A demanda da recuperación horaria do profesorado galego, presente tamén na asemblea de delegadas e delegados da CIG

Esta mañá a central sindical congregou en Compostela a centos de delegadas e delegados para conmemorar os seus 25 anos de existencia e ser a primeira forza sindical en afiliación, representantividade e mobilización social.

A recuperación das 18 sesións lectivas en secundaria e das 21 en primaria, recortadas coa escusa da crise polos gobernos de Feijóo e de Rajoy, formou parte hoxe das reivindicacións activas que mantén a Confederación Intersindical Galega nestes momentos e que se abordaron na asemblea de delegadas e delegados celebrada esta mañá no Pazo de Congresos de Santiago. A continuación, unha ampla representación do Ensino marchou até a Xunta de Galiza para reclamarlle á Consellaría de Educación que se abra a negociar esta cuestión, así como a recuperación doutros dereitos, antes da folga convocada para o vindeiro xoves, 12 de decembro.

A CIG-Ensino mantén a iniciativa mobilizadora no ensino público galego, ao igual que o resto das federacións que conforman a Confederación Intersindical Galega, que esta mañá celebrou en Compostela os seus 25 anos de existencia e a súa hexemonía como forza con maior número de afiliación, de delegados e delegadas e de confrontamento co poder en Galiza. Nun encontro no que se debullaron os principais problemas que afronta o noso país, azoutado por unha crise industrial, poboacional e enerxética brutal, e se trazaron as liñas de traballo para os próximos meses, como non podía ser doutro xeito a folga no ensino convocada para a vindeira semana e a reinvidación do profesorado galego de recuperar os dereitos recortados durante a crise estiveron moi presentes tanto no decurso do acto como na marcha organizada até San Caetano.

Delegadas e delegados da CIG-Ensino chegados de toda Galiza puxeron voz ás reclamacións do persoal docente na defensa dos servizos públicos como o valor fundamental que vertebra a sociedade galega e ante os continuos ataques privatizadores que permiten e avalan o señor Feióo e o goberno do PP da Xunta. Entre outras cuestións, a entrada da empresa como nunca antes nas distintas etapas educativas tanto do ensino obrigatorio como post-obrigatorio, o lanzamento dunha universidade privada ou o mantemento da LOMCE por parte do actual goberno do Estado, que introduce criterios de xestión e de rendibilidade conómica no día a día dos centros educativos, son outros dos puntos a enfrontar no horizonte de traballo que se marca a CIG-Ensino para o próximo ano.

A folga como única saída

Ao igual que noutros sectores no noso país, o ensino público tivo tamén que recorrer á convocatoria de folga como única saída tras a negativa da Xunta a negociar a recuperación dos dereitos usurpados na última década. Así pois, a CIG-Ensino mantense na vangarda mobilizadora e chama a participar masivamente na folga do vindeiro día 12 a un profesorado que viu mermadas claramente as súas condicións de traballo, con disminución de salarios, aumento de horario lectivo e de número de alumnado, coa impartición de materias afíns que na maior parte dos casos non teñen ningunha relación coa formación da que dispón e cun desleixo por parte da administración ao respecto das necesidades na atención á diversidade nas aulas. 

Para dicir que abonda de desprezo e de indiferencia, todas e todos á folga do 12 de decembro!

Volver