A Inspección de Traballo confirma que a incorporación do persoal aos centros educativos o 11 de maio non cumpriu coas obrigas legais

A Inspección de Traballo procede á práctica de proposta de requirimento e advirte da necesidade de xustificar as recomendacións das autoridades sanitarias e de respectar a representación legal dos e das traballadoras dos centros docentes.

O pasado 11 de maio a Consellaría obrigou a integrantes das equipas directivas e a persoal non docente a incorporarse aos centros educativos para tarefas de hixiene e de trámites administrativos, coa reapertura do proceso de admisión nos centros para o curso 2020/21. A CIG-Ensino amosouse contraria á esa reincorporación ao non se garantir “claras garantías sanitarias” e denunciou á Consellaría de Educación perante a Inspección de Traballo porque a reincorporación naquela altura non foi negociada, como era preceptivo, coa representación sindical, porque as “recomendacións” publicadas non tiñan carácter normativo nin soporte legal ningún e porque, desde o punto de vista do sindicato, dificultaban a xestión das posíbeis dispensas do persoal, ao forzar  a burocracia e obrigar a se incorporar ao posto de traballo.

Agora, 11 días despois, a Inspección confirma a denuncia da CIG-Ensino, informando de que xa o propio día 12 de maio remitiu dilixencia á Consellaría para que nun prazo de 48 horas acreditase se estaba a cumprir coas obrigas legais. A Consellaría deu resposta á Inspección con data do 15 de , cun “pequeno informe…e un documento xenérico relativo ás recomendacións sanitarias”. 

A Inspección de Traballo afirma agora que “non resulta acreditado o cumprimento das obrigas nesta materia [seguridade e saúde laboral] polo que se procede á práctica de proposta de requirimento para o cumprimento dos dereitos de información da RLT [representación legal das e dos traballadores] e de advertencia de xustificar a adopción das recomendacións emanadas das autoridades sanitarias. 

Por tanto, foi esta actuación de denuncia da CIG á que moveu á Consellaría a mudar a súa actuación e negociar a reincorporación do profesorado a partir do 25 de maio. Con independencia do desacordo e a crítica contundente que nos merecen as instrucións e o protocolo e do que xa dimos cumprida resposta na Mesa Sectorial do pasado día 20 e no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral (CISSL) que se celebra hoxe venres, desde o sindicato chamamos a atención sobre un comportamento claramente improcedente da administración educativa e de desprezo ao persoal docente e non docente dos centros educativo. 

Tamén alertamos de que o sindicato estará vixilante diante de calquera actuación irresponsábel nas próximas datas. Ten que estar perfectamente claro que se deben respectar en todo momento as garantías sanitarias e, se isto non é así, denuncialo para poñer freo a unha reincorporación que, nestes momentos, non ten sentido. As melloras conseguidas para a incorporación do alumnado de profesorado a partir de 25 de maio son insuficientes e apelamos a  que opere o sentido común na Consellaría e non aplique as instrucións no sentido que ten indicado, recollendo as propostas que a CIG-Ensino e outras organizacións presentamos, tanto na Mesa Sectorial como no CISSL

Volver