
A NOSA TERRA foi a entidade premiada este ano co II premio Manuel María á dignidade nacional
II Premio Manuel María á dignidade nacional
II Premio Manuel María á dignidade nacional outorgado a 'A Nosa Terra'
Para ver a galería de fotos premer aquí
O Periódico A Nosa Terra
foi galardoado co Premio Manuel María á Dignidade Nacional na súa segunda
edición. O acto de entrega tivo lugar o pasado sábado no transcurso dunha cea
celebrada no Hotel Los Abetos de Compostela á que asistiron máis dun cento de
persoas, convidadas polas asociacións impulsoras deste premio: A Confederación
Intersindical Galega (CIG); Mesa Pola Normalización Lingüística; Asociación
Sociopedagóxica Galega e a Asociación de Escritores en Lingua
Galega.
A profesora María do
Pilar García Negro, como voceira do xurado, deu lectura a unha extensa acta na
que se constataron os méritos desta publicación que, como se resaltou, está
cumprir cen anos de historia, así
como os 30 do seu regreso a Galiza desde Buenos Aires.
O xurado valorou por
unanimidade a traxectoria do xornal creado por Murguía, Lugrís e Pondal e
incidiu na capacidade que sempre tivo ao longo do século XX para atraer as
vangardas literarias e artísticas que, a súa vez, sempre coincidiron coa liña
política do nacionalismo galego desde criterios xornalísticos e que foron peza
clave para contribuír á modernización e defensa do
País.
A Nosa Terra significa
para os membros do xurado un longo compromiso na defensa do idioma e da cultura
galega capaz de comprometer no proxecto ás firmas e voces máis salientábeis do
noso xornalismo e da nosa literatura. Na procura da defensa da dignidade
nacional, A Nosa Terra encabezou, desde a súa fundación en 1907, campañas que
conseguiron calar como necesarias e estratéxicas para defender os valores
propios e autoorganización da sociedade galega alentando e impulsando a creación
de forzas sociais, políticas e sindicais propias.
Resaltaron tamén o papel
de A Nosa Terra como proxecto colectivo que concita o apoio e a colaboración de
miles de persoas, “sendo quen de construír proxectos con outras asociacións e
organización” e, así mesmo, á adaptación aos tempos que ían chegando ao longo
dos cen anos, cunha aposta polo futuro e polas posturas máis progresistas sen
que existise ao longo da súa historia unha volta atrás e unha
recesión.
Afonso Eiré, director de
A Nosa Terra, recibiu o galardón, unha escultura de Pérez Porto, de mans de
Saleta Goy, viúva de Manuel María. O actual director resaltou que se estaba
premiando a toda esa “Alba de Gloria que citou u xurado no seu fallo” e que
calquera deles se sentiría moi orgulloso de recibir este premio pois os seus
anhelos eran e, son, precisamente, contribuír á dignidade nacional de
Galiza.
Pero máis alá da
interminábel lista de personalidades que fixeron e fan posíbel A Nosa Terra,
Eiré resaltou o papel “das María Miramontes (en referencia á muller de Anxel
Casal) e de todos aqueles accionistas, subscritores e colaboradores que nunca
aparecerán se cadra na historia pero que son imprescindíbeis para o nacemento e
éxito deste proxecto colectivo”.
Eiré, como antes Nestor
Rego, tenente de alcalde de Compostela, e Anxo Louzao, en representación dos
organizadores, resaltou tamén o papel de Manuel María neste proxecto e os seus
valores.
Acta do xurado
O xurado composto por Mª Pilar García Negro, Alberte Ansede Estraviz, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Marga Romero Lourenzo e Carme Vidal Laxe decidiu por unanimidade outorgar o Premio Manuel María á Dignidade Nacional a A Nosa Terra por toda unha traxectoria na defensa da nosa lingua e cultura e dos dereitos nacionais da Galiza.
O xurado estima que A Nosa Terra desenvolveu ao longo dos seus xa cen anos de existencia un ideario de compromiso e de defensa da dignidade e dos intereses da nación. Neste ano en que se conmemora o centenario da súa fundación o 4 de agosto de 1907 e o trinta aniversario da súa última etapa, despois do tempo de exilio en Bos Aires, comprácenos que esta cabeceira histórica do nacionalismo reciba o premio que leva o nome dun dos seus fundadores e colaboradores, dun home que andou a terra a través das súas páxinas e que estivo sempre ligado ao xornal.
