A convocatoria de folga fai rectificar á Xunta pero as medidas seguen sendo “insuficientes e desiguais” para as distintas etapas educativas

A Consellaría adiantou seis días a publicación do Protocolo “definitivo” para o curso 2020/21 tres días despois do rexistro da convocatoria de folga para o 10 e 16 de setembro e xusto unhas horas despois de que se fixeran públicas as mobilizacións

A principal novidade da versión denominada como “definitiva” pola Consellaría é a autorización de desdobres nas aulas de secundaria, bacharelato e formación profesional nas que non sexa posíbel manter unha distancia de 1,5 metros entre centro das cadeiras. A Consellaría acepta por fin o distanciamento recomendado por todas autoridades sanitarias en contra do criterio mantido até o momento, o que na práctica vai significar unha diminución das ratios nun número indeterminado de aulas, pero deixa fóra desta medida o ensino infantil, primario e de réxime especial. A CIG-Ensino mantén as accións de protesta até que se unifique a distancia de seguridade e se atendan a outras cuestións como a vulnerabilidade dos colectivos de risco e a descarga de toda responsabilidade dos equipos directivos e do profesorado.

Non hai dúbida de que a convocatoria de mobilizacións e de dúas xornadas de folga, así como o inxente rexeitamento das familias e a presión social están detrás da modificación do protocolo publicado onte na páxina web da Consellaría, adiantándose en seis días á data anunciada polo propio presidente da Xunta. Malia que nas comunicacións públicas de Educación non había ningunha referencia aos cambios introducidos, a reacción onte do departamento que de momento ocupa Camen Pomar, é unha rectificación en toda regra en canto ao distanciamento de seguridade nas aulas. Por primeira vez o Protocolo da Xunta recolle que esta separación debe ser de, como mínimo, de 1,5 metros entre centro de cadeiras, pero cingue a súa aplicación ás aulas de secundaria, bacharelato e formación profesional nas que indica que “de non poder garantirse esta distancia se deberán realizar desdobres”. Na práctica, esta é a medida que vimos pedindo insistentemente desde o principio do estado de alarma e que significará unha baixada efectiva de ratios, coa conseguinte redución do risco de contaxio nas aulas. Porén, neste momento non podemos saber cal é a incidencia real desta medida, toda vez que as previsión dos centros (espazos e profesorado) estaban feitas a partir da limitación a 1m, como se pode ver na cativa adxudicación de destinos provisionais.

A CIG-Ensino reclama que se convoque de inmediato unha negociación coas organizacións sindicais para concretar como se vai aplicar esta medida e anuncia que se manterá vixilante para que se lle dea cumprimento. Como xa criticamos en reiteradas ocasións, a falta de credibilidade e de improvisación da Consellaría foi constante e levou a que se perdera un tempo esencial para a planificación do inicio do curso. Así os equipos directivos terán agora que refacer todo o que levan traballado durante o verán e haberá que buscar alternativas se non hai espazos nos propios centros para levar a cabo eses desdobres.

Así mesmo, parécenos absolutamente rexeitable que a Consellaría só sacara a fita métrica por fin para unhas etapas educativas. Na última versión do protocolo publicada onte as Escolas de Idiomas, Conservatorios e Escolas de Artes non existen. Non se sabe se o distanciamento de metro e medio lles vai ser de aplicación ou non. Mentres tanto, estenden a invención da aula burbulla a TODA primaria para evitar reducir a ratio de 25 nas aulas. Para a CIG-Ensino isto é “discriminatorio e irresponsábel”. Hai que ter en conta que canta menor idade ten o alumnado máis difíciles son de cumprir as outras medidas de prevención, como o uso correcto da máscara, a hixiene de mans e do material empregado ou o control do contacto con boca, nariz e ollos.

En infantil tamén se mantén o concepto de aula burbulla e introdúcese unha modificación que de novo é unha cortina de fume para non abordar a necesaria redución do número de alumnado por aula. Aparece a subdivisión do grupo estábel en grupos de 5 nenas e nenos que teñen que manterse separados entre si 1,5 metros. De novo esta medida, xunto coa máscara “sempre que sexa posíbel” para maiores de 3 anos, son parches que non entran no fondo da cuestión do que realmente necesitan estas ensinanzas, que son ratios máis reducidas. Co tamaño medio das aulas de infantil nos centros urbanos e periurbanos do país vai ser imposíbel cumprir con seguiridade esta nova ocorrencia da Consellaría.

As mobilizacións, máis necesarias ca nunca.

Malia terse producido unha rectificación nas distancias en secundaria e FP, son moitas as cuestións preventivas que seguen quedando sen abordar no protocolo e que afectan aos servizos complementarios (comedores, transporte, programas madruga), á dotación de material para as familias e profesorado no caso de illamentos preventivos ou corentenas, á responsabilidade patrimonial ou mesmo penal de docentes e equipos directivos en lugar da Xunta, ao protocolo de illamento tras a detección dun caso positivo, de realización de probas PCR os contactos estreitos, de corentenas...) Todo isto segue igual sen concretar e debemos evitar que a improvisación siga sendo “marca da casa” tal e como a propia conselleira vén de manifestar en declaración públicas nas que sen ningún rubor admite que “xa se irá vendo pouco a pouco”.

Outra cuestión de especial relevancia que segue a  ignorarse é a vulnerabilidade dos colectivos en risco. Non se entende como en maio o persoal docente con enfermidades graves, inmunodeprimido ou as embarazadas eran colectivos de risco e nestes momentos non se lles ofrece ningunha posibilidade de adaptación do posto de traballo ou de teletraballo.

Temos por diante unha loita que debe intensificarse estes días xa desde a voráxine de traballo nos centros educativos, que é responsabilidade da improvisación e da borracheira de poder do Feijóo na Xunta. Lembramos a convocatoria de concentracións diarias diante dos centros, de entre 15 e 20 minutos desde hoxe mesmo amosando o rexeitamento ao protocolo, a aprobación de resolucións críticas nos claustros de principio de curso e no Consello Escolar e a convocatoria de dúas xornadas de folga coincidindo co primeiro día de aulas nas distintas etapas educativas (os días 10 e 16 de setembro).

Volver