
A Fundación Diagrama non cobre as vacacións e as baixas laborais dos seus traballadores/as e a Xunta de Galiza é cómplice ao mirar cara ao outro lado
A CIG-Ensino, e os seus delegados de persoal do Comité de empresa, exíxenlle á Xunta de Galiza que poña fin aos incumprimentos da Fundación Diagrama que é quen xestiona o centro de menores de Monteledo dende 2016.
Os feitos xa foron denunciados por 1ª vez o 9 de agosto de 2016, cando todos os representantes dos traballadores/as do CR Monteledo de Ourense mantiveron coa secretaria xeral de Familia (Consellaría de Política Social), Emmanuela Díaz Castro Rial, unha reunión a raíz da interpretación interesada e errada que a Fundación Diagrama, concesionaria do servizo, facía da cobertura do persoal nos seus periodos vacacionais e baixas laborais.
Tal e como se especifica na cláusula quinta da RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2016 pola que se convoca o procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade:
“A cobertura, en todo momento, dos postos de traballo e das correspondentes funcións. En consecuencia, a entidade efectuará ao seu cargo e inmediatamente as substitucións necesarias do persoal que teña asignado á actividade sexa cal for a súa causa, de forma que a execución das medidas xudiciais quede sempre asegurada. As variacións que se produzan no cadro de persoal serán inmediatamente comunicadas á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para a súa autorización, acompañando a documentación acreditativa da titulación e do curriculum profesional.”
Nesa reunión aseguróusenos que, efectivamente, este texto se interpretaba como a parte social o facía, é dicir, que a concesionaria debe cubrir o persoal que estea de vacacións e aquel que cause baixa. Pois ben, durante o ano 2017 non chegou a contratarse un só educador para cubrir as vacacións dos 34 traballadores/as da plantilla nin as baixas laborais que houbo e non se cubriron as vacacións de ningunha categoría profesional da plantilla do centro, provocando unha merma na calidade da prestación do servizo e unha sobrecarga de traballo do persoal educador. O que realmente sucedeu foi que se consumou unha fraude, ao tratarse dun incumprimento contractual entre a administración pagadora do servicio e a concesionaria do mesmo, que están a padecer os traballadores/as e os usuarios/as.
En maio de 2018, logo de a Fundación non ceder nas súas posturas un ano máis, o comité de empresa ao completo do CR Monteledo e a CIG-Ensino, reuníronse con Amparo González, directora de Familia, e coa subdirectora Cristina Blanco Aragón, para dar conta da negativa da fundación a cumprir coas súas obrigas. Trasladóuselles que resultaba curioso ou máis ben "de xuzgado de garda", que nas últimas 4 folgas xerais, os servizos mínimos ditados pola propia administración estabelecen que o número de educadores/as por turno fora de 8. Ademais no verán o non contratar persoal para cubrir as vacacións da plantilla e o non cubrir con celeridade as baixas, fai que se traballe boa parte do ano, ademais de no período estival, en servizos mínimos e mesmo por debaixo destes, con turnos de 7, 6 e ata 5 educadores/as.Tamén resulta sospeitoso que a Fundación propuxera 2 traballadores/as máis do que esixía o prego da concesión do servizo, que eran 32 traballadores/as, para poder gañar o concurso polos puntos que daba, e agora traballe con menos de 30… De novo, as responsables da Consellaría volveron darnos a razón ao afirmar que a concesionaria debe contratar persoal para cubrir as vacacións da plantilla do centro e as posibles baixas laborais e que comunicarán e trasladarán esta cuestión á Fundación inmediatamente. Nós pedimos unha reunión a tres bandas para evitar malos entendidos ou falsedades, pero só tomaron nota sen comprometerse.
Como a situación non cambiou desde esta reunión, no verán solicitamos unha nova xuntanza coa Consellaría de Política Social e a Fundación, pero a día de hoxe non temos resposta algunha.
No mes de agosto os representantes de persoal da CIG-Ensino (esta vez en solitario ao non querer asistir os delegados/as de CCOO…) reuníronse cos distintos grupos parlamentares galegos do BNG, PSdeG-PSOE e En Marea trasladándolles toda a problemática que estaba a darse no CR de Monteledo de Ourense para que dende a oposición tomaran cartas no asunto, denunciando estes feitos. Lograron o compromiso dos tres grupos de requerirlle e exixirlle no Parlamento Galego ao PP que resolva esta situación o máis axiña posible e deixe de mirar cara ao outro lado ante as continuas denuncias fundamentadas e continuadas dos traballadores/as do centro.
Segundo o responsable da CIG-Ensino, Henrique García Vázquez, “resulta intolerable que unha fundación que recibe cartos públicos precisamente para contratar un certo número de traballadores/as estea a aforrar cartos e lucrándose… con que finalidade? que control fai a Administración?”. A Xunta ten que deixar de mirar para outro lado e esixir o cumprimento das condicións contractuais firmadas pola fundación Diagrama para a xestión do centro de Monteledo, así como dous centros máis que xestiona en Ourense. A parte de sufrir os usuarios unha menor calidade educativa e formativa cun importante incremento de expedientes abertos por faltas, os traballadores/as incrementaron considerablemente o número de baixas laborais que até agora non se produciran con ninguna outra Fundación.
Dende a CIG-Ensino facemos un chamamento ao goberno do Partido Popular e aos seus responsables directos, Rey Varela e Feijoó, para actuar ante este despropósito e convertir este servizo nunha xestión pública directa, que poría fin a esta precariedade e incumprimentos laborais e asistenciais.
Caso de non ser atendidas estas demandas e reivindicacións, a CIG-Ensino xunto cos seus representantes dos traballadores/as seguirán denunciando estes feitos ante todos os organismos posibles, como pode ser a Valedora do Pobo, e non descartan mobilizacións dos traballadores/as tanto diante do centro como na propia Xunta de Galiza así como calquera outra medida legal máis contundente.