A negociación do modelo de acceso á función pública docente queda adiada

A CIG-Ensino exixiu que antes de calquera negociación do futuro estatuto docente é imprescindíbel que se retiren todas as medidas de recortes

Na reunión mantida este martes 29 de abril entre a organizacións sindicais e o Ministerio de Educación, a CIG-Ensino exixiu que antes de calquera negociación do futuro estatuto docente é imprescindíbel que se retiren todas as medidas de recortes aplicados no ámbito educativo e que se restitúan todos os dereitos laborais, profesionais e salariais. O Ministerio excúlpase da aplicación dos recortes, atribuíndollos a instancias superiores.

Por outra parte, manifestamos a nosa posición en contra de iniciar negociacións sobre o estatuto docente sen a presentación dun borrador por parte do Ministerio e, ao mesmo tempo, porque é un contrasentido iniciar a negociación de aspectos sobre o futuro estatuto sen coñecer as intencións, os obxectivos e o alcance do mesmo. O propio Ministerio recoñeceu que a aprobación do futuro estatuto non comportaría melloras laborais nin salariais do profesorado. Todo indica que a única preocupación do Goberno central é aprobar un estatuto que estratifique e divida máis o profesorado e asegurar os recortes que nos aplicou.

Ante a posición sindical, xa non se entrou a valorar a proposta de acceso, quedando emprazados a unha nova reunión para finais de maio, para a cal o Ministerio se comprometeu a enviar, previamente, o contido do Título III do futuro estatuto docente, baseado no borrador presentado no ano 2007.

En todo caso, a CIG-Ensino rexeitará a pretensión do Ministerio de fixar a realización dunha proba en idioma estranxeiro e de exixir competencia dixital para acceder á función pública docente.

A exixencia de realizar unha proba en idioma estranxeiro carece de xustificación posíbel e supón un desatino total, xa que as probas de acceso o que deben amosar son os coñecementos específicos da propia especialidade e unha ampla e axeitada formación pedagóxica, así como o dominio das habilidades necesarias para o desenvolvemento do exercicio docente. Non deixa de ser sorprendente que se propoña unha proba en lingua estranxeira cando se eliminou a realización dunha das probas da oposición en galego e cando non se garante o dominio suficiente do noso idioma para os e as que acceden á docencia.

Respecto da competencia dixital que propón o Ministerio, a CIG-Ensino considera que non debe formar parte do acceso á función pública docente. Esta competencia e formación debe ser garantida pola Administración educativa, mediante a formación específica, adaptada aos corpos e especialidades correspondentes, unha vez superada a oposición.

NOVAS ANTERIORES

A CIG-Ensino rexeitará na reunión co Ministerio de Educación a exixencia da realización dunha proba en idioma estranxeiro para acceder a función pública docente

Volver