A Mesa de Educación no Rural Reitera a súa petición de entrevista co Conselleiro de Educación

Non se entende que desoia o chamamento que se lle vén facendo

A Mesa Galega de Educación no Rural, da que forman parte representantes do profesorado de Nova Escola Galega, Asociación Sociopedagóxica Galega, CC.OO, FETE-UGT, CIG-Ensino, STEG e a Asociación Antonio Gandoy, segue a denunciar que as políticas adoptadas en materia educativa non contemplen un plan específico para o rural.

As inquedanzas e reivindicacións da Mesa plásmanse nun manifesto elaborado de maneira conxunta e que foi presentado no Parlamento de Galicia o pasado 12 de xuño, sendo respaldado polos grupos parlamentares da oposición e coa desaprobación do grupo parlamentar que rexenta o goberno. A Mesa non entende que o grupo parlamentar popular, así coma a Administración educativa encabezada polo Conselleiro de Educación, o Sr. Jesús Vázquez, desoian o chamamento que se lle vén facendo nestes últimos anos, tratándose de “educación”.

A non configuración dun plan para o rural tradúcese nun panorama educativo escuro tanto para os docentes coma para o principal protagonista; o alumnado:

  • Supresión de 67 unidades, segundo o publicado no catálogo de centros.
  • Peche de numerosas unitarias.
  • Agrupar alumnos de distintos ciclos e incluso niveis.
  • Falta de medios humanos (diminución do número de docentes: 250 docentes desprazados de tódolos corpos) e de medios técnicos para atender as necesidades do alumnado.
  • Redución do número de especialistas, nomeadamente os dedicados á necesidades educativas de apoio específico.  Sirva de exemplo que  temos coñecemento recente do que se pretende implantar no IES Pedra da Aguia de Ponte do Porto en Camariñas onde a Xefatura Territorial e a Inspección, co visto bo da Consellería de Educación, pretenden que a especialista de Audición e Linguaxe do IES itinere, a dous meses de empezado o curso escolar, co CPI Cabo da Area de Laxe, deixando sen especialista dous días á semana ós alumnos con necesidades educativas especiais do IES e sen resolver o problema da mesma índole no CPI anteriormente mencionado.
  • Deslocalización da oferta da FP Básica que fai que os concellos do rural perdan gran parte da mesma: redución de máis de 100 grupos con respecto aos antigos PCPI’s, ademais do custo en transporte que supón para as familias o desprazamento do alumnado que queira cursar estas ensinanzas, xa que o decreto non lle garante as prazas gratuítas de transporte.
  • Outro dos temas flagrantes é o dos comedores escolares. Nun ensino público e gratuíto o comedor escolar forma parte da educación. Esiximos a fin do copago e, por tanto, a gratuidade do mesmo, máis aínda nas actuais circunstancias de crise económica e avultado desemprego.  

Por suposto, todo isto inmerso na implantación a marchas forzadas dunha lei, a LOMCE, lei regresiva que vulnera a atención á diversidade, eliminando desdobres, reforzos… traendo como consecuencia unha peor atención individualizada e un notable descenso na calidade do ensino. 

Aproveitamos a presente nota para reiterar o noso empeño en solicitar unha entrevista co Sr. Conselleiro de Educación, D. Jesús Vázquez para que teña a ben escoitar as nosas peticións e tome cartas no asunto do ensino no medio rural, dado que afecta a unha boa parte do alumnado da nosa comunidade.

Volver