A nova orde de atención á diversidade non afronta ningún dos retos e necesidades dos centros educativos
Dez anos despois do Decreto a Consellaría non achega ningunha novidade salientábel e incide nas mesmas limitacións á hora de dar resposta á atención ao alumnado con NEE e NEA
Regulación burocrática e formal, reprodución e actualización de normas publicadas após o Decreto do 2011 mais sen ningún paso adiante, ausencia de compromiso coa dotación de recursos humanos, materiais e formativos e unha concepción da atención á diversidade supeditada a non incrementar un investimento que interpretan como “gasto”: esas son as liñas básicas da nova orde que regula a atención á diversidade en Galiza e que pasou pola Mesa Sectorial sen que mudase nada substancial por parte da administración, limitándose ao compromiso de revisar algunha proposta que lle trasladamos mais que non alterarían, caso de modificalas finalmente, esa visión economicista que leva á Consellaría a antepoñer en todo momento a dispoñibilidade de profesorado e outro persoal á atención do noso alumnado e a mellora nas condicións nas que desempeñamos o noso traballo como docentes.
A Consellaría fala de pasar do “non é capaz” ao “é capaz” referíndose ao alumnado. A CIG-Ensino afeoulle á administración educativa que non fose “capaz” de dar un salto adiante e un cambio de rumbo na concepción da atención á diversidade e da dotación de todos os medios aos centros educativos.
Dez anos de atraso no camiño en acadar unha sociedade inclusiva
A mesma Consellería que premia as Boas Prácticas de Educación Inclusiva nos centros con convocatorias anuais presenta agora unha normativa da que se deduce seguir entendendo a diferenza como algo negativo, como un problema dos centros que hai que solucionar. Estamos ante unha concepción obsoleta da atención á diversidade, séguese atendendo á integración do alumnado con necesidades, non se avanza de cara a inclusión da que tanto se presume no preámbulo da propia norma que presentan.
Esta orde non se adapta ao momento actual, non pode ser que pensemos e atendamos a diversidade da mesma forma se lexislamos en xaneiro de 2012, un mes despois do decreto, que no 2021, case unha década despois. Co avance que logrou profesorado nestes últimos anos loitando pola inclusión nos centros educativos esta administración desbota calquera esperanza de progreso no traballo co alumnado con necesidades.
A propia Consellería publica (na convocatoria dos premios de boas prácticas inclusivas) que os centros educativos deberán ofrecer unha resposta que compense as diferenzas individuais de todas as alumnas e alumnos, no marco dos principios de normalización e inclusión e desde a consideración da diversidade como un elemento enriquecedor para o conxunto da sociedade. Porén, a mesma administración presenta agora unha norma que segue poñendo parches na atención á diversidade, que propón solucións provisionais, que limita con criterios economicistas os dereitos do alumnado con necesidades e que, en definitiva, semella non entender a diferenza entre integración e inclusión educativa.
CIG Informa sobre toda a negociación da orde de atención á diversidade.
Ligazón a toda información da mesa sectorial que tratou a orde de atención á diversidade.
Cuestións xerais sobre a orde de atención á diversidade
- A orde que se nos presenta non parte da realidade dos centros e do sistema educativo. Unha nova normativa deste calado ten que dar resposta ás eivas coas que o profesorado se atopa a diario e de novo estamos ante unha oportunidade perdida para, con altura de miras, entender a inclusión educativa tal e como se merece o alumnado.
- Estamos diante dunha declaración de intencións e dunha ordenación burocrática e normativa que, coma sempre, quedará en papel mollado, xa que vincula a atención á diversidade coa dispoñibilidade horaria do actual profesorado dos centros, a dotación insuficiente de persoal (coidador, intérprete de signos) ou inexistente (sanitario, fisioterapeuta, educador social) e mesmo a posíbel privatización de servizos que son responsabilidade da Consellería de Educación. Hai numerosas referencias na orde ao recoñecemento de dereitos para alumnado con necesidades educativas que non se acompañan de propostas concretas. Iso pode ter sentido nun Decreto mais non nunha Orde, da que se agarda que sexa propositiva e desenvolva os principios e dereitos básicos que se declaran. De feito, as actuacións da Administración educativa recollidas no artigo 5 do Decreto 229/2011 están sen desenvolver nin concretar nesta orde (formación, dotación de recursos…)
- Non se pode atender correctamente a atención á diversidade sen recursos profesionais suficientes e sen unha redución da ratio nas aulas ordinarias cando temos alumnado con NEAE nelas. Esta posibilidade recóllese na LOMLOE. Non era necesario para que a Consellaría puidese determinar esa redución mais agora con máis motivo esa debe ser unha das medidas a tomar, xunto con computar o alumnado repetidor. Nunhas aulas saturadas e moi diversas e cun profesorado sobrecargado de docencia e burocracia non se pode atender a diversidade como se merece. Esta orde non ofrece alternativas.
