A Dirección Xeral de FP aberta a aceptar algunha proposta da CIG-Ensino sobre dedicación horaria para titoría dual, reordenación horaria na FP básica e atribución docente do módulo de Inglés profesional

No Consello Galego de FP o sindicato maioritario volveu incidir nos aspectos que máis preocupan ao profesorado de cara á implantación progresiva da reforma de FP prevista para o próximo curso.

Representantes da Consellaría anunciaron que está previsto publicar as Instrucións ordinarias de desenvolvemento das ensinanzas de FP para o vindeiro curso a comezos da próxima semana e que colgarán na web, á espera da súa publicación no DOG, as Instrucións para a implantación nos primeiros cursos da oferta ordinaria dos graos D e E no curso 24/25.

Despois de dúas reunións do Consello Galego de FP e de unha Mesa Sectorial, a Dirección Xeral de FP amosouse hoxe aberta a considerar algunha das propostas que lle presentou a CIG para intentar paliar algún dos efectos que, a xuízo do sindicato, poden resultar máis lesivos da reforma destas ensinanzas que se vai comezar a implantar en setembro no primeiro curso dos ciclos ordinarios (básicos, medios e superiores) e dos cursos de especialización

Asignación horaria para a titoría dual de centro

Durante a reunión esta mañá do Consello Galego de FP, a responsábel destas ensinanzas da CIG-Ensino, Montse Pernas, insistiu en que é preciso regular unha liberación horaria para todas as tarefas que levará aparellada a titoría dual en primeiro curso, tal e como se recolle nos apartados 1 e 4 do artigo 166 do RD 659/2023 nos que se di textualmente que “cando menos se promoverá que haxa un titor ou titora dual de centro por cada grupo, en función do número de alumnado" e se enumeran até 10 competencias que lle corresponden a esta figura. Por analoxía co que actualmente está acontecendo nos CIFPs no réxime dual intensivo ou coa coordinación de FCT, a proposta da CIG-Ensino foi que se contemple até 3 horas de dedicación horaria semanal para a persoa que teña que exercer estas tarefas, en función do número de alumnado que finalmente realice formación na empresa. Pernas puxo como exemplo o que xa estaban a regular outras comunidades como Andalucía, con dúas horas por grupo, Asturias entre 2 e 6 dependendo do número de alumnado, Castela León entre 4 e 8 entre primeiro e segundo curso... e afeoulle á Dirección Xeral que coa súa intención de non contemplar esta opción “vaiamos da man unha vez máis, como no caso do horario lectivo, de Madrid, por exemplo, que tampouco ten previsto ningunha”.

Na súa resposta, a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, indicou que na Resolución destas instrucións non procedía a regulación desa liberación horaria mais amosou a súa conformidade con que os centros poidan, como o viñan facendo até agora, asignar sesións dentro do horario docente “libre”, sen especificar se serían lectivas ou non nin cantas, para realizar ou ben esta función ou ben o apoio á mesma. Indicou, iso si, que se nalgún caso vai todo o grupo á formación en empresa o profesorado quedaría con horario dispoñíbel libre para poder realizar esta tarefa. 

Aínda que a CIG-Ensino agardaba unha maior concreción sobre esta cuestión recoñece que é un avance ao respecto das afirmacións da directora xeral na pasada Mesa Sectorial e estará vixilante para que tanto o próximo curso, que será de implantación provisional, como cando se elabore o Decreto galego que regule a ordenación da FP en Galiza se respecte este dereito laboral, recollido ademais na normativa estatal.

Reordenación horaria da FP básica 

Responsábeis da Consellaría de Educación tamén se amosaron dispostos a reformular o reaxuste horario proposto nos ámbitos da FP básica, no sentido no que incidiu a CIG-Ensino, que se opoñía a que das 31 horas totais que se lle van restar ao módulo de Comunicación e Sociedade o recorte se faga na unidade formativa de Comunicación en lingua española e galega, chegando ao punto de que o horario do módulo de Inglés duplique o de cada unha destas linguas. Esta é a redacción que aparece no borrador da Resolución das instrucións:

 

Cargos da Dirección Xeral indicaron que reconsiderarían esta decisión e que, de ter encaixe horario, cambiarían a redacción para que este recorte non se materializase sobre o módulo de comunicación en linguas galegas e castelá. A CIG-Ensino amosou a súa preocupación porque o alumnado da FP básica non remate esta etapa coa competencia básica en lectoescritura nas dúas linguas cooficiais, nomeadamente en galego, e entende que tanto estas unidades formativas como a de matemáticas non deberan tocarse ao respecto de como están na actualidade.

