A inspección de Traballo abre expediente, requirimentos e un expediente sancionador a Amicos por varios incumprimentos tras a denuncia da CIG-Ensino

A Inspección de Traballo e da Seguridade Social da Coruña vén de responder á denuncia presentada pola CIG-Ensino ante os incumprimentos en materia laboral e de dereitos do persoal traballador da empresa Amicos.

A autoridade laboral vén de facer catro requirimentos e abrir procedementos que poden derivar nunha sanción á empresa polo Plan de igualdade, a administración de medicación a usuarios/as por persoal non cualificado, a modificación da xornada laboral sen preaviso, a avaliación de riscos psicosociais derivada do clima laboral existente e o uso irregular da bolsa de horas.

Tras unha visita realizada ás instalacións da mesma a autoridade laboral realizou catro requirimentos de documentación e información e propón sancións se non se emendan certas cuestións que se detallan a continuación: 

Con respecto ao Plan de igualdade, do que se constituíu a comisión negociadora o 12 de xullo do ano pasado e non volveu haber ningunha reunión máis, a Inspección de Traballo lembra que hai un prazo de un ano para que estea aprobado e en vigor, polo que se lle efectúa un requirimento á empresa de que cumpran a normativa e se inicia o procedemento sancionador. A CIG-Ensino xa alertou de que a Amicos non lle interesa contar con este plan nin mellorar as condicións de conciliación da vida laboral e familiar dos e das traballadoras, dado que a situación que teñen nestes intres é moi precaria. 

A inspección tamén abriu outro requirimento por incumprimento de información á representación legal de traballadores e traballadoras a respecto dos cambios de quendas e pola distribución irregular da xornada laboral. A este respecto, a CIG segue denunciando que  en ningún momento se piden persoas voluntarias para cubrir urxencias; máis ao contrario moitos dos traballadores e traballadoras teñen coñecemento das modificacións da súa quenda mediante o envío dun cadrante mensual modificado (incluso sen o preaviso dos 5 días que marca o Convenio Colectivo) e sen consultar a súa dispoñibilidade para cambiar de horario. Na actualidade hai persoal que xa sobrepasou o 10% da xornada modificable por lei. 

A CIG tamén denunciou a situación da bolsa de horas, unha fórmula que a empresa nega que se siga empregando ao indicar que "foi un problema administrativo de cálculo de horas pero que xa non se realiza tal bolsa de horas nin se obriga". Unha nova mentira que a CIG corroborará diante autoridade laboral, xa que para o persoal da quenda fixa de noite só se lle compensan economicamente os festivos traballados e con día libre a noite correspondente ao 25 de decembro e as do 1 e 6 de xaneiro.

A CIG tamén consegue que a Inspección abrise un requirimento á empresa a efectos de achegar a avaliación de riscos psicosociais e as medidas de acción realizadas en acción pola mesma, ante a denuncia do mal clima laboral propiciado pola empresa, quen continúa mantendo abertos diversos xuízos con traballadores/as e ex-traballadores/as. Neste sentido hai que ter en conta que a pesar de botalos con despidos disciplinarios ou outras mentiras despois sempre acaba recoñecendo a improcedencia dos mesmos nos xulgados, polo que está clara a intencionalidade de prescindir deles sen importar se as causas dos despedimentos son ou non obxectivas. 

Outra das denunciadas efectuadas polo sindicato nacionalista e polas súas delegadas foi a referida á administración de medicación a usuarios/as por parte do persoal do centro.  A este respecto, a dirección manifestou ante a Inspección que se realiza por profesional técnico cualificado, unha cuestión que é totalmente falsa, pois entre o cadro de persoal non existe ningún traballador ou traballadora coa titulación necesaria para a administración medicación intramuscular, que se realiza por orde do departamento de psicoloxía e/ou coordinación, tal e como leva meses denunciando a CIG. Esta tarefa correspóndelle a técnicos/as de apoio (a súa maioría persoal coa titulación de técnico sociosanitario, unha titulación que non é válida a efectos deste tipo de medicación e mesmo técnicos/as de desenvolvemento (con titulación non sanitaria). 

Neste sentido o sindicato lembra que despois de pedir un protocolo de administración de medicación por escrito, a empresa levou a cabo unha formación sobre os inxectables nas que a persoa encargada de impartila negou a capacidade de administralos sen a titulación oportuna, lembrando ademais que só se pode administrar coa orde médica correspondente. Dado que esta é unha das cuestións máis relevantes, non só para o cumprimento dos dereitos laborais do persoal senón sobre todo para velar pola seguridade dos e das usuarias de Amicos, a CIG detallará de novo esta situación diante da Inspección.

Volver