- Onde está a actualización do Decreto 120/1998 e a rede de orientación tan demandada pola CIG-Ensino nos últimos anos? Van alá 23 anos sen negociar e fixar esa rede de orientación. Onde está unha aposta real pola axeitada atención a este alumnado establecendo xefaturas de departamentos de orientación (XDO) en función do número de alumnos/as atendidos máis alá dos mínimos por centro educativo? Como pode a administración educativa galega seguir mantendo XDO que atenden 5 centros distintos ou un único centro con máis de 500 alumnos/as?
- Os mestres e mestras de PT e AL teñen funcións en común pero tamén teñen moitas que os diferencian. Deberían estar explicitamente cada unha delas en artigos distintos. A administración ten por costume utilizar PT e AL como profesionais do apoio en xeral, “profes para todo” metidos nun caixón de xastre. Así o demostran cando nas prazas provisionais lles da o mesmo dar un PT afín AL que un AL afín PT.
- Por que non se atende a demanda da CIG-Ensino de ter prazas de AL na ESO en todos os centros? Como é posíbel que se deneguen sistematicamente aumento de prazas de AL e PT en CPI ou na educación infantil, coa escusa de non ser esta última unha etapa obrigatoria, cando a propia administración fala da importancia da detección precoz e a atención temperá.
- O catálogo de postos de traballo en relación a profesionais de Orientación, PT e AL fixa uns mínimos mais permite amplialos en función das necesidades que haxa que atender. Ese mesmo criterio recóllese no decreto 229/2011. A Consellaría debe negociar e posteriormente estabelecer un aumento destes postos de traballo en función do alumnado con NEAE e NEE que se atende e eliminar ou reducir a casos extraordinarios os centros compartidos e adscritos.
- O recurso a convocatorias para prazas de atención preferente debe ser excepcional se a dotación de persoal é a correcta. Con todo, debe figurar como se procederá nos casos nos que sexa indispensábel recorrer a estes nomeamentos. Para a CIG-Ensino debe ser o centro que os pida, con informe favorábel da XDO.
- A educación infantil é unha etapa clave no traballo dos especialistas de AL nunha tarefa na que a prevención debe ter un papel fundamental. Na práctica é excepcional que poidan ter horario para o traballo nestas etapas. A orde debería contemplar que na EI se estabelecerá un horario semanal de AL para traballar con todo o alumnado a estimulación da fala e os problemas de linguaxe.
- Seguimos sen ver a creación de EOE comarcais cando está claro que os actuais equipos son incapaces de abarcar todo o traballo. Xa temos proposto que nunha primeira fase se debe crear EOE en Santiago, Ferrol e Vigo, aumentando progresivamente nunha implantación comarcal e asegurar a cobertura de todas as especialidades neles.
- Da orde dedúcese, de novo, un exceso de traballo burocrático para o profesorado, en vez de reforzar con medios e horarios a coordinación pedagóxica, vítima principal da sobrecarga lectiva e burocrática do profesorado. Tradúcese a atención á diversidade nos centros en exceso de burocracia para docentes, ningunha facilidade, formación por conta propia e abandono pola administración, que se limita a trazar un marco mais non achega melloras. Calquera docente (desde Orientación á titoría) que lea as funcións que se lle encomendan só poderá concluír: cando queren que faga todo isto? Ou se acomete unha reforma dos horarios do profesorado, reducindo burocracia e horas lectiva e aumentando tempo para coordinación ou todo será unha farsa. Ou estamos para atender persoas ou para a burocracia.
