A OPE de Educación, sen previa negociación, non dá resposta ás necesidades do ensino público galego

O reparto de prazas por corpos é insuficiente, está descompensado, non chega ao límite legal fixado na taxa de reposición e nin sequera cumpre cos compromisos de temporalidade fixados pola Consellaría

O Consello da Xunta de hoxe, 14 de decembro, foi un claro exemplo do comportamento prepotente e antidemocrático do goberno galego. A reunión tiña lugar a escasos metros de onde un grupo de representantes sindicais da CIG-Ensino xunto con STEG e CSIF-Ensino mantiñan a segunda xornada de peche nas dependencias do conselleiro de Educación, Román Rodríguez. Este en ningún momento ousou comparecer ante os mestres pechados nin accedeu a fixar unha data para unha reunión cos sindicatos que desde comezos de outubro veñen promovendo mobilizacións do profesorado galego co obxectivo de superar o pésimo acordo asinado por unha minoría sindical e a Consellaría de Educación.

Esa falta do máis mínimo nivel de respecto polas normas democráticas e de diálogo con quen ten o 60% da representación do persoal docente agrávase co feito de que nesa mesma reunión do goberno galego se dera a coñecer o tope de prazas que a Xunta está disposta a ofertar na Oferta Pública de Emprego deste ano, asignando aos diferentes corpos o reparto correspondente sen previa negociación na Mesa Sectorial. 

O anuncio da OPE vén precedido dun informe feito público pola CIG-Ensino o pasado luns día 11 no que se evidenciaba o incumprimento dos obxectivos fixados pola administración educativa para reducir a temporalidade entre o profesorado. Coas cifras impostas pola Xunta, sen mediar negociación algunha, e á espera de coñecer tanto as cifras oficiais de xubilacións de 2022 e de 2023, así como un reparto por especialidades que debe presentarse canto antes, hai varias cuestións que se poden adiantar:

  • Incremento cero de postos de traballo: non se vai producir ningún aumento de docentes no ano 2024, xa que tanto as cifras da OPE o impiden como os propios orzamentos da Xunta conxelan a cifra actual de profesorado.
  • Non se cobre a taxa de reposición. As cifras da OPE non recollerían o máximo da taxa de reposición (xubilacións, defuncións...) do ano 2022 (na que non houbo oposicións ordinarias) e do ano 2023. Á espera de que se nos presenten as cifras de xubilacións e partindo dos estudos previos da CIG-Ensino e dos datos de xubilacións de anos anteriores, todo parece indicar que se poderían ofertar moitas máis prazas das anunciadas.
  • Unha OPE descompensada. A OPE está totalmente descompensada na relación entre o profesorado interino existente nos diferentes corpos e a oferta anunciada. Mentres no caso do corpo de mestres a oferta está próxima ao total de persoal interino (sen contar as mestras e mestres de Orientación), nos corpos de PES, EOI e PESSFP a proposta limítase ao 50% das prazas actualmente ocupadas por persoal interino.
  • Non se aposta por reducir a temporalidade como fixou como obxectivo a propia Consellaría. Tendo en conta as previsións de xubilacións para o 2024, que se prevé que superen en todo caso o milleiro de docentes, a porcentaxe de persoal temporal seguirá bastante por riba do 5% que a propia Consellaría se marcou como obxectivo. 

A CIG-Ensino xa lle demandou en datas recentes á Consellaría que entregue toda a xustificación necesaria para o control do cumprimento da normativa vixente no referente á obriga de ofertar todas as prazas estruturais existentes. Á vista das cifras da OPE o sindicato xa advirte que na primeira oferta de emprego na que a Consellaría debe cumprir coas súas propias normas, isto non vai ser así. 

A ninguén se lle escapa que a Consellaría ten neste momento totalmente elaborado o reparto por especialidades que dá lugar a estas cifras da OPE. O sindicato exixe a inmediata convocatoria da Mesa Sectorial e que se faga pública a proposta de reparto para xeral coñecemento de todas as persoas que participarán nas oposicións e para poder contrastar os desfases existentes entre as prazas ocupadas temporalmente a día de hoxe e a oferta de reparto e de prazas.

Volver