A decisión da Consellaría de levar ao máximo a dualización da FP só beneficia as empresas e pon en risco o mantemento dos postos de traballo docentes

CIG-Ensino foi moi crítica esta mañá no Consello Galego de FP porque non se contara coa representación do profesorado na toma desta decisión, así como na distribución dos novos módulos entre primeiro e segundo curso e no incremento da oferta de inglés.

A central nacionalista, que foi a única organización sindical que interveu neste punto, alertou de que o profesorado de FP pasará de impartir 1600 das 2000 horas dos ciclos a 1300 ou mesmo 1180, dependendo de se computa o Inglés profesional dentro do horario máximo, polo que, de precisarse unha media de 4 docentes por cada ciclo cando remate esta implantación poderían ser suficientes só 3.

A CIG-Ensino afeoulle á directora xeral de FP, Eugenia Pérez, que desde que tomou posesión no seu cargo na anterior lexislatura non comparecera en ningunha Mesa Sectorial e que non consensuara neste órgano de negociación co profesorado, a través da súa representación sindical, as tres grandes decisións que xa tomou a Consellaría ao respecto da reforma da FP e que para o sindicato van supoñer unha perda clara na calidade da formación profesional e do seu prestixio social: 

  • A aposta por levar ao máximo, tal e como recalcou na súa intervención a directora xeral de FP, o tempo de formación na empresa até as 480 horas na FP básica e até as 700 en Ciclos Medios e Superiores. Durante a reunión do Consello Galego de FP os responsábeis da Consellaría deixaron entrever que cando non sexa posíbel realizar as prácticas de 1º na empresa -aceptando a proposta da CIG-Ensino de que esta decisión a tome o equipo docente-, que se farían no centro educativo, “polo que non habería cambios nos horarios do profesorado” (sen especificar se o alumnado cotizaría ou non durante ese período). No caso de segundo curso realizaríanse as horas mínimas de formación que estabelece o RD 659/2023 (400 na Básica e 500 en Ciclos Medios e Superiores), preferentemente a finais de curso. A CIG-Ensino lembroulles aos representantes da Dirección Xeral que esta decisión se traduce en que o alumnado terá que estar nos CM e CS até 12 semanas lectivas na empresa ou organismo equiparado de forma que as prácticas comezarían a mediados de marzo como moi tarde e practicamente ese mes quedaría anulado academicamente no centro educativo.

A este respecto, a CIG-Ensino resaltou na súa intervención que se reducen significativamente as horas de formación no centro educativo do seguinte xeito: 

- Na FP Básica reduciríase un 8% (até 160 horas en dous cursos, 80 por curso) 

- Na FP de Grao Medio reduciríase case un 15% (290 horas).

- Na FP de Grao Superior reduciríase case un 17% (316 horas). 

A preguntas concretas da CIG-Ensino sobre se as 80 horas a maiores na FP básica estaban amparadas pola normativa básica estatal, representantes da Consellaría indicaron que o artigo 159.3 do RD 659/2023 permite que “a formación en empresa ou organismo equiparado nestas ensinanzas se poderá deseñar a partir do 20 % da duración total prevista da oferta formativa“, aínda que recoñeceron que será difícil levalas a cabo tanto pola idade do alumnado como pola imposibilidade de atopar empresas para 2 semanas de prácticas.

  • A distribución dos novos módulos entre primeiro e segundo curso dos CM e CS.

Esta decisión, tamén tomada sen consenso previo, supón unha importante descompensación entre a adquisición dos Resultados de Aprendizaxe dos módulos profesionais de primeiro e de segundo curso nos centros educativos. Mentres que en primeiro “só” hai que restarlles 3 horas lectivas semanais correspondentes ao módulo de Inglés profesional I (2) e de Sustentabilidade (1), en segundo chegaranse ás 10 horas semanais menos de carga horaria, ao ter que incluír 4 horas do módulo optativo, 3 de Inglés Profesional II, 2 de Proxecto Intermodular e 1 de Dixitalización. A CIG-Ensino amosou a súa preocupación porque isto supoña unha perda de postos de traballo docentes, dado que é unha redución moi considerábel de carga horaria. Os responsábeis da Consellaría indicaron a este respecto que até que estea aprobada toda a normativa estatal non se pode indicar como quedará finalmente a ordenación do sistema de FP galego e que para o vindeiro curso optarán por implantalo ou ben a través dunha Orde ou de Instrucións. En todo caso manifestaron que esperan que non haxa problemas de horario do profesorado, unha visión desde o punto de vista da CIG-Ensino ou ben optimista ou aloxada da realidade, de se manter esta distribución.

