A LOSU: unha nova lei que non resolve os problemas existentes na universidade e crea problemas novos

O texto engade novos problemas en materia de profesorado

A CIG considera que o anteproxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), presentado o 31 de agosto no Consello de Ministros, non soluciona os problemas de alta precariedade, baixo financiamento, ausencia de carreira profesional para o PDI e hipertrofia burocrática da universidade. Consolida o menoscabo da autonomía universitaria, dálle un tratamento homoxéneo a realidades universitarias moi diversas e introduce un goberno presidencial moi afastado da participación democrática.

 

O texto engade novos problemas en materia de profesorado:

  • Elimina a figura de Axudante sen dar unha solución que sirva de pasarela entre os contratos predoutorais (FPI, FPU…) e a figura de Axudante Doutor/a.
  • Limita a tres anos a duración do contrato do profesorado substituto, algo que nin sequera cobre, por exemplo, os prazos de substitución dun cargo académico. Esta limitación a tres anos é froito do pacto sindical (CCOO, UGT e CSIF) co Goberno que vén de mudar o EBEP e implica un incremento da precariedade, xa que, tras o cese obrigatorio de quen leve tres anos no posto, e de persistir a razón que o motiva, habería que facer unha nova contratación cando está claro que as substitucións non se deben limitar no tempo e deben durar mentres non se produza a incorporación da persoa titular. De feito, no texto indícase expresamente que o actual PDI temporal non poderá superar os tres anos de contrato desde a súa entrada en vigor, o que pode provocar o seu despido.
  • Deixa nun limbo o actual Profesorado Contratado Doutor, que debería ser obxecto dun proceso de funcionarización a TU e deixa a un lado a figura do Profesorado Colaborador.
  • Estabelece normas de carácter básico e homoxéneo para a convocatoria de concursos para o acceso a prazas dos corpos docentes universitarios e de programas de promoción e estabilización que limitan a capacidade de negociación colectiva e de adaptación á realidade de cada universidade.
  • Mantén a existencia das taxas de reposición, motivo principal da precariedade e temporalidade na universidade.
  • Deixa sen regular, unha vez máis, unha carreira profesional que permita a evolución salarial e profesional dentro de cada categoría como sucede en todo o emprego público.
  • Fixa unha vixencia de tres anos para a acreditación vixente de Axudante Doutor/a cando debería ter carácter indefinido.

No financiamento, malia as chamadas á mellora, fixa unha parte estrutural que non cobre máis que os salarios e o mantemento dos servizos ordinarios, nunha interpretación cativa do que deben facer “estruturalmente” as universidades. Considérase, en cambio, financiamento variábel por programas, e por tanto inestábel, toda a actividade de mellora da calidade da docencia e de investigación. De forma incoherente con esa non consideración como algo estrutural do gasto en investigación, establécese unha nova obriga para as universidades de dedicar un 5% do seu orzamento a programas propios de investigación. 

Non existe ningún remedio para a ampla inestabilidade coa que subsiste a maior parte da actividade investigadora nas universidades ligada a convocatorias irregulares nos prazos, ríxidas nas fórmulas de xustificación e contratación. O anteproxecto de lei non integra previsións específicas para solucionar sen parches os problemas singulares que ten a contratación pública na investigación.

O anteproxecto de lei acrecenta a invasión da autonomía universitaria que promoveu o RDL dos recortes de 2012 do goberno Rajoy. En primeiro lugar, mantén a supervisión autonómica da contratación de profesorado que ralentiza as convocatorias. En segundo lugar, amplía a intervención do Consello Social non só nas decisións económicas, senón que lle dá entrada nas decisións ordinarias no Consello de Goberno e, mesmo, atribúeselle a posibilidade de determinar a elección de Reitor. Aínda por riba, o Consello Social pasa a non ter presenza de membros da comunidade universitaria, pois preténdese conformalo por 20 integrantes externos á universidade.

Hai no texto unha clara perda de democracia interna. A posibilidade de que o Reitor/a se poida elixir por unha comisión limitada a entre 20 e 30 persoas, das que o 30% deben ser externas á universidade, implica unha ruptura coa elección libre e universal por parte da comunidade universitaria. Este déficit democrático vén acompañado da transformación do/a Reitor/a nunha figura presidencial cun mandato anomalamente prolongado para os estándares habituais nos órganos de representación democrática (seis anos) que nomeará unilateralmente a Decanos/as e representantes da universidade noutras institucións. Tendo en conta que, ademais, eses/as Decanos/as serán agora tamén membros do Claustro (e do Consello de Goberno) garántese un control total dos órganos universitarios sen contrapesos democráticos. Este retroceso na nova concepción da figura á fronte da Reitoría deixa nun segundo plano un dos escasos avances do anteproxecto de lei: a posibilidade de que tamén o profesorado titular poida ser electo.

O proxecto reincide en vicios da LOU ao homoxeneizar a organización das universidades, impedindo que en función da súa autonomía e características (tamaño, especialización…) poidan prescindir de certos órganos (por exemplo, os departamentos) ou axusten a representación dos distintos sectores dependendo da natureza das funcións que se atribúen aos órganos de goberno.

Por outro lado, non se dá ningún paso na descentralización da acreditación e da valoración de méritos, que segue controlada pola ANECA, cando o lóxico sería que fosen as axencias autonómicas as que, partindo de criterios comúns no caso das acreditacións estatais, se encargasen da xestión de todas as acreditacións, tanto do PDI funcionario como do laboral.

Canto ás universidades privadas, non se elevan os niveis de esixencia no seu PDI ao manterse o mínimo dun 50% de profesorado doutor e mesmo se elimina a esixencia de que o 60% deste conte coa avaliación positiva da ANECA ou axencia autonómica correspondente. Isto faise ao mesmo tempo que se limita a un máximo de tres anos a posibilidade de contratar profesorado contratado non doutor nas universidades públicas. En relación coa compatibilidade, introduce a posibilidade de que se realicen funcións de titoría en universidades a distancia privadas parcialmente financiadas con fondos públicos.

En definitiva, un anteproxecto que non resolve a precarización, o exceso de burocracia e a falta de financiamento, nin reactiva a democracia e a autonomía universitaria. Un mal anteproxecto para unhas universidades públicas que precisan xa solución aos seus problemas reais.

A CIG, como sindicato máis representativo, está á agarda da convocatoria da Mesa de Universidades para poder trazar polo miúdo a súa posición ao respecto do conxunto do anteproxecto de lei.

Anteproxecto da Lei Orgánica do Sistema Universitario

AnteProxectoLOSU (1.0 MiB)

Volver