A negativa a facer públicos os resultados do inquérito do galego confirma a manipulación e fraude que se está a perpetrar

Galegofobia da Consellaría de Educación

A CIG-Ensino considera que estamos ante a culminación do proceso fraudulento iniciado pola Consellaría de Educación co único propósito de reducir a presenza do noso idioma no ensino. A CIG-Ensino veu denunciando ao longo das últimas semanas a tendenciosidade da Consellaría de Educación ao iniciar un proceso de consulta aos pais, preparado e precociñado para que o seu resultado lle permitise á Consellaría proceder á modificación do Decreto 124 nunha única dirección, a de reducir a presenza do noso idioma nas aulas, por tanto reducir o número de materias a impartir en galego.

A negativa a facer públicos os resultados do inquerito do galego confirma a manipulación e fraude que se está a perpetrar

 

A CIG-Ensino considera que estamos ante a culminación do proceso fraudulento iniciado pola Consellaría de Educación co único propósito de reducir a presenza do noso idioma no ensino.

A CIG-Ensino veu denunciando ao longo das últimas semanas a tendenciosidade da Consellaría de Educación ao iniciar un proceso de consulta aos pais, preparado e precociñado para que o seu resultado lle permitise á Consellaría proceder á modificación do Decreto 124 nunha única dirección, a de  reducir a presenza do noso idioma nas aulas, por tanto reducir o número de materias a impartir en galego.

                Para iso preparou unha enquisa que impedía que os pais ou nais puidesen posicionarse a prol dun ensino en galego ou maioritariamente en galego, pois tal e como estaban confeccionadas as preguntas (só se preguntaba por materias troncais) o máximo que se podía consignar era a metade das materias en galego, tal e como recolle o actual decreto. Para alén diso introducíase unha equívoca cuestión sobre o ensino en inglés, de maneira que se obtivese como resultado a redución de número de horas en galego para dar cabida á disposición favorábel dos pais ao ensino dun determinado número de materias en inglés. Así pois non houbo realmente unha consulta na que os pais puidesen deixar constancia de cal é a súa posición, senón un inquérito amañado para apoiar unha decisión xa tomada desde o primeiro día da lexislatura: reducir a presenza do noso idioma no ensino, e en todos os ámbitos, para contentar a un reducido número de persoas e aos sectores máis reaccionarios da sociedade.

                Esta consulta vulnerou o consenso acadado no seu día, coa aprobación do Plan Xeral da Lingua Galega, e os pronunicamentos dos lexítimos representantes dos pais. Foi unha manobra para a imposición do pensamento único contra a nosa lingua, feita con toda a prepotencia posíbel, mesmo prohibindo o exercicio dos dereitos fundamentais aos docentes, para impedir que os pais coñecesen o verdadeiro alcance da consulta, sobrecargando o traballo dos centros educativos xusto no final de curso e apuntando cara a un modelo de ensino elitista que ve no uso do inglés como lingua vehicular unha modernización que na realidade pode dar lugar a un maior fracaso escolar e que vulnera o obxectivo dun sistema educativo de calidade, que non é reforzar o estudo en lingua estranxeira.

                Foi unha consulta que non cumpriu con ningún mecanismo de control democrático e que non reúne as garantías de participación de todos os pais e nais. Foi unha auténtica chapuza, o que deslexitima o seu resultado calquera que sexa. O propio retraso na presentación dos resultados, que supera a data indicada pola Consellaría dá a entender canto de preparado ten este proceso e introduce aínda máis sombras sobre o seu resultado.

                Este cúmulo de irregularidades agora veñen de ser completadas ao ser unha empresa privada,  sen ningún tipo de control público, a responsable dos resultados, condicionados e dirixidos para que o Sr. Conselleiro teña unha xustificación tramposa para cometer unha agresión máis ao noso idioma co obxecto do seu exterminio. Para minusvalorar e desprezar o noso idioma non existe austeridade senón despilfarro.  Mentres se reduce profesorado nas Escola Oficiais de Idiomas, se reagrupa alumnado de distintos ciclos nunha mesma aula, desaparece a gratuidade dos libros de texto, redúcese prazas nos Centros de Recursos e Formación do Profesorado, etc. Sen lugar a dúbidas, estamos no balanzo máis nefasto e españolista dos primeiros 100 días de todos os gobernos habidos na Galiza.

                A CIG-Ensino considera un engano esta enquisa e o seu resultado e non consideramos lexítimo nin o proceso nin as súas conclusións. Continuaremos demandando o mantemento do Decreto 124/2007 e por tanto unha presenza mínima do 50% da nosa lingua no ensino e que o galego siga sendo a lingua da Administración Educativa Galega, como única vía posíbel para garantir o avance na normalización do noso idioma, salvagardar os dereitos lingüísticos do alumnado galego e dar cumprimento á Carta Europea das Linguas e o Plano Xeral de Normalización.

Volver