- A privatización da atención ao alumnado con necesidades está presente de novo. Apoian a atención á diversidade na colaboración con entidades privadas. Que significa colaboración con entidades privadas e como se efectiviza no funcionamento diario? A colaboración non pode ser na toma de decisións das dinámicas dos centros respecto ao seus alumnado e non pode equivaler a unha privatización encuberta da atención ás necesidades educativas. O papel a xogar por asociacións ou entidades debe estar na liña, por exemplo, do que desempeñan asociacións de doentes no ámbito da sanidade pública.
- Os centros de escolarización preferente volven aparecer. Figuraban no decreto 229/2011, con anterioridade xa se declararan de feito algúns centros; despois nesta Mesa negouse que existisen e agora reaparecen mais non se regula nada, deixando todo no aire. Que tipo de escolarización preferente imos ter? Por tipoloxía de necesidades se atenderán? Cales van ser eses centros e quen e como vai decidir cales sexan? Non se pode pasar nun tema como este con esta superficialidade. Hai que regular con que postos e medios específicos se dotarán e debe existir un catálogo deste tipo de centros. Do contrario, volverase a reproducir o que xa vivimos hai anos cuns centros que se “crearon” e se deixaron abandonados. O recurso a estes centros debe ser excepcional e o sistema educativo debe apostar pola xeneralización de centros ordinarios con recursos humanos e materiais suficientes.
- A protección de datos é un elemento que aparece en case todo tipo de normas actualmente. Botamos en falta unha chamada de atención na orde sobre a protección de datos do alumnado con necesidades educativas especiais.
- Consentimento ou información ás familias? Cando se alude ao longo da orde á nai, ao pai ou ás persoas titoras legais non queda claro se se precisa conformidade expresa ou opinións de un dos proxenitores ou dos dous. Debería estar aclarado para cada caso cal é o papel das familias diante de avaliacións psicopedagóxicas, adaptacións curriculares ou agrupamentos flexíbeis. Actualmente, na práctica, solicítase o consentimento familiar antes dunha avaliación psicopedagóxica. Dado que se vai recoller información, aplicar probas e facer un informe (no caso da avaliación psicopedagóxica) e tomar decisións curriculares, parece lóxico que, con carácter xeral, se solicite a autorización familiar. En todo caso, se se considera que pode haber excepcións, deben regularse.
- Para pasar do “non é capaz” ao “é capaz” fan falta recursos materiais, humanos e formativos. A atención á diversidade ten unha enorme importancia e as nosas aulas son cada vez máis diversas. Non abonda con que a lexislación o recoñeza. A administración debe comprometerse para poder implicar o profesorado. Dificilmente se vai conseguir se non hai un cambio na dotación de medios de todo tipo: non hai mellor recoñecemento para o bo facer dun equipo docente que dotalo de todas as ferramentas e medios necesarios: desde a formación nas facultades ao día a día nas aulas e a actualización permanente. Todo isto non se garante, nin moito menos, con esta orde.
-
Persoal coidador e de interpretación de signos. Non facemos ningún tipo de achega nin consideración sobre as funcións do persoal coidador e de interpretación de signos. Non é tema de negociación nesta Mesa Sectorial Docente, na que só representamos legalmente ao profesorado e é preceptivo que se convoque o órgano de negociación que corresponda deste persoal laboral, con independencia de que, como xa dixemos, consideramos que se debe incrementar o seu número así como incorporar novas categorías de persoal non docente e, na liña do que defendemos co profesorado de PT e AL, reducir as ratios de alumnado a atender.
- Propostas concretas ao articulado da orde
Capítulo I
Artigo 4.3d. Engadir, despois da referencia ás estratexias de coordinación do profesorado de área ou materia: “así como a participación, segundo corresponda, no proceso de avaliación psicopedagóxica baixo a dirección da xefatura de orientación.
Capítulo II
Artigo 6. Alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Sería oportuno detallar as diferentes categorías de NEAE (que se entende por retraso madurativo, cando podemos falar de descoñecemento grave da lingua ou que trastornos de comunicación se consideran especiais e cales de apoio específico). Pode ser na propia orde ou en circulares ou instrucións específicas.