Atribución docente dos módulos de Inglés profesional

Ao respecto dos módulos de Inglés profesional, e tendo en conta que o Ministerio de Educación vén de estabelecer que a atribución docente lle corresponde ao profesorado da especialidade de Inglés de Secundaria, a CIG-Ensino volveu incidir en que “o módulo de segundo debera considerarse un complemento de formación para que non compute dentro das 2000 horas totais dos ciclos e, polo tanto, non supoña un recorte horario dos módulos profesionais”. A Dirección Xeral non respostou a esta proposta pospoñendo todo o que ten que ver co deseño do Decreto de ordenación da FP ao traballo que se faga o vindeiro curso, no que por certo a CIG-Ensino pediu ser parte máis activa, pero si indicou que para o módulo de primeiro se establece a posibilidade de que profesorado da familia profesional que conte con titulación habilitante (inicialmente un C1 como idóneo e excepcionalmente cun B2) poderá completar horario coa impartición deste módulo. Deste xeito queda garantido o cumprimento da norma estatal e que a maior carga horaria lle vai corresponder ao profesorado especialista de inglés pero que se nun determinado centro, por exemplo, hai 4 horas libres de Inglés profesional poderá impartilas profesorado de FP que teña a competencia lingüística. Desde a CIG-Ensino solicitouse que a aceptación desta atribución sexa voluntaria e que se teña en consideración tamén algún tipo de medida de apoio, como acontece coa liberación horaria que teñen as persoas que imparten módulos bilingües, para poder preparar o material didáctico e as clases no caso de que finalmente alguén se vexa obrigado ou obrigada a impartir este módulo. Sobre esta última cuestión a directora xeral non se pronunciou e limitouse a dicir que desde o seu departamento se favorecerá formación, prevista para comezos do vindeiro curso, e material didáctico de cada familia profesional en inglés. 

No mesmo sentido, a directora xeral, tamén indicou que se poderá completar horario á inversa, por exemplo con profesorado de ESO e Bach que poderá impartir o módulo de IPE na FP básica. 

A CIG-Ensino volveu solicitar que se regule a impartición de afíns, respectando o límite horario das mesmas, pero considera que esta solución é “menos mala” que a dos contratos a media xornada ou que se empecen a aplicar as itinerancias na FP.

Outras demandas da CIG-Ensino 

O sindicato maioritario, como non podía ser doutro xeito, volveu cuantificar o gasto que suporía para a administración a equiparación salarial do profesorado do corpo de profesorado especialista de sectores singulares ao respecto do PTFP a extinguir e do profesorado de PES que imparte en FP, “que non chegaría ao medio millón de euros anuais” e pediu explicacións detalladas sobre como se van gastar os 9 millóns anunciados por Rueda para o Plan FPGAL360 este ano, é dicir, de setembro a decembro. A directora xeral limitouse a dicir que se coñecerán os detalles deste plan no mes de setembro. 

Por outra banda a CIG-Ensino aproveitou que no Consello Galego de FP están presentes representantes das Consellarías de Medio Rural, Emprego e Mar para poñer de manifesto as diferenzas existentes nos dereitos que ten o persoal docente de Educación nos centros de FP que son de titularidade doutros departamentos da Xunta. En concreto, por ser o colectivo máis numeroso, Pernas referiuse aos 21 docentes que prestan servizos nos Centros de Formación e Experimentación Agraria, dependentes da AGACAL desde o ano 2018, e que non poden participar nos proxectos para a formación do profesorado e, en xeral, en ningún dos programas anuais de Educación (innovación, mobilidade -tampouco o alumnado que ve limitadas as posibilidades por exemplo de participar nun Erasmus-, formación...) “malia que os centros de MR tamén son centros públicos e ofertan titulacións oficiais de Educación”. Tampouco dispoñen de departamento de Orientación propio nin poden acceder á xefatura de Departamento. Dado que as diferenzas entre Consellarías son evidentes “e sobre todo as que hai a respecto de persoal de Educación que presta servizos por exemplo nas escolas militares dependentes do Ministerio de Defensa”, a responsábel de FP da CIG-Ensino solicitou “unha solución a esta problemática e unha actualización dun convenio que data do ano 95 e que case 30 anos despois está claramente desfasado para afrontar os desafíos que supón a nova reforma educativa da FP”. Neste sentido o representante da AGACAL concordou en que era preciso introducir melloras na formación de todo o profesorado que traballa nestes centros e que están traballando tanto para ter algún programa de mobilidade como para ter departamento de Orientación, recoñecendo que é preciso unha actualización do convenio de colaboración entre as dúas administracións.

Volver