A inspección de traballo vén de recoñecer, a razón dunha denuncia da CIG-Ensino, a relación laboral de Educación co profesorado dos CELGA
Implicará a alta na Seguridade Social destes traballadores/as, nos períodos que traballaron e evidencia a actuación fraudulenta da Consellaría de Educación
A Tesourería Xeral da Seguridade Social da provincia da Coruña xa deu de alta con efectos retroactivos a todos os/as traballadores/as nos períodos nos que impartiron cursos nos últimos catro anos e a propia inspección impón unha multa de máis de 200.000 euros.
A CIG-Ensino xa interpuxo denuncia tamén na inspección de traballo de Ourense, Lugo e Pontevedra. Para a CIG-Ensino á Consellaría de Educación non lle queda outra solución que facer extensíbel para toda Galiza a resolución da inspección de traballo da Coruña de que hai unha relación laboral por conta allea e que só cabe contrato laboral e alta na Seguridade Social.
Así llo trasladou a CIG-Ensino á Consellaría de Educación, nunha reunión o 5 de decembro, na que lle amosou, máis unha vez, o seu total rexeitamento ao proceder da secretaria xeral con este colectivo e as seguintes propostas:
- A secretaría xeral debe dar de alta de oficio na Seguridade Social como traballadoras e traballadores por conta allea a todo o profesorado “colaborador” que impartira cursos con efectos retroactivos de catro anos (o máximo estabelecido na normativa actual.)
- Compromiso de que todos os novos chamamentos implicarán obrigatoriamente un contrato laboral. Coa correspondente alta na seguridade social.
- Xestión pública, con control sindical, e publicación das listaxes do profesorado, coas súas correspondentes puntuacións por apartados. Elaboración dunha nova orde, previa negociación, onde se dea resposta ás reivindicacións do colectivo e ao control das listaxes e se contemple todo o relacionado cos cursos que imparte a Secretaría Xeral.
O secretario xeral deuse un prazo de 15 para trasladarnos unha decisión definitiva.Para a CIG-Ensino, é totalmente inaceptábel que a Consellaría siga obstinada en eximirse das súas responsabilidades e non procure unha solución definitiva. A CIG-Ensino estará atenta a próximas actuacións da consellaría, e de non aceptar as nosas propostas, levaremos a cabo mobilizacións e as actuacións xurídicas correspondentes.