Artigo 9. A definición de altas capacidades intelectuais non é consecuente co concepto actual, nin co que figura no protocolo de altas capacidades da propia Consellaría. O coeficiente intelectual non debería aparecer como condición. O protocolo manexa estes parámetros: unha capacidade intelectual superior, un alto nivel de creatividade e persistencia nas tarefas de alta complexidade intelectual ligadas aos seus intereses.
Artigo 11.5. Os convenios aos que se fai referencia para actuacións preventivas e de detección temperá (que a propia Consellaría afirma que son 42 e que están en trámite outros 8) non poden supoñer que entidades privadas fagan os seus procesos de detección e intervención co alumnado con necesidades educativas. Estes procesos son función dos centros e do seu persoal docente, non de entidades alleas que poderán, en todo caso, colaborar naquilo que desde os centros se demande.
Artigo 14. Sería mellor un maior nivel de concreción á hora de determinar os casos nos que procede que a avaliación psicopedagóxica deba ser realizada polos EOE mais sobre todo que quede claro quen determina “cando procede", que desde o noso punto de vista debe ser o propio EOE e non a inspección educativa.
Artigo 15.1.b. Fálase da necesidade da avaliación psicopedagóxica como complemento da avaliación inicial. Deberían regularse outras intervencións intermedias entre a avaliación inicial e a psicopedagóxica, xa que en moitos casos o coñecemento do alumnado na inicial é moi limitado e o paso á psicopedagóxica debería darse cando esas medidas intermedias non fosen efectivas.
Propoñemos cambiar a redacción deste apartado por “Cando os resultados da avaliación inicial indiquen a existencia de graves dificultades na aprendizaxe ou pola contra indicios de altas capacidades”.
Artigo 15.2. e 16.3. Tendo en conta o papel central que debe xogar todo o profesorado, desde a titoría aos EOE pasando polo profesorado especialista de apoio e os departamentos de orientación non alcanzamos a entender en que casos extraordinarios podería a Consellaría ter a necesidade de promover a avaliación psicopedagóxica senón o fai o profesorado directamente afectado. Pedimos concreción sobre que circunstancias e quen determina esas circunstancias.
Artigo 17.1. Na relación de datos informativos do alumnado que deben figurar na avaliación psicopedagóxica consideramos que se deben incluír datos médicos relevantes, garantindo que cando o DO o xustifique poida ter acceso a eles, a través da familia ou dos servizos de saúde con autorización previa da familia.
Artigo 17.3. Para ter unha correcta dotación de “técnicas e instrumentos propios da orientación educativa” é preciso un maior financiamento dos DO. De nada serve dicir con que hai que traballar se non se pode facer efectivo.
Artigo 21.1. Consideramos que para determinados epígrafes do informe psicopedagóxico (p.ex. 7,8,9,10,11) se deberían incluír orientacións, como anexo a esta orde.
Artigo 21.3 e 4. Tanto no caso das adaptacións curriculares como na proposta de flexibilización da escolarización se indica que é a xefatura de orientación quen debe manifestalo no informe psicopedagóxico mais que esa indicación non terá carácter vinculante para o equipo docente. Debe regularse como se adoptan estas decisións, se nalgunha ocasión pode ter carácter vinculante e garantir, en todo caso, que na toma de decisións participe, como mínimo, o propio departamento de orientación xunto co resto do profesorado directamente implicado. Entendemos que se deben buscar decisións compartidas e asumidas por todos e todas.
Capítulo III
Artigo 25.4. Dentro da liña de privatización que cruza todo o documento se afirma que na promoción ou permanencia do alumnado poderán colaborar entidades privadas. É un sen sentido. Estas decisión correspóndenlle ao equipo docente e non a entidades alleas ao centro.
Artigo 28. Centros ordinarios de escolarización preferente. Propoñemos a inclusión dun novo apartado 5: “Estes centros dotaranse dos recursos humanos e materiais necesarios para a atención do alumnado que escolaricen. Cando nestes centros se escolarice tamén alumnado con outras necesidades educativas diferentes, a dotación de profesorado especialista contemplará as dúas casuísticas sen que se poda utilizar os recursos da unidade de escolarización preferente para a atención do resto de alumnado con necesidades educativas co que conte o centro”.
