A Consellería outorga menos de 200 meses para licenzas por formación dos 500 que oferta

Hoxe publicouse a resolución definitiva das licenzas por formación para o curso 2024/25

Segundo as modalidades, a distribución das licenzas outorgadas en comparación co curso anterior é a que segue:

 

2023-24

2024-25

Modalidade 1a.

Proxectos individuais materiais curriculares

37 meses concedidos de 130 ofertados: 28,46%

 66 meses concedidos de 130 ofertados: 50,7%

Modalidade 1.b Grupos de traballo materiais curriculares

65 meses concedidos de 170 ofertados: 38,24%

78 meses dos 170 ofertados: 45,88%

Modalidade 2. Cursos non presenciais

118 meses concedidos de 130 ofertados: 90,77%

29 meses concedidos de 130 ofertados: 22,30 %

Modalidade 3. Materiais FP

67 meses concedidos de 70 ofertados: 95,71%

3 meses concedidos de 70 ofertados: 2,85%

Modalidade 4. Licenzas non retribuídas.

 Non Convocadas

11 solicitadas e 1 excluída por falla de requisito.

Se facemos unha análise detallada por proxectos presentados segundo as modalidades, os resultados son os seguintes:

 

 

Proxectos presentados

Proxectos aptos

Porcentaxe concedida

Submodalidade 1.a. Materiais didácticos individuais

 

105

24

22,85%

 

Submodalidade 1.a.1. Todos os corpos e temáticas agás 1.a.2. e 1.a.3.

61

13

21,31%

 

Submodalidade 1.a.2. Módulos FP

42

9

21,42%

 

Submodalidade 1.a.3. CIEDIX

2

2

100%

Submodalidade 1.b.Materiais didácticos grupos

 

39

13

33,33%

 

Submodalidade 1.a.1. Todos os corpos e temáticas agás 1.a.2. e 1.a.3.

24

8

33,33%

 

Submodalidade 1.a.2. Módulos FP

13

3

23,07%

 

Submodalidade 1.a.3. CIEDIX

2

2

100%

Submodalidade 2.a  Cursos non presenciais

 

 

 

 

 

Submodalidade 2.a.individuais

8

5

62,5%

 

Submodalidade 2.a. en grupo

2

2

0%

 

Submodalidade 2.b. EOIS

3

3

100%

Submodalidade 3. Cursos FP

 

3

2

66,66%

Ante as protestas da CIG-Ensino polo elevado número de proxectos non aprobados, nomeadamente nas modalidades 1 e 2, a Administración alega a mala calidade dos mesmos. Trátase dunha resposta moi manida que non podemos aceptar porque, tal como puidemos comprobar na comisión de selección á que asistimos, na submodalidade 1.a. hai 16 proxectos que quedan fóra por centésimas e/ou menos de 9 décimas e, de consideralos aptos, incrementarían en  48 meses máis o número dos concedidos chegando así a un 88% dos meses ofertados. Algo similar ocorre na submodalidade 1.b. na que atopamos 10 proxectos que quedan fóra por centésimas e/ou menos de 9 décimas;  se fosen valorados como aptos, aumentarían 63 meses máis e acadaríase deste xeito un 82,94% de meses concedidos. É evidente, polo tanto, que non se trata dunha cuestión de calidade de proxectos senón de aforro de orzamento dedicado ás licenzas.

Na pasada comisión de selección da convocatoria de licenzas á que se nos convoca á representación sindical con voz e sen voto, a CIG-Ensino reclamou que dada a suposta falta de calidade dos proxectos debería ser a Consellería quen formase ao profesorado. A resposta da Administración naquel momento foi que ofertaría un curso para as persoas que quixesen aprender a elaborar un proxecto “de calidade”. Pasado un ano, o que unicamente se ofertou foi un curso de formación aberta a distancia  en FProfe que máis ben se centraba nos ODE (obxectos dixitais educativos). Tal como indicamos na comisión deste ano algo debeu fallar se entraron máis de 100 persoas a consultar este curso das que boa parte presentou proxecto e resultou valorada negativamente. Unha vez máis, a Consellería mostra o seu desprezo ao profesorado rexeitando as súas propostas didácticas moitas veces xa contrastadas no seu traballo diario.

