A Mesa docente estatal reuniuse para tratar cambios nos prazos de participación no CXT de docentes afectados pola DINA
Na reunión a CIG-Ensino amosou a súa solidariedade e todo o apoio para que ningún docente afectado pola traxedia poida ver limitados os seus dereitos de participación no concurso estatal
O Ministerio de Educación tiña no día de hoxe dúas reunións: unha cos sindicatos que temos representación na mesa docente estatal e outra coa comisión de persoal (na que están representadas as direccións xerais de persoal de todas as CC.AA.). Na primeira delas, cos sindicatos, se nos presentou unha proposta que sería despois debatida cos responsábeis de persoal. Nela, basicamente, habilítase a que o profesorado que ten o seu domicilio nalgún dos concellos afectados pola DINA poidan ter un prazo posterior de participación ao prazo ordinario (que remata o 26 de novembro), sen que isto afecte aos prazos para cumprir requisitos e méritos que necesariamente teñen que ser os mesmo en todo o estado ao ser o CXT de ámbito estatal.
A intervención da CIG-Ensino centrouse en poñer o foco na excesiva rixidez administrativa do aparello institucional do estado que provoca que decisións como estas teñan que vir precedidas dun acordo do consello de ministros e ministras e dunha demora innecesaria na toma de decisións.
Desde o sindicato fixemos ver que a reunión de hoxe e todas as disposicións normativas previas e posteriores serían innecesarias se non estivésemos atados por uns prazos comúns polas necesidades do propio Ministerio para forzar que todas as CC.AA. realicen todos os seus procesos administrativos simultaneamente, cando é totalmente innecesario: o único prazo que condiciona todo no CXT é a publicación da resolución provisional (4 de marzo para os corpos diferentes ao de mestres e 11 de marzo para este último). Todos os prazos previos (puntuación do baremo provisional, reclamacións, baremo definitivo, vacantes) non se vén afectados polo período para participar no concurso sempre e cando todas as reclamacións se resolvan con anterioridade á resolución provisional.
Ao respecto da proposta concreta (limitar a excepcionalidade dos prazos a quen resida en concellos afectados) a CIG-Ensino amosou a súa posición favorábel a que sexa en cada mesa sectorial das comunidades autónomas afectadas (especialmente o País Valencià e, aínda que en menor medida, Castela A Mancha) onde se determine o ámbito persoal do profesorado afectado, trasladando que nos parece máis acaído que non se limite ao concello de residencia, abrindo a posibilidade ao total do profesorado se así se considera, tendo en conta o nivel de devastación de multitude de centros escolares e a nefasta xestión da Consellaría de Educación do País Valencià que xa levou ao sindicato maioritario, STEPV-Intersindical Valenciana, a pedir a dimisión do conselleiro de Educación.
O Ministerio amosou a súa disposición a modificar esa proposta e comunicaranos o resultado final da negociación coas CCAA.