A LOMLOE: lei insuficiente que necesita mellorar

Nunha análise rápida do texto que vén de aprobar o Congreso a CIG-Ensino lamenta que se perdera unha oportunidade de emendar os recortes e ataques ao ensino público perpetrados pola dereita na última década.

Malia o ruído mediático, na nova Lei educativa non se observan cambios esenciais que permitan intuír un fortalecemento do ensino público e garantir a diversidade lingüística e cultural do Estado español. Vólvese á "casa de saída" das anteriores leis educativas do PSOE e tan só se eliminan algúns dos aspectos máis lesivos da LOMCE do goberno do PP.

A CIG-Ensino fai unha avaliación dos aspectos que máis transcenderon do debate antes da  aprobación da Lei Orgánica de Modificación da LOE, coñecida como LOMLOE:

ENSINO PÚBLICO FRONTE AOS CONCERTOS
Na LOMLOE hai algunha mellora relativa ao papel do ensino público, mais limítase a
eliminar os retrocesos da LOMCE sen que se produza un avance real e importante na
defensa do ensino público como elemento central do sistema educativo.
Non se reduce o peso do réxime de concertos no Estado, cun dos maiores índices de
ensino privado ou concertado de toda Europa. Como aspecto positivo non se permite
concertar os centros que segregan alumnado por sexo mais non se avanza na limitación
dos concertos de ensinanzas non obrigatorias nin se abren vías para reducir os concertos.
Unha Lei de Educación que quixese reforzar o ensino público debería fixar o carácter
subsidiario do réxime de concertos como a vía transitoria para a que teoricamente foi
concibido mentres a oferta pública non é suficiente e arbitrar un mecanismo para
incorporar os centros concertados á rede pública. Non se aproveitou a LOMLOE para
reducir a duración mínima dos concertos á que había antes da LOMCE (baixar de 6 a 4
anos).
MELLORAS NA OFERTA E CALIDADE DO ENSINO PÚBLICO
A CIG-Ensino presentou propostas na fase de negociación da LOMLOE que non foron
tidas en conta polo MEFP e que, ao noso entender, configurarían unha Lei ben diferente:
- Unha lei de financiamento que garantise o desenvolvemento da LOMLOE, algo que nunca se quixo facer coas anteriores leis ou modificacións delas.
- Comedores ou transporte públicos gratuítos.
- Reforzo dos cadros de persoal para poder garantir unha boa atención en zonas rurais e
desfavorecidas sen que o tamaño dos centros ou a súa matrícula poida servir de escusa
para que, por exemplo, as consideracións sobre a escola rural queden en papel mollado.
- Redución das ratios en todas as etapas educativas por lei, tamén na Formación
Profesional Básica ou nas aulas que escolaricen alumnado con NEAE, non limitándose
como fai o texto a que se “poderá” facer unha redución de alumnado.
- Concibir a ESO como unha única etapa e non como se mantén no texto, con 1º-3º por un lado e 4º por outro, mantendo o carácter propedéutico deste último curso así como a
diferenciación entre as dúas modalidades de matemáticas.
- Reforzar a formación do profesorado nas TIC así como a dotación de máis e mellores
medios.
- Dotar con persoal administrativo todos os centros para rebaixar a carga burocrática que soporta o profesorado.
- Posta en valor das bibliotecas escolares.
- Integración das ensinanzas artísticas superiores na universidade. Non chega coa
proposta de considerar Grao a titulación.
- Papel central dos claustros e consellos escolares, tamén na elección das direccións, algo que mellora claramente no texto da LOMLOE mais que o fai, como noutros temas, dun xeito insuficiente. Na nova Lei, incluíuse finalmente un novo elemento de control das direccións por parte da Inspección, ao figurar dentro das funcións desta a avaliación da función directiva, cando esa función debe corresponderlle á comunidade educativa do centro e, nomeadamente, ao profesorado.
ENSINO LAICO
Defendemos un ensino laico na que a relixión confesional non ten cabida dentro das
aulas. Volver á situación pre-LOMCE non abonda. Francia ten un lei de laicidade desde
1905. O concordato co Vaticano é preconstitucional. Cada Lei Orgánica que pasa por alto que a relixión debe limitarse ao ámbito persoal e ficar fóra das escola é unha
oportunidade perdida.
LEI DE BASES QUE NON LIMITE AS COMPETENCIAS DE GALIZA PARA
DEFINIR O NOSO SISTEMA EDUCATIVO
Defendemos reforzar o ámbito competencial das CC.AA. Propuxemos a incorporación
