A Inspección educativa, partidaria de retirar dos catálogos de persoal dos centros de Infantil e Primaria as especialidades de PT e AL
Oposición rotunda da CIG-Ensino a calquera recorte na atención á diversidade
Así llo trasladaron o novo Xefe de Inspección e o Xefe Territorial da Coruña nunha reunión ás directoras e directores dos colexios públicos da cidade da Coruña.
Retirar dos catálogos do corpo do mestres as prazas de PT e AL. Esa proposta foi defendida polo máximo responsábel político da Consellaría de Educación na provincia da Coruña e mais polo Inspector Xefe desa provincia nunha reunión con cargos directivos da cidade. Afirmaron que trasladarían á consellaría a proposta de retirar dos catálogos de postos de traballo dos centros de infantil e primaria as prazas de PT e AL e que eran partidarios de incorporar o sistema do “cupo” que actualmente funciona nos centros de secundaria, FP e réxime especial. A intención sería que o profesorado de apoio estivese en función das necesidades e que non parta dun cadro de persoal mínimo.
Para a CIG-Ensino esa proposta é impresentábel e implica ou ben un descoñecemento do acordo de cadros de persoal que a día de hoxe rexe os catálogos e que foi froito dun acordo por unanimidade das organizacións sindicais coa Consellaría no ano 2007, ou ben un intento de anular ese acordo. Desde o sindicato xa anunciamos a nosa total oposición e a defensa radical non só dos actuais postos de traballo destas especialidade senón da necesidade de amplialos onde for preciso.
Oposición rotunda da CIG-Ensino a calquera recorte na atención á diversidade.
A CIG-Ensino dirixirase á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para que confirme ou desminta a existencia dalgún tipo de debate interno ou decisión entre os responsábeis políticos da consellaría a este respecto ou se só estamos diante dunha desafortunada idea de dous responsábeis territoriais.
É obvio que esta proposta sería un paso atrás moi relevante para todos os centros de Infantil e Primaria e que só buscaría a redución de postos de traballo. Chama a atención que esa idea xurda precisamente no inicio do curso escolar, unha época na que os recortes na atención ás necesidades específicas de apoio educativo son máis evidentes.
Os cadros de persoal non se tocan.
A día de hoxe non existe ningún problema de rixidez nas prazas de PT e AL. Todo o contrario. No acordo de catálogos recóllese que haberá un posto de PT a partir de 4 unidades e o de AL a partir de 13 unidades (contadas EI e EP). A partir de 18 unidades ten que haber 2 PT e en centros de 30, 2 de AL (contadas neste caso EI e EP). Tamén ten que haber AL en escolas de 3 ou máis aulas de Infantil. Polo tanto, o acordo buscaba estender esta atención a todos os centros educativos. De feito até aquel ano só os centros de 6 unidades contaban con docente de PT. Mais o acordo é claro cando considera estas prazas como mínimas. Así, no texto pode lerse:
Naqueles centros ordinarios que integren alumnado con necesidade educativa específica poderanse incrementar os catálogos en función do número e tipo de necesidades, especialmente de PT e AL.
Asemade, nos centros ordinarios que non conten con PT e AL a Administración educativa adoptará as medidas oportunas para atender as necesidades que se presenten.
Polo tanto, os actuais cadros de persoal garanten sempre uns mínimos que se deben respectar e aos que non pensamos renunciar e permiten amplialos sempre que faga falta, como xa se fixo no último concurso de traslados e se fai todos os anos cos destinos provisionais. Desde a CIG-Ensino puxemos tivemos unha especial atención a todo o que ten a ver coa atención á diversidade. Os estudos realizados polo sindicato serviron para acadar un incremento importante de prazas de Orientación, de PT e de AL nos centros de Infantil e Primaria e o sindicato mantén a súa demanda de que estas prazas tamén deben aumentar nos IES. Este é o noso compromiso e a nosa vontade de garantir unha atención adecuada ao alumando con NEAE.