Artigo 29. Debe eliminarse a excepcionalidade e non poder superar a ratio de 5 nas unidades de EE en centros ordinarios ao igual que nos propios CEE, que debe ter carácter de máximo. Pedimos que se aclare se o límite de idade en escolarización combinada na ESO se mantén nos 21 anos como nunha aula ou centro de EE.
Artigo 30.2. Engadir ao final (en referencia á escolarización nun CEE): e só se producirá se non existe un centro ordinario que conte cunha unidade de educación especial.
Artigo 32.a. Indícase que o ditame de escolarización debe realizalo o servizo de orientación. Debe indicarse correctamente que servizos son, entendendo que se tratan dos EOE.
Artigo 33.2. Atención educativa en unidades ou centros de EE. No punto 2 indícase que será a dirección quen asignará o profesorado titor destas aulas. Isto desde logo non cadra ben coas consideracións do artigo 99 sobre desenvolvemento persoal e profesional do profesorado. Debe primar o consenso e a toma de decisións colectivas; de non ser o caso a preferencia do profesorado en igualdade de condicións co resto (antigüidade), tendo en conta que xa se recolle na normativa a posibilidade de que, argumentadamente, a dirección poida facer outra proposta.
Artigo 40.a.2ª. Coordinación na transición entre etapas, ensinanzas e/ou centros docentes. En relación aos centros de destino só se indican funcións informativas e de acollemento mais non de reforzo educativo no caso de que os informes individuais do centro de procedencia así o propuxesen.
Capítulo IV
Artigo 43. Sobre a adecuación da estrutura organizativa do centro vemos que non se indica como e quen estabelecerá estes criterios. Entendemos que se debe definir o papel do equipo docente, da comisión de coordinación pedagóxica, da dirección…
Artigo 47. O que se fixa para as aulas de atención educativa e convivencia está pensado para problemas de conduta puntuais en centros ordinarios. A referencia que se fai ao “traballo dunha sesión” así o indica. De feito, a concepción deste recurso é contraria ao concepto de atención á diversidade. O enfoque é de castigo, e consideramos que non ten cabida nunha orde que desenvolve a atención á diversidade.
Faise referencia a que este alumnado (que pode ser derivado nunha única hora por conduta inadecuada) terá que desenvolver o programa de habilidades sociais do artigo 57. O artigo que se debe citar é o 53 e consideramos que hai unha contradición xa que neste artigo se fai referencia a un alumnado que “incorra reiteradamente en medidas disruptivas”.
Se falamos de atención á diversidade debería estabelecerse un plan de atención específico para un uso apropiado deste tipo de aulas e o profesorado que as atende non debe ser diferente en cada momento nin debe ser o profesorado de garda e o tempo de atención ten que estar incluído dentro do horario lectivo do profesorado que a atende; só así poderán levarse a cabo actuacións destinadas á corrección dos motivos que levan a que o alumnado teña que ser derivado á esa aula.
Botamos de menos unha atención específica para casos nos que é precisa unha atención máis especializada. Falamos do que se podería denominar “aula da tranquilidade”, especialmente acondicionadas e enfocadas basicamente para centros de educación especial para alumnado que poida entrar nunha crise. Estabelecer algunha pauta adaptada aos centros ordinarios tamén sería oportuno aínda que non teña porque estar nesta orde.
Artigo 48. Reforzo educativo. Debe regularse o desdobre do grupo-clase cando nel haxa un número determinado de alumnado que precise reforzo ou apoio personalizado, coa dotación do profesorado necesario. Debe engadirse a xefatura do departamento de orientación na lista de quen debe ter información das medidas de reforzo do profesorado da área ou materia, ao igual que se fai coa xefatura de estudos, reforzando a comunicación o papel do DO e a súa comunicación co equipo docente, propoñendo criterios e orientacións para a elaboración das medidas de reforzo que elabore o profesor ou profesora que imparte a área ou materia.
Botamos en falta un plan para o alumnado de primaria que promociona con dificultades de aprendizaxe tal e como se recolle no artigo 20 bis da LOE.
Artigo 51. Plan de reforzo na ESO para alumnado promocione con materias sen superar. Este artigo debe ampliarse para regular un plan ou medidas de reforzo para alumnado con NEAE que promociona de Primaria cun informe como o que se indica no artigo 40.