Representantes do sindicato sinalaron ademais que os novos módulos de Dixitalización e Sustentabilidade deberan incluírse como contidos transversais dos actuais módulos profesionais porque xa se estaban a impartir dentro do seu currículo e non restarlle horario ao total do ciclo e pediron formación específica para o profesorado. Neste sentido, a resposta da Consellaría é que atenderían esta petición indicando que nestes intres hai unha formación a nivel estatal sobre Sustentabilidade e en breve haberá unha a nivel galego, así como que teñen un grupo de traballo formado por docentes de todas as familias profesionais para ter recursos adaptados para o módulo de Inglés profesional. Desde a CIG-Ensino aproveitouse para lembrar as solicitudes xa incorporadas nas últimas Mesas Sectoriais de que se concedan licenzas de formación específicas para a preparación de material para estes novos módulos, se reserven prazas concretas no Piale tanto para profesorado de inglés como de Formación Profesional para mellorar o dominio desta lingua e se recuperen as estadías formativas en empresas no estranxeiro coa modalidade lingüística, que agora si terían demanda. 

  • A aposta por duplicar o módulo de Inglés Profesional.

Segundo informacións xornalísticas, a FP galega terá un módulo de Inglés profesional I que excede en 10 horas o currículo mínimo estabelecido a nivel estatal, é dicir, contará con 60 horas en primeiro curso e outro módulo de Inglés profesional II, que será de carácter autonómico, con 60 horas tamén de duración en segundo curso. A CIG-Ensino fixo unha avaliación a este respecto indicando que o Ministerio de Educación errou en implantar este módulo en todos os ciclos sen ter en conta a particularidade da área profesional e que “a Formación Profesional -que ten un carácter eminentemente profesionalizador- non está para suplir as carencias que poida ter o alumnado no dominio desta lingua procedente da ESO ou de Bacharelato, e que deben ser nestas etapas nas que se terá que reforzar a súa impartición por profesorado especialista”. “Mais agora é a Consellaría a que erra dobremente homoxeneizando a implantación do módulo de Inglés Profesional II en todos os ciclos. Actualmente aqueles que requiren dunha carga horaria relevante de inglés ou doutras linguas estranxeiras como os vinculados co comercio internacional, a hostalaría e turismo, a administración e finanzas... xa teñen estipulado que será profesorado de Inglés de Secundaria quen ten que impartir este módulo e van manter a súa importancia curricular, como é obvio”. Porén, e dado que na FP dual a implantación das 106 horas dos módulos de inglés computa a maiores das 2000 horas do ciclo, a CIG-Ensino solicitou que tamén neste caso se manteña o mesmo criterio de poder superar a duración total do ciclo cos dous módulos de Inglés profesional, ou cando menos co de segundo curso por ser de normativa autonómica. A Consellaría amosou a súa disposición a estudar esta proposta. Sobre quen impartirá estes módulos con carácter xeral, agás nos que xa está estipulado que sexa profesorado de inglés especialista, a Consellaría avanzou que, á espera do que determine o Ministerio, no módulo autonómico pretenden manter os criterios actualmente vixentes para os ciclos plurilingües e para a FP dual. 

Así mesmo, a CIG-Ensino tamén solicitou que se aproveiten estes complementos formativos, que poden supoñer un 10% máis das horas do ciclo na modalidade dual xeral ordinaria e un 40% máis na intensiva para incluír outras linguas estranxeiras, nomeadamente o portugués, tendo en conta os múltiples intercambios comerciais e colaboracións socioeconómicas que existen co país veciño. 

Por último sobre o módulo optativo a Consellaría indicou que será único para o mesmo ciclo en toda Galiza aínda que os centros poderán adaptalo á súa contorna. Como exemplo no sector industrial indicou que se poderían fixar módulos específicos de traballos en altura e despois adaptalos ao tecido produtivo da zona.

Maior privatización destas ensinanzas tanto a nivel interno como externo

A CIG-Ensino aproveitou para facer unha análise demorada do que está por vir na FP os vindeiros anos. “A decisión de ir a máximos da Consellaría é na práctica unha dualización total da FP porque 700 horas xa era o mínimo que estaba agora o alumnado na modalidade intensiva, iso si, a partir de agora só cotizarán e servirán para maquillar as cifras do desemprego, como xa podemos ver estes meses coas altas na Seguridade Social do alumnado que está a realizar a FCT”. Así pois, a modalidade dual ordinaria pode chegar a 700 horas e a intensiva a 1000 nos CM e CS, sen haber apenas diferenzas entre elas, agás o carácter remunerado desta última. Tal e como puxo e manifesto a representante do sindicato, “o tempo dedicado aos módulos profesionais nos centros non vai chegar nin á metade das horas totais dos ciclos medios e superiores, se se ten en conta que ás 700 horas na empresa hai que engadir as mínimo 310 que sumarían os novos módulos de competencias básicas e os dous de inglés” e pediulle á Consellaría que reflexione e rectifique se non quere contribuír decididamente a que estas ensinanzas perdan a relevancia social e o nivel de matrícula acadados nos últimos anos. 