na estrutura básica da Lei de conceptos como a "asunción da configuración plurinacional, pluricultural e plurilingüística” ou que as funcións de direccións, claustros ou consellos escolares sexan competencia das CC.AA. Aínda que hai algunhas melloras desde o punto de vista da participación das administracións educativas (Xunta, etc..) a LOMLOE non incide nunha visión realmente descentralizadora e non supón unha alteración substancial do marco actual.
SEN CAMBIOS AO RESPECTO DA PRESENZA E USO DO GALEGO
A polémica alimentada pola dereita, mais ou menos extrema, sobre a lingua vehicular
se pode entender como unha campaña que parte da mentira para enrocarse en posicións reaccionarias sobre as que construír un discurso ideolóxico que só entende un estado centralista e negador do carácter plurinacional. As declaracións de Feijóo neste sentido son perfectamente claras: non hai nada na LOMLOE que vaia provocar un cambio na política lingüística do PP en Galiza, porque volver á redacción anterior á LOMCE (que lembremos que foi a única lei que incluía o carácter de lingua vehicular para o castelán) non garante a protección e a normalización do noso idioma.
A MELLORA DAS CONDICIÓNS LABORAIS DO PROFESORADO FÓRA DO ARTICULADO
Existe xa experiencia abonda despois de tantas leis orgánicas para saber que houbo nos
seus textos consideracións de mellora das condicións nas que o persoal docente debe
desempeñar a función docente que finalmente quedaron en nada. Coa LOMLOE, ben por
ausencia de propostas longamente demandadas polo profesorado e non incorporadas,  ben pola falta de concreción e obriga para as administracións dalgunhas das que
aparecen, pasa o mesmo. Estas foron as demandas da CIG-Ensino que non se tiveron en
conta:
- Hai aspectos na nova lei, como a maior importancia dos equipos docentes, que quedan
en papel mollado se non se estabelece un novo marco das condicións de traballo do
profesorado, reducindo os horarios lectivos e ampliando e reforzando a coordinación
didáctica e a capacidade de traballar en equipo.
- Non se pode mellorar a atención á escola rural (tanto en infantil e primaria como en
secundaria) senón existe un compromiso para reforzar os cadros de persoal xa que sen
máis profesorado non se poderá manter a mesma oferta educativa que no ámbito urbano.
- A atención á diversidade, que tamén figura teoricamente reforzada no texto da Lei, só se pode garantir con incremento de profesorado especialista e cun reforzo da acción titorial que non aparecen por ningures.
- Obriga de fixar un cadro de enfermidades profesionais.
- Regular a exención de docencia e disposición para outras funcións nos centros por
motivos de saúde. No texto da LOMLOE colouse ao final un sistema para regular que non se imparta docencia vinculado ao réxime disciplinario e sancionador por falta de
rendemento mais nada se di para casos como o da saúde.
- A aprobación dun proceso extraordinario de acceso por vía diferenciada (entre prazas
estruturais ocupadas por persoal temporal nun claro exemplo de fraude na contratación e as prazas de reposición de efectivos) para dar saída ás altas taxas de temporalidade e ao abuso desta que a xustiza europea cuestiona.
- Dereito de todo o profesorado á xubilación anticipada, tamén de quen accedeu despois de xaneiro de 2011 e que está nunha situación peor que o profesorado de clases pasivas, cuxas condicións non só se deben manter senón estender a todo o profesorado.
- Mellorar a formación do profesorado, preferentemente dentro do horario lectivo e co
dereito a unha licenza anual ao longo da carreira profesional. Incluír a necesidade de
formación na realidade histórica, lingüística e cultural das realidades nacionais
(fundamental nun sistema no que o profesorado é un corpo estatal).
A INTEGRACIÓN DO PROFESORADO TÉCNICO DE FP NO CORPO DE PES
Un capítulo á parte merece a emenda introducida na fase de debate parlamentario pola
que se declara a extinguir o corpo de PTFP ao se integrar este no corpo de PES. Sobre
isto xa se pronunciou a CIG-Ensino , amosando a súa decepción porque non se procurara estender a creación dun corpo único de ensinantes. En todo caso, non parece de recibo que se deixe fóra aos mestres de taller de artes plásticas (un corpo idéntico ao de PTFP para as escolas de artes e deseño) e, sobre todo, que se estabelezan unhas regras de xogo que van excluír a unha parte importante do actual profesorado do corpo de PTFP e que se verá abocado a formar parte dun colectivo a extinguir no caso de quen é funcionariado de carreira e cun futuro totalmente incerto no caso de quen é interino.

 

CIG Informa cunha avaliación da LOMLOE

Documento


Volver