Outro aspecto ao que por sistema a Administración fai oídos xordos é á petición da CIG-Ensino de que se publique na resolución definitiva ao lado das persoas que acadaron a licenza a temática sobre a que vai traballar na mesma. Se ben na pasada edición se nos respondeu que sería atendida a nosa demanda, na presente non se nos deu resposta nin sequera no seo da propia comisión. Así, calculamos que haberá materias, nomeadamente de módulos de FP carentes deles, que seguirán sen ser elaborados.

Unha comisión de valoración escura e improdutiva

En canto ao funcionamento da comisión de valoración, advertimos como ano tras ano se vai facendo máis escura e improdutiva. É así que nuns anos atrás nos que estabamos como representantes sindicais presentes durante a corrección dos proxectos, pasamos a outros nos que parece que se nos convoca para que tomemos coñecemento, unha vez xa todo “cociñado”,  e así

darlle á comisión un cariz de formalidade e transparencia das que carece totalmente. Se ben o profesorado non pode ver o seu proxecto antes de facer alegacións, cando menos ata o de agora si o podiamos facer desde a representación sindical, porén nesta ocasión non se nos deu a posibilidade de ver os proxectos aducindo falla de tempo e que o persoal corrector estaba xa de vacacións.

Parécenos impresentable que se responsabilice a este persoal e, en consecuencia, se recorte o dereito do profesorado a ser informado cando a verdadeira culpabilidade recae en que a Administración non contempla os tempos á hora de realizar a convocatoria, ou sendo máis realistas faino de xeito atropelado e escuro para que non haxa marxe para reclamar. Ante esta situación, o profesorado  ten que facer as súas alegacións na resolución provisional ás cegas xa que os apartados son xenéricos e non se publica, malia as peticións da CIG-Ensino, unha grella coas epígrafes dos diferentes apartados. Consideramos lóxico, polo tanto, que as persoas valoradas como non aptas mostren o seu desalento e desistan de realizar a súas reclamacións. Esta actitude é totalmente entendible se temos en conta que, por sistema, a Administración di revisar as valoracións dos proxectos nas que curiosamente sempre se ratifica.

Tendo en conta esta situación, é lóxico que o número de peticións de licenzas diminúa considerablemente con respecto ao curso anterior xa que o profesorado acaba disuadíndose de participar dada a complexidade do proceso, a falta de axuda da Administración e as poucas esperanzas de acadar a praza solicitada. Interpretamos, xa que logo,  que a longo prazo esta será unha boa desculpa para deixar de ofertar estas prazas: un comportamento lóxico se temos en conta a folla de ruta de recortes de dereitos laborais da Consellería.

Por outro lado, de cara a futuras convocatorias, logo das nosas protestas, a Consellería artellou a posibilidade de que as persoas non aptas poidan revisar os seus proxectos para o que establecerá un horario de mañá e de tarde durante a semana que comeza o día 7 de outubro. As persoas que queiran revisar os seu proxecto terán que solicitalo enviando un correo a: cafi.tic@edu.xunta.gal ou sfp@edu.xunta.gal

Licenzas sen retribución

Polo que se refire ás modalidades, cabe destacar a novidade desta convocatoria que recupera, logo de moitos anos de insistencia da CIG-Ensino, as licenzas sen retribuír. Se ben estamos de acordo nesta medida, tamén cómpre indicar que o reducido número de peticións, 11 en concreto, dan mostra de que o profesorado que noutros momentos se acollía nun número considerable a ela, agora xa non o pode facer con toda certeza polo empeoramento progresivo do seu poder adquisitivo.

Lamentablemente vemos como nesta nova edición se reducen un número de licenzas ofertadas e, pola liña cicateira, que recorta profesorado e aumenta horario mentres vende e publicita o contrario, que marca o norte desta Consellería; continuamos con falta de materiais e sen dar resposta ás necesidades formativas do profesorado.

Resolución definitiva e outra información sobre as Licenzas por formación para o curso 2024/25. Ligazón

Volver