas laborais INVOLUCIONISTAS do resto do articulado e adaptadas a cada tipo de xestión:

  • Incapacidade temporal (IT), mantendo recortes nas compensacións ao 100% nos tres primeiros meses (paga extraordinaria excluída). Propoñen manter o 100% actual na 1ª baixa laboral anual e logo no resto descontar o 50% do día 4º ao 16º. Dende a CIG pedimos retirar esta proposta e eliminar a exclusión da paga extraordinaria nos 3 meses para cobrar o 100% real.
  • Cláusula de descolgue salarial que empeora o recollido no XII convenio. Dende a CIG propuxemos que se podería negociar avanzando en melloras no resto do articulado: sobre todo na xornada e outras melloras sociais (conciliación da vida laboral e familiar).
  • Adaptación Reforma Laboral e novas normas en vigor, só recollen o obrigado xa por lei.

Accede á proposta anterior feita pola patronal nesta LIGAZÓN


A CIG-Ensino criticou, en 1º lugar, e unha vez máis, esta actitude irresponsable e inaceptable das patronais, que se manteñen no inmobilismo logo das catro folgas masivas levadas a cabo en outubro e en novembro en Galiza, con moita diferenza as de maior participación de todo o Estado, nas que se lles esixía un cambio de rumbo nas negociacións.

A CIG-Ensino volveu rexeitar esta proposta patronal por insuficiente, inxusta e inxustificada, ao querer seguir mantendo a precariedade salarial e afondar na involución de dereitos sociais e laborais do persoal traballador, e máis despois do esforzo que fixeron na pandemia así como a súa constante formación, responsabilidade e profesionalidade, que cada vez son maiores e que non se recoñecen, e despois das súas loitas reivindicativas. O sindicato presentou unha emenda á totalidade da proposta patronal, sendo a única organización sindical con esta contundencia, pois as demais quedaron en valorala de cara á próxima mesa do día 1 de decembro. Tamén dixemos rotundamente que non a que se repita o peche en falso do convenio coma no 2019 ( táboas salariais e adaptación legal sen máis), ante algunha manifestación neste sentido, pois a situación non é a mesma despois das mobilizacións masivas do sector.

Motivos xustificativos concretos polos que a CIG-Ensino rexeitou a proposta patronal :

Por insuficiente en % de suba nos salarios, quedando moi por debaixo do IPC real.

Por insuficiente ao carecer de retroactividade, propondo pagar desde setembro de 2023 as subas, esquecéndose do resto de 2023 e de 2022 completo.

Por insuficiente ao non ter diferencial para as educadoras, que non se garante no futuro.

Por insuficiente debido ás diferencias tan altas entre táboas salariais de xestión directa e as de xestión indirecta.

Por insuficiente debido á discriminación salarial nas dobres táboas de xestión indirecta, pois as de continuidade sen novos pregos cobrarán moito menos e carecen dunha compensación cando se fusionen as dúas en 2026, producíndose así unha desigualdade salarial entre colectivos iguais, tanto na xestión como no traballo desenvolvido.

Por contías insuficientes pois o novo “SMI” vai absorber todas estas subas e volveremos aos mesmos problemas do anterior convenio, igualando salarios de distintas categorías.

Por insuficiente porque só trata propostas patronais á baixa, cando estas deben ir na dirección contraria (por exemplo recortes nas IT). Pódese aceptar negociar a cláusula de descolgue (sen implicar a terceiros que non están na mesa), que xa figura para empresas con problemas, pero a mellora da xornada e melloras sociais deben negociarse tamén.

Solicitamos pois á patronal unha nova proposta con avances e non con retrocesos, para o venres 1 de decembro, cun claro cambio de rumbo nas propostas, tal e como reclama o persoal traballador, para dignificar o convenio e as táboas salariais.

Propostas concretas defendidas pola CIG-Ensino na Mesa do 24/11/2023:

Unha vez que o sindicato maioritario fixo a súa proposta salarial e xeral puxemos tamén sobre a mesa as seguintes puntualizacións:

Na xestión indirecta, propoñen, sen máis, que a 1/01/2026 as Mestras deben chegar aos 1.780€, o Persoal Complementario a 1770€, as Educadoras a 1450€ e o PAS a 1350€, e unha retroactividade de 600€. A CIG-ensino reclama que se debe aboar xa o 12,7% (IPC 2021= 6,5%, que menos o 3,1% aplicado queda pendente o 3,4% + o 5,7% de 2022 + 3,6% previsible do 2023) retroactivamente desde xaneiro de 2023 e o resto repartido no 2024 e 2025, até esas cantidades. En caso de comezar a suba do 12,7% en xaneiro de 2024, cada traballador/a recibirá unha única paga durante o 2024 de 1500€ en compensación polo incremento deixado de percibir pola retroactividade de 2023. Concordamos co diferencial para as educadoras sobre o PAS (ou SMI) de 100€ a maiores. De asinar táboas a dúas marchas (con e sen pregos publicados), o que deixara de gañar o persoal sen novos pregos debe recibilo nun complemento salarial ou paga única de atrasos, cando se unifiquen as táboas (2026), de forma que  se eliminen as diferencias salariais cos seus homólogos a quen lles aplicaron as táboas dos novos pregos. As escolas de obras sociais e fundacións camiñarán cara estas mesmas cantidades.

Na Xestión Directa, para a CIG-Ensino as subas a aplicar deben ir no camiño de que a diferencia salarial coas de xestión indirecta acaden a equiparación salarial en 2026, ou como moito 20€ ou 30€ menos en cada categoría, como sempre foi historicamente nos convenios anteriores. A xustificación está en que en Galiza ambos tipos de xestións son gratuítos e a proposta do novo goberno camiña cara esa gratuidade na etapa 0-3.

Ademais o sindicato priorizou outros temas a negociar que as traballadoras reivindicaron nas mobilizacións: reducir a xornada (recoñecer lectiva e non lectiva ás docentes), melloras nas licenzas e permisos (favorecer a conciliación dun colectivo que traballa para a efectivización da dos demais) e melloras sociais (excedencias, descanso na xornada tempo efectivo de traballo,...).

A CIG-Ensino, neste sentido, aposta por seguir e incrementar incluso as mobilizacións nas rúas no mes de decembro facendo un chamamento aos demais sindicatos da mesa a manter a unidade de acción e o pulso á patronal mentres esta se negue a recoñecer os dereitos xustos reivindicados.

Volver