A entrada en vigor da Lei 1/2024 de ensinanzas artísticas non garante medidas con carácter inmediato e a CIG-Ensino urxe a avanzar no seu desenvolvemento

O sindicato maioritario chama a Ministerio e Consellaría a poñerse a traballar xa

Coa publicación no BOE da nova lei, de cuxa negociación na Mesa Docente estatal fomos informando puntualmente, ábrese a partir da súa entrada en vigor (5 de xullo) un período aínda incerto para que as diferentes administracións educativas (Ministerio, Consellaría), desenvolvan nos seus respectivos ámbitos de competencia aspectos fundamentais do novo marco regulador das ensinanzas artísticas superiores e dos novos corpos docentes, tanto nas ensinanzas artísticas superiores como nas profesionais. A propia lei fixa unprazo de 1 ano desde a súa entrada en vigor para que o Ministerio, previa consulta ás CC.AA., aprobe un calendario de implantación da lei.

Novos corpos docentes: todo á espera do Ministerio

Desde a CIG-Ensino levamos meses demandando do Ministerio, nas sucesivas reunións das Mesas de negociación, que foran preparando o desenvolvemento da nova lei, toda vez que hai meses que se sabía que sería aprobada a finais de curso. Malia iso, o Ministerio confirmou na reunión do pasado día 12 de xuño que aínda non tiña nada feito,  polo que nos tememos que entre a elaboración, negociación e cumprimento de prazos de tramitación necesarios, dificilmente haberá ningunha novidade até ben entrado o ano 2025, algo que a CIG-Ensino considera inxustificábel.

O sindicato urxe o Ministerio a negociar e aprobar un Real Decreto que regule a integración nos novos corpos docentes e a determinar en que prazos ten previsto elaborar o novo Máster que será obrigatorio para acceder como docente ás ensinanzas artísticas superiores así como a exención deste Máster para aquel profesorado que acredite experiencia nestas ensinanzas. 

A Consellaría tamén ten deberes xa

A CIG-Ensino trasladará á Consellaría a conveniencia de que regule determinados aspectos que son da súa estrita competencia, entre os que están os seguintes:

  • Convocar todas as prazas estruturais que sexan necesarias na próxima oferta de emprego público nos corpos actuais, algo para o que a habilita o texto da lei, evitando que á espera pola nova regulación de corpos docentes aumente a temporalidade.
  • Negociar o recoñecemento da actividade investigadora e da creación artística que permite a lei, especificamente no que ten a ver coas licenzas, tanto retribuídas como sen soldo para o desempeño da profesión artística, unha mellora importante que a CIG-Ensino solicitará que afecte ao profesorado de todos os corpos.
  • Decidir se vai introducir cambios na selección das direccións dos centros no sentido no que apunta a lei como alternativa (proceso electoral en vez de concurso de méritos) e regular os novos órganos colexiados dos centros que imparten as ensinanzas artísticas superiores (Consello de Centro).
  • Compromiso de convocar os procesos de integración nos novos corpos con carácter inmediato ao momento no que o Ministerio aprobe o RD, incluída a integración dos mestres e mestras de taller con titulación universitaria no corpo de profesorado de EEAA profesionais, sen levar ao máximo de 5 anos que permite a lei.
  • Compromiso de que as mestras e mestres de taller que non poidan integrarse percibirán un complemento compensador, tanto se é funcionariado de carreira como interino.
CIG
Para estar ao día das novidades principais que incorpora a nova Lei 1/2024 podes acceder ao CIG-Informa especial EEAA
Para poder facerse unha idea das casuísticas que afecta aos actuais docentes destas ensinanzas de cara aos cambios nos futuros corpos pode revisar este esquema elaborado pola CIG-Ensino

Volver