A nova lei de FP incide na privatización do ensino público, reforzando o papel das empresas

O anteproxecto de lei, pendente do trámite de emendas, introduce cambios na ordenación dos corpos do profesorado de FP

Privatización interna ou allea. Son as dúas vías nas que habitualmente se producen todas as medidas contra o ensino público. Pola vía externa a principal, como sabemos, é a autorización de ofertas educativas concertadas ou subvencionadas ao tempo que se recorta a oferta pública. Disto sabemos ben en Galiza e no conxunto do Estado, cunha das maiores redes europeas de centros privados sostidos con fondos públicos. No caso da FP, unha etapa non obrigatoria, mantéñense en Galiza concertos educativos mentres se nega a posibilidade de ampliar a oferta de ciclos nunha mesma cidade ou se recorta a oferta ordinaria ou modular en moitas vilas.

A privatización interna, coa introdución de prácticas e directrices propias da empresa privada, é a outra vía. O anteproxecto da nova lei de FP, aprobado nesta semana polo consello de ministros e ministras, incide na vía da privatización da Formación Profesional, ampliando o papel que xoga a empresa  na FP dual, que agora se estende a toda a oferta de FP, desde a Básica até os ciclos medios, superiores ou de especialidade.

A empresa decide, o sistema educativo ao seu servizo

O anteproxecto, que debe pasar agora polo Consello Escolar do Estado e o Consello Xeral de FP, órganos sen carácter vinculante, así como polo preceptivo debate parlamentario, condiciona totalmente a estrutura formativa das administracións educativas ás necesidades e decisións das empresas, reforzando o seu papel coa ampliación das estadías do alumnado nelas, co maior control do currículo, coa entrega de parte da avaliación a titores ou titoras designadas pola empresa, até o punto de darlle entrada nos centros para participar na avaliación final do alumnado e blindando a súa participación na selección do alumnado. De feito, que toda a FP se considere dual non é só un cambio de terminoloxía, xa que catalogar como dual a actual FP ordinaria faise precisamente para reforzar o poder das empresas.

Para a CIG-Ensino as medidas propostas, no que se ofrece como proxecto estrela do goberno español, implicarán un importante recorte de profesorado de FP ao asumir unha maior carga de formación a estadía en empresas. Ao tempo, a posibilidade de que as empresas poidan formar os seus propios traballadores e traballadoras para a obtención de títulos oficiais, quedando o profesorado dos centros educativos exclusivamente para a avaliación deses resultados de aprendizaxe, supón tamén deixar nun lugar secundario o profesorado e reducirlle capacidade para formar parte na formación continua.

Confírmase a creación dun novo corpo de profesorado: Especialista en sectores singulares

Como xa avanzara o Ministerio e trasladara á CIG-Ensino nunha recente reunión cos responsábeis do sindicato a nova lei rectifica parcialmente a desfeita provocada polas modificacións introducidas na LOMLOE coa extinción mal deseñada do corpo de Profesorado Técnico de FP.

O anteproxecto modifica algún dos erros da LOMLOE, como o de abrir a integración no corpo de PES a quen teña outra titulación diferente ao Grao mais que se declare equivalente a efectos de docencia (o que xa a día de hoxe permite que nalgunhas especialidades de FP se poida estar no corpo de PES con titulación de diplomatura). Na LOMLOE a integración limitábase a quen tivese Grao ou titulación equivalente para acceso na función pública (o que só inclúe licenciaturas e deixaba fóra a docentes con titulacións universitarias de grao medio).

A CIG-Ensino emendará o anteproxecto para mellorar os apartados relacionados co profesorado

A CIG-Ensino é crítica co feito de que non se convocara Mesa Docente Estatal para tratar os apartados desta lei relacionados co profesorado e vén de solicitar formalmente a convocatoria deste órgano de negociación.