A de Manuel María é unha e inesquecíbel das moitas sinaturas que deitou textos nas páxinas d´A Nosa Terra. Polos distintos números pasan, sen dúbida, as máis relevantes personalidades galegas e todas as que, dun xeito ou outro, traballaron polo desenvolvemento da nosa conciencia nacional. Podemos citar, singularmente, o contributo de Castelao e Bóveda mais son un sinfín os nomes que se sumarían á extensa nómina, a comezar por Murguía, os irmáns Vilar Ponte, Viqueira ou Avilés de Taramancos, por citarmos só uns poucos. Mención especial merece o nome de Vítor Casas, director asasinado pertencente a unha xeración que sufriu unha represión que se reflicte na propia historia do xornal.
Porque esta é tamén unha constante nos seus cen anos de historia. A través da súa traxectoria podemos debuxar a propia evolución do nacionalismo, nos seus distintos tempos. A Nosa Terra defendeu desde o xornalismo a vontade de ter voz propia, de crear meios de comunicación de noso, non só en lingua galega senón cunha vontade de emitiren a información desde a Galiza e desde un pensamento e aspiracións galegas. Foi tamén vangarda á hora de reclamar dereitos sociais e políticos, de esixir un futuro para os nosos sectores produtivos, a normalización da lingua e da cultura ou para abandeirar a recuperación da nosa memoria histórica. As páxinas d’ A Nosa Terra acolleron as vangardas literarias e artísticas, os homes e mulleres que cambiaron o curso da historia de Galiza tanto na arte como na literatura, na política e no propio xornalismo. O acervo dos seus números mostra a grande galería de figuras que traballaron pola modernidade de Galiza durante todo o século XX, nunha continuidade que se mantivo no exilio e que chega á nosa contemporaneidade. Deu cabida, polo tanto. a todo o abano político, literario, artístico da nación... con iniciativas pioneiras e valiosísimas para a debida institucionalización, dignificación e divulgación da cultura galega.
Apresentouse sempre coma un proxecto colectivo, cunha propiedade plural e con portas abertas a todos e todas os que quixesen partillar os seus idearios. De feito, A Nosa Terra é, sen dúbida, o proxecto que máis persoas conseguiu aglutinar ao seu redor dos que teñen nacido na Galiza. Falabamos de todos os persoeiros que entraron a participar da iniciativa ideada por Murguía ou Lugrís Freire que darían lugar a unha inmensa lista mais, hoxendía, o xornal conta con máis dun cento de persoas que colaboran cunha redacción estábel dirixida desde hai máis de vinte e cinco anos por Afonso Eiré, precedido que foi por Margarita Ledo Andión e mais por Xosefina Currás.
A Nosa Terra actuou de maos dadas con outras institucións ou organizacións da cultura, o ensino ou a sociopedagoxía, o que acredita unha vontade ben valiosa de unir esforzos colectivos, nunha Galiza precisada de vontade unitiva e nacional.
Compromiso con Galiza, co seu idioma e a súa cultura, fidelidade a un ideario nacionalista, defensa dos intereses dos nosos sectores produtivos, altofalante de colectivos sen voz. Con estes vimbios foi tecendo A Nosa Terra a a súa historia xunto a unha ética xornalística que caracterizou a súa redacción mesmo en tempos complexos e que lle ocasionou momentos en que a resistencia se tornou especialmente difícil. Mesmo así, A Nosa Terra mantívose con igual empeño, co esforzo militante e coa mesma ilusión que conduciu o seu nacemento. O xornal soubo tamén responder aos novos retos da cultura contemporánea adecuando as súas mensaxes ás novas tecnoloxías da información e das industrias culturais. A Nosa Terra honra tamén a cultura galega coa publicación de volumes indispensábeis e innovadores para o coñecemento da nosa historia, literatura, arte, economía... dos que cómpre salientarmos a pioneira publicación de monográficos dedicados aos principais nomes da literatura galega. Fiel á súa traxectoria histórica, A Nosa Terra continúa ofrecendo nas súas páxinas elementos abondo relevantes que continúan a renovar a contemporaneidade do noso xornalismo.
Por todo isto, o xurado da segunda edición do premio Manuel María á Dignidade Nacional decide por unanimidade concederlle o galardón á Nosa Terra e fai extensíbel o premio especialmente ao seu director Alfonsó Eiré e a actual redacción do xornal mais tamén a todos e todas os colaboradores, membros fundadores e dos consellos de administración e a todos e todas os que constrúen a súa historia e o seu presente e traballarán tamén para que teña un próspero futuro. Alégrase especialmente de que o premio sexa outorgado nun ano tan significativo para a historia do xornal, un ano en que cómpre desde distintos sectores e institucións contribuír tamén á celebración do centenario dunha ilustre cabeceira histórica.