Artigo 54. Concepto de medidas extraordinarias. Consideramos que a referencia aos cambios nos elementos de acceso ao currículo non son medidas extraordinarias ou non deberan selo xa que non teñen porque supor ningún cambio significativo. Actualmente nos currículos figura a exención da 2ª lingua estranxeira e nesta orde non se cita, á espera de que se faga na orde de avaliación.
Artigo 55. Adaptacións curriculares. As referencias son sempre aos elementos do currículo nos seus límites organizativos de ciclos ou cursos. As adaptacións do alumnado con NEE poden estenderse na súa vixencia a outros períodos máis amplos e máis alá dos elementos curriculares. O ideal sería contemplar adaptacións segundo os casos e cun abano amplo de posibilidades desde unha perspectiva funcional valorada polo departamento de orientación e a titoría.
O borrador contempla que se consideran elementos prescriptivos do currículo todos aqueles elementos que o conforman. Até o de agora a adaptación dos elementos non prescriptivos supoñía levar a cabo un reforzo educativo (medida ordinaria), ao desaparecer esta concepción de non prescriptivo calquera modificación suporía levar a cabo unha adaptación curricular (medida extraordinaria con todo o que implica). Pedimos aclaracións ao respecto desta nova consideración dos elementos curriculares.
Artigo 55.12. Temos claro que a redacción non debe dar lugar a equívocos e que, con independencia do desfase curricular que haxa, a avaliación, promoción ou titulación se fan sobre a AC.
Artigo 56. Agrupamentos flexíbeis. A orde impide que se poidan levar a cabo se o centro non conta con profesorado suficiente. Isto implica antepoñer un criterio economicista á necesidade de atención á diversidade. Unha cousa é aproveitar e priorizar os recursos humanos dun centro, dentro do seu horario lectivo, e outra é negar a posibilidade de que se poida aprobar un agrupamento flexíbel se non chega o profesorado que hai no centro. Está claro que o que se pretende é sobrecargar de traballo ao profesorado e que deste xeito non se pode falar de actuar en serio na atención á diversidade. A ratio debe rebaixarse a un máximo dun terzo da ratio ordinaria: 8 en primaria e 10 en secundaria.
Artigo 57. Botamos de menos que se indique a necesidade do traballo de prevención que pode realizar o profesorado de PT e AL, destinando unha parte do seu horario lectivo a este fin.
Artigo 57.4. O número de alumnado a atender polo profesorado de PT e AL fóra da aula ordinaria non poderá exceder de 4 (en vez dos 6 que figura na orde). Como máximo se debería facer referencia a 5, por analoxía coas aulas de EE e non se debe superar esta ratio.
Artigo 58. Figura por erro unha referencia ao artigo 59 á hora de falar da adaptación do currículo, cando debe ser o 55.
Artigo 61.5. O artigo 27 da LOMLOE non fai referencia a que haxa que repetir en 1º e 2º da ESO para poder acceder a un PDC, como si se facía no texto do Anteproxecto de Lei. Neste sentido abriríase á posibilidade de que, por exemplo, poida acceder extraordinariamente alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo ou podería permitirse que se incorpore a un PDC quen, tendo cursado o segundo curso da ESO, non estea en condicións de promocionar ao curso seguinte e que teña repetido unha vez en Primaria sen ter repetido na ESO. Sabemos que este é un suposto moi excepcional mais queremos saber se a Consellaría a contemplou antes de darlle a redacción proposta na que se esixe que se teña repetido na ESO.
Artigo 61.8.f. Na relación de profesorado que vai impartir os PDC debe indicarse “profesorado que vai impartir cada un dos ámbitos de coñecemento do programa”, así como que “se necesitará nomear novo persoal no caso de ser insuficiente a dotación do persoal docente do centro”.
Artigo 61.9. Non consideramos que deba ser preferentemente profesorado con destino definitivo quen imparta os ámbitos de coñecemento dos PDC. En todo caso, debe ser prioritario que siga co programa o mesmo profesorado que o comezou.
Artigo 62. Solicitamos que se inclúa unha referencia expresa no apartado da atención educativa virtual á elaboración e promoción de materiais curriculares dixitais en galego, así como a existencia dun repositorio de materiais de apoio na nosa lingua, evitando unha situación de carencia ou inexistencia de materias en galego que quedou totalmente ao descuberto durante esta pandemia.
