A Inspección Educativa de Pontevedra volve á carga contra a ESAD de Vigo e a Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra

A CIG-Ensino denuncia un novo intento da Consellaría de Educación por empeorar as ensinanzas artísticas superiores ao negar un incremento de docentes na ESAD e pretender recortar postos en Pontevedra

Hai agora xusto un ano, en xullo de 2017, a Inspección educativa de Pontevedra, cun ánimo máis de vendeta que do papel que lle debe corresponder, fixo todo o posíbel por meter unha retallada importante en dous centros da provincia de Pontevedra nos que se imparten estudos superiores: na Escola de Arte Dramática de Vigo e na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. Finalmente os recortes non tiveron o efecto pretendido pola Inspección e as protestas dos propios centros e da CIG-Ensino pararon parcialmente aquela agresión sen precedentes.

Agora, un ano despois, a inspección volve á carga, nun novo ataque ás ensinanzas artísticas superiores na provincia e nega inicialmente a posibilidade de incrementar tres prazas que desde a ESAD se demandan para atender a oferta educativa do curso 2018/19. Non conforme coa negativa, a Inspección ameaza con reducir até en 3 o número de docentes do centro, o que semella unha clara intención de executar os recortes que tivo que deixar a medias no curso anterior. Ao tempo o mesmo inspector anuncia a redución de 1 ou 2 postos de profesorado na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, o que implicaría suprimir case a totalidade das prazas creadas pola Consellaría para a implantación do Título Superior en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

A CIG-Ensino apoia totalmente a posición expresada polo profesorado dos centros e os seus equipos directivos e esixe que se atendan as demandas de aumento de postos de traballo na ESAD de Vigo e o mantemento do actual cadro de persoal na Escola de Restauración de Pontevedra.

Volver