A ESMOLA DE 100 EUROS, PARA O ENSINO CONCERTADO, EN MAIO

Insistimos unha na demanda de que se inicien as negociacións para retomar un Acordo de Mantemento Do Emprego no sector

Segundo informou o  26 de marzo a Consellería, na reunión da Comisión Tripartita da Concertada, aboarase na nómina de maio (se lles da tempo), nun pagamento único e non consolidable, as seguintes contías (segundo estimamos) que se corresponden co 0,45 % dos módulos fixados para o ano 2012 na lei 11/2011, do 26 de decembro, previsto no apartado sete da Disposición Adicional Décimo Sétima da lei 11/2014, do 19 de decembro, de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2015:

- Para Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Especial e 1º Ciclo de ESO supón 93’94€ en salario base e 2’24€ por trienio.
- Para 2º Ciclo da ESO, FP e FP Básica supón 110’32€ en salario base e  2’8€ por trienio.

  • O pago da cantidade á que se fai referencia farase efectivo en pago delegado, nun só pago e na nómina de maio (se lles dá tempo) para todo o persoal que estivera en activo no 2012 e siga en activo no 2015.
  • O persoal que non estea en activo agora, e que si estivera no 2012, terá dereito tamén a percibilo. Neste caso, terán que reclamalo e facilitar o IBAN (aconsellan que se presente un certificado de IBAN feito pola entidade bancaria).  Nos locais da CIG-ENSINO temos a vosa disposición un modelo de solicitude.
  • O cálculo farase en base aos módulos do 2012, do nível educativo e da xornada laboral.

 

Dende a CIG-Ensino manifestamos a nosa queixa polo desprezo mostrado ás organizacións que representan ao persoal, por non ternos informado nin convocado, a pesar de que algúns nos puxemos en contacto con algunha das persoas responsables para demandalo, e tendo informacións de que si se tratou o tema coas patronais (aclaran as patronais que o sacaron eles noutra reunión convocada para temas diferentes). Extendemos esta queixa nas formas tamén para o persoal do Ensino Público, pois tampouco se informou na correspondente Mesa Sectorial.

A cantidade que se vai devolver resulta ridícula, tal como se ven dicindo, e está moi lonxe da que no seu día foi recortada. Porque, efectivamente, ao persoal rebaixóuselle o salario. Non queremos establecer comparacións co profesorado do ensino público, pois tamén se lle recortou o seu salario e, se lles devolven unha parte do que lle recortaron, é polas sentenzas gañadas. A este paso, a demanda da homologación do profesorado da concertada co da pública, ou estará cada vez máis lonxe, ou se se achega non será por incrementarlles o salario, senón por baixarlles o seu ao profesorado da pública.

Non aceptamos os argumentos de recortes presupostarios dados polo Dr. Xeral, pois trátase máis do criterio político co que se reparten os cartos. Neste caso, a Consellería de Educación preferíu recortar os salarios do persoal, mentres por outra banda destina cartos do seu presuposto para financiar a empresas privadas, uns para dar cursos de inmersión lingüística de inglés nas instalacións dunha empresa eléctrica,  outros para que La Voz de Galicia dea cursos de formación do profesorado, e ata non ten problemas en adicarlle cartos para un video de Enrique Iglesias.

Insistimos unha vez máis, para que conste nesta acta, como nas anteriores, na demanda de que se inicien as negociacións para retomar un Acordo de Mantemento Do Emprego no sector. Para nós é un tema prioritario, e cremos que non tería un excesivo custe como para disculpalo polo tema presupostario.

Volver