A Iniciativa Lexislativa Popular pola supervivencia de Preescolar na Casa suma máis 25.000 sinaturas en dous meses

A CIG-Ensino e o Comité de Empresa agardan que poida debaterse no Parlamento antes do verán

Representantes da CIG e do Comité de Empresa de Preescolar na Casa informaron hoxe, en rolda de prensa, da presentación de 25.000 sinaturas en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular promovida para garantir a supervivencia deste programa educativo, despois de que Xunta de Galiza lle retirara todas as subvencións. A rapidez e número de apoios que se acadaron -dez mil máis dos necesarios en dous meses- poñen de manifesto o respaldo social que esperta Preescolar na Casa.

“Foi impresionante o apoio que recibimos da sociedade para conseguir que o programa se manteña vivo e os traballadores e traballadoras poidan seguir desempeñando a súa función”, explicou o Secretario Comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, ao valorar a campaña de recollida de sinaturas. Ferreiro afirmou que, sen apoio da Xunta, Preescolar na Casa só ten garantida a súa supervivencia ata Xuño e a situación dos/as traballadores/as, a maioría teñen entre 40 e 50 anos e entre 14 e 25 de antigüidade neste traballo, é preocupante e dramática pola incerteza na que viven. “Esperamos que ante esta demanda da sociedade que se puxo de manifesto con esta campaña, o PP cambie a decisión de retirarlle o apoio”, engadiu Ferreiro.

 

Na rolda de prensa celebrada hoxe en Santiago, o Secretario Nacional da CIG-Ensino Anxo Louzao, referiuse a Preescolar na Casa como un programa pioneiro, inserido na realidade social e cultural galega e que non lle supuña un custe elevado á Administración. Por iso, Louzao afirmou que a retirada das subvencións por parte do Goberno galego -unha decisión que pon seriamente en perigo este programa que asiste a máis de 400 familias e no que traballan 42 profesionais-  responde unicamente a razóns políticas e ideolóxicas e ao ánimo de facer desaparecer todo aquilo que nos identifica como galegos/as e que pon en valor o noso idioma.

 

Tamén Inés Novo, delegada do Comité de Empresa, se referiu á decisión da Xunta  como unha maneira de desprestixiar o propio. Explicou que Preescolar na Casa, que naceu en 1977, ten unha implantación moi importante no rural, sitúa ao neno/a e a familia como piares fundamental e a lingua e a cultura galega como referentes no proceso educativo.“É un modelo do que nos podemos sentir orgullosos” que “serviu de referente a programas similares postos en marcha en outros territorios, como é o caso de Cataluña”, lembrou. Unha vez  que a Oficina do Censo Electoral certificou que 25.917 asinantes da ILP foron localizados como electores, e que se superou o mínimo de 15.000 electores, falta que a Xunta Electoral valide as sinaturas, que se xunten os informes administrativos perceptivos e que a Mesa do Parlamento fixe a data para o seu debate, un debate que en opinión dos promotores debería celebrarse neste período de sesións, antes do verán.

Volver