Para a CIG-Ensino as únicas beneficiarias desta situación son as empresas que acollan este alumnado, que terán man de obra gratuíta, e tamén aquelas que están vendo no negocio da oferta formativa de FP unha alternativa a outras actividades, como é o caso dos colexios concertados e privados que ante a caída da natalidade nas etapas de infantil e primaria agora están a ofertar por primeira vez ou incrementando os ciclos formativos. Neste sentido, hai algúns datos contundentes xa nestes momentos. Un de cada catro estudantes matriculados en FP en Galiza estuda en centros privados ou concertados, que suman en total 66 fronte aos 172 públicos. A representante da CIG-Ensino preguntoulle á directora xeral que cantidade dos 5.400 millóns de euros que afirmou recibir o goberno do Estado nos últimos catro anos de fondos europeos lle correspondeu a Galiza, ao que esta respondeu que para o sistema educativo da FP a cantidade foi moi pouca en comparación con outras accións da formación profesional, pero sen detallar ningunha cifra concreta. 

A dual, un modelo fallido que a Xunta impulsará aproveitando esta reforma 

Cómpre lembrar que a modalidade dual actual, ao contrario do que repite insistentemente a Consellaría, non é ningún modelo de éxito. O alumnado amosa que prefire calquera das outras modalidades como se pode ver no estudo realizado en xullo pasado pola CIG-Ensino no que se comparan o número de prazas ofertadas e as solicitudes en cada unha delas:

TÁBOA RESUMO GLOBAL 

Réxime

Prazas ofertadas

Solicitudes

Diferenza porcentual

Distancia

7578

16822

221,98%*

Dual

3736

2710

72,54%

Modular

3207

5754

179,42%

Ordinario

25595

80897

316,07%

Total

40116

106183

264,69%

 * Moita da demanda existente nos ciclos a distancia é de alumnado que non consegue entrar nos ciclos modulares e ordinarios, que ten unha oferta claramente insuficiente no sistema público. 

Desde o sindicato seguen recibíndose máis de 10 anos despois da implantación da dual múltiples queixas do alumnado sobre os problemas que teñen nas empresas ao respecto das funcións laborais que realizan, que nalgúns casos rozan a explotación e a suplantación de postos de traballo, e da falta dunha titorización real nesta fase formativa. Así mesmo, tamén chegan algunhas avaliacións por parte dos centros de determinados ciclos duais que non están a funcionar, nos que non titula nin a terceira parte do alumnado matriculado ou nos que hai moito abandono precisamente polo mal funcionamento desta modalidade. Mais, ao contrario do que parece que van facer outras CCAA, e como xa fixo antes apostando pola FP a distancia, a Xunta opta por aproveitar esta reforma para chegar ao tope das horas na empresa na modalidade dual ordinaria. 

A respecto disto, a CIG-Ensino pediu maior transparencia na publicación dos convenios actualmente en vigor da modalidade dual e que no seu contido se diferencien claramente cantas horas de formación na empresa son curriculares e cantas de actividade profesionalizadora, así como o horario concreto que ten que realizar o alumnado na empresa, porque esta cuestión está dando moitos problemas de interpretación entre as partes implicadas ao non recollerse por escrito. 

Discriminación entre o profesorado que imparte Formación Profesional

Por último, a CIG-Ensino foi tamén o único sindicato que abordou a necesidade de rematar coa tripla discriminación existente entre o persoal docente que imparte na Formación Profesional tras a extinción do corpo de PTFP. Nestes intres, segundo datos solicitados á administración e cruzados cos distintos procesos de integración que se levan executado en Galiza: 

  • 1022 docentes integráronse no corpo de PES, pero quen aprobou en 2021 ou era interino na entrada en vigor da LOMLOE aínda cumprindo os requisitos non cobrou retroactivamente. Unha cuestión que está nestes intres xudicializada.
  • 731 persoas están a cobrar o complemento equiparador por formar parte do corpo de PTFP a extinguir.
  • Todo o profesorado do novo corpo de PESSFP, sexa funcionariado de carreira (50 xa este curso e 80 prazas convocadas nas oposición de xuño) ou interino (168 con contrato todo o curso con data de outubro de 2023), alén do persoal substituto, quedou á marxe desta compensación económica efectivizada en setembro do ano pasado. 

Na reunión, a representante da CIG-Ensino puxo de manifestó que “aínda coincidindo en que a responsabilidade inicial desta situación a tivo o Ministerio, o que está claro tamén é que a Xunta optou por unha medida de baixo custe e que debe estender o pagamento deste complemento a todo o profesorado especialista de sectores singulares que traballe para a Consellaría evitando así a xudicialización desta reclamación”. Os representantes da Dirección Xeral de Formación Profesional simplemente se comprometeron a trasladarlle esta cuestión á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pero sen avanzar ningún compromiso concreto.

Volver