Artigo 62.1. Debe eliminarse toda referencia á atención domiciliaria prestada por profesorado do centro. Primeiro porque deben existir equipos específicos para esta función, segundo porque é unha realidade obvia que nos centros o profesorado ten asignadas xa suficientes función e terceiro porque ao introducir un prazo intermedio de 5 días para o informe do centro á xefatura territorial estase a prolongar até 10 días a resposta a esta necesidade.
Artigo 62.1.h. Incluír que será o departamento de orientación do propio centro o que decida a modalidade de atención educativa domiciliaria máis axeitada: presencial, virtual ou mixta. En todo caso, consideramos que se debe indicar que a opción ordinaria e preferente será a presencial no domicilio e que só se recorrerá á mixta ou virtual en casos extraordinarios e con acordo da propia familia. Insistimos en que debe ser sempre con profesorado específico e non do centro. O que si é necesario é garantir no horario do profesorado tempo para a coordinación co profesorado de atención hospitalaria e domiciliaria.
Artigo 62.3.c. É necesario que se indique que a Inspección fiscalizará os horarios do profesorado do centro se a dirección informa que a atención educativa virtual non se pode realizar desde o propio centro docente? Isto non é propio dunha administración educativa que confíe nas direccións.
Artigo 62.3.c. Debe figurar como se conformarán estes equipos provinciais de atención virtual. En plena pandemia e cunha incidencia que agardemos non teñamos que vivir de novo, xa vemos como non se fixeron correctamente as cousas. Hai que definir se vai recorrer a profesorado en activo, a profesorado interino ou se se opta por unha fórmula mixta, cunha ou varias persoas responsábeis do equipo e cubrindo as demais necesidades con profesorado das listas. Isto debe ser materia de negociación coas organizacións sindicais. Entre outras cuestións, debería regularse o perfil das prazas por ámbitos e que pode formar parte dos equipos en función da súa especialidade, etc…
Artigo 63.2. e 64.1. No referente ao alumnado residente nos centros de menores ou aquel que en situación de tutela non se indica con que medios se vai garantir a atención educativa que favoreza o seu desenvolvemento persoal, nin como se lle ofertarán as medidas de atención á diversidade previstas nesta orde. Estamos nunha simple declaración de intencións baleira de contido e propostas concretas.
Artigo 65. No referente á violencia de xénero ou acoso escolar cremos que se debe contemplar un plan de atención e tratamento para as persoas acosadoras. O que non se nomea, existe igual: hai casos de violencia extrema, de abuso sexual, de violencia de xénero sufrida por nenas e nenos. Deben figurar.
Artigo 67. 1. e 68.1. Só se considera que o alumnado procedente do estranxeiro poida participar nun grupo de adquisición de linguas cando descoñeza as dúas linguas oficiais. Consideramos que poden existir grupos que dean resposta ao descoñecemento dunha delas. É moi importante facilitar unha verdadeira integración daquel alumando que descoñece o galego.
Non se contempla o caso de graves dificultades de adaptación recollido no Decreto e o desfase curricular debería poder comezar, se así se considera tras a avaliación inicial, con 2 cursos de desfase e non máis de 2
Entendemos que por erro se fai referencia aos artigos 72 e 73 no caso do alumnado procedente do estranxeiro, cando debe dicir artigos 68 e 69.
Artigos 68 e 69. Na orde figura que o profesorado encargado dos grupos de adquisición das linguas na ESO e dos grupos de adaptación da competencia curricular en educación primaria debe contar con dispoñibilidade horaria, condicionando de novo a posta en marcha dunha medida de atención á diversidade coa limitación do cadro de persoal. Unha cousa é que se cubra preferentemente con quen ten horario no centro e outra ben distinta é que non figure que “en caso de non ser posíbel con profesorado do centro, se garantirá a atención a este alumnado”.
Artigo 69.5. Incorporar ao final do apartado: “Cando nun centro se cree un ou mais grupos de adaptación curricular o horario de atención a estes grupos contabilizarase no horario do profesorado para a determinación do cadro de persoal docente que ten que ter o centro”
Artigo 70. Propoñemos cambiar o título de “Atención educativa a mozas embarazadas" por “Atención a necesidades educativas derivadas do embarazo”.