Para o sindicato as rectificacións introducidas son insuficientes. A CIG-Ensino formulará emendas ao anteproxecto no trámite de debate no Consello Escolar do Estado e remitirá estas propostas aos grupos parlamentares para a súa toma en consideración na fase de negociación no Congreso.

Modificacións da LOMLOE na nova lei de FP ao respecto dos corpos docentes da FP
  • Créase o novo corpo de Profesorado Especialista en sectores singulares vinculado ás 10 especialidades que figuran actualmente no Anexo VI do RD 276/2007. Non se recolle nada sobre a integración de profesorado destas especialidades no corpo de PES no caso de ter titulación universitaria, tal e como lle adiantou á CIG-Ensino a secretaria xeral de FP.
  • A integración no corpo de PES limítase ás outras 19 especialidades do corpo a extinguir de PTFP e poderá ser exercida desde que se convoque o proceso até un prazo máximo de 5 anos desde a entrada en vigor da Lei de FP.
  • Mantéñense os requisitos de titulación para integrarse no corpo de PES na entrada en vigor da LOMLOE (19 de xaneiro de 2021)
  • O proceso de integración no corpo de PES terá efectos desde o momento en que se abra o prazo, que terá que ser aprobado polo Goberno, de acordo coas CC.AA. Para quen o solicite con posterioridade a ese prazo os efectos sería posteriores
  • Mantense a limitación de selección de funcionariado para o corpo a extinguir de PTFP para as ofertas de emprego público xa aprobadas.
Principais características da estrutura da FP na nova lei

NOVA ORDENACIÓN EN 5 GRAOS. Hai unha nova denominación das diferentes tipoloxías da oferta de FP, diferenciada en dous grandes bloques:

  • Grao A (acreditación parcial de competencias), Grao B (certificado de competencias) e Grao C (certificado profesional)
  • Grao D (ciclos formativos):
    • grao básico e medio con ciclos de 2 cursos académicos de 2000 horas
    • grao superior: 2 ou 3 cursos académicos entre 2000 e 3000 horas.
    • pode haber dobres titulacións
  • Grao E (cursos de especialización): entre 300 e 800 horas para obter título de Especialista (para ciclos de GM) ou título de Máster Profesional (para ciclos de GS)

Os Graos C,D e E terán carácter dual.

A ACTUAL FP ORDINARIA SERÁ DUAL. Pasa a denominarse FP DUAL XERAL. Hai un incremento das estadías nas empresas. Agora a FCT ten unha duración de 410 horas, o que implica un 20% do total da duración dos ciclos de 2000 horas. Na nova regulación a formación nas empresas non pode ser inferior ao 25% e pode chegar ao 35%. A empresa asume un 20% dos resultados da aprendizaxe do currículo.

A estancia en centros de traballo debe distribuírse en todos os cursos sempre a partir do 3º mes de formación nos centros educativos. Esta fase dual non ten carácter laboral (non hai vinculación contractual do alumnado nin se perciben remuneración, como actualmente).

A FP DUAL ACTUAL DENOMINARASE AVANZADA OU EN ALTERNANCIA. A duración da estancia nas empresas irá do 35% ao 50%. Na inmensa maioría dos convenios asinados actualmente pola Consellaría de Educación coas diferentes empresas para a FP Dual a estadía oscila xa nesas porcentaxes. Na maioría dos casos a porcentaxe está dentro dos límites que fixa a nova lei aínda que no caso galego hai aproximadamente un 20% dos ciclos de FP dual que superan o 50% de estadía en empresas. Mantense o carácter de actividade laboral retribuída para o alumnado e regúlanse algúns aspectos das súas condicións “laborais” (descanso semanal, vacacións, períodos lectivos, quendas nocturnas excepcionais).

FP VIRTUAL. Ademais das modalidades actualmente existentes, presencial e semipresencial,  inclúese a virtual que se poderá impartir en centros nos que estea en funcionamento a a modalidade presencial das mesmas especialidades ou familias.

Volver