Artigo 75. Consideramos conveniente incluír un anexo como modelo de informe de seguimento de concreción anual do Plan Xeral de Atención á Diversidade.
Capítulo V
Artigo 77. Como pode dicir a Consellaría que garante o “dereito aos recursos materiais e humanos” logo de estabelecer permanentemente limitacións de profesorado e outros profesionais en toda a orde?
Artigo 78.3. O “banco de recursos” dos CEE teñen que ser públicos e accesíbeis para consulta de todo o profesorado.
Artigo 79.1. É neste artigo onde se pode recoller expresamente que dotación de especialistas de PT, AL ou Orientación haberá nos centros por riba dos catálogos básicos en función do número total de alumnado do centro e daquel alumnado con necesidade de apoio. Tamén neste artigo se debe incluír unha referencia expresa a que o profesorado será tamén o necesario para cubrir o traballo de prevención e detección.
Artigo 84.3. Logo do parágrafo no que se fai referencia ao CEE como equipo de recursos, propoñemos un novo parágrafo:
3bis. En canto aos centros de recursos específicos que ofrezan atención logopédica ambulatoria desenvolverán as seguintes funcións:
a) Proporcionar atención individualizada a alumnado de centros ordinarios que precisen desta medida.
b) O centro de educación especial elaborará un protocolo de organización e funcionamento deste servizo que recollerá:
1. Procedemento de solicitude, admisión e criterios.
2. Organización da atención ambulatoria.
3. Procedemento de avaliación dos casos.
Artigo 85.2.e. Eliminar “con carácter xeral”. A ratio debe ser como máximo 5 nas aulas dos CEE.
Capítulo VI
Artigo 87.3. Se no texto se di expresamente que se considera que “a función titorial do profesorado como o aspecto con maior potencial para a integración das familias na práctica educativa” e se estamos de acordo no carácter central que ten esta función, debe figurar na orde que “o profesorado titor contará coa necesaria redución do horario lectivo para o desempeño da función titorial”
Artigo 88. Xa indicamos con anterioridade que se debe limitar claramente as limitacións de entidades privadas, sempre desde un papel de colaboración no que de demande desde o centro mais non na toma de decisións.
Capítulo VII
O desenvolvemento social e emocional do alumnado. A protección e promoción do talento. Este capítulo require dun tratamento máis amplo nos novos currículos LOMLOE e non quedar exclusivamente nesta orde dun xeito tan superficial. Con todo, apuntamos a ausencia da perspectiva de xénero e da educación afectiva-sexual.
Capítulo VIII
O desenvolvemento persoal e profesional do profesorado. Formación, innovación e calidade. Non alcanzamos a comprender porque se inclúen estes artigos nesta orde de atención á diversidade. Algúns son declarativos e baleiros, sen ningún tipo de soporte (“recoñecemento do profesorado, plans de formación, centros como espazos de de desenvolvemento…”). Son artigos nos que ou non se di nada ou o que se di está fóra de lugar. É consciente a Consellaría que estes mesmos artigos poderían aparecer en calquera orde ou decreto que regule aspectos do noso traballo docente ou da ordenación do sistema educativo?
Sen entrar a fondo neste Capítulo VIII, chámanos a atención a apelación a adoptar decisións de forma democrática nunha administración que parte dun sistema xerarquizado e vertical nas relacións. Tal e así que as propostas para contribuír ao desenvolvemento persoal do profesorado se lle asignan ás direccións dos centros. As direccións xogan un papel fundamental mais se queremos potenciar a democracia, a compartición, a autonomía, a comunidade e a xeración de iniciativas, estes cometidos exceden con moito o límite das direccións e deben partir dos claustros, departamentos, ciclos, etc… e o que demandamos da Consellaría é que regule, mediante un Estatuto do Profesorado Galego ou norma equivalente, todo o que ten a ver co noso recoñecemento profesional e o desempeño do noso traballo, así como a necesaria formación inicial e continua, preferentemente en horario lectivo.
Anexos. Gustaríanos poder ver os anexos antes da publicación da orde e poder facer achegas.
Disposicións que non aparecen (adicionais, transitorias, derrogatorias…) É necesario coñecer esta parte